Acordos do Consello de Goberno
O Consello de Goberno da USC reuniuse este xoves en San Xerome para tratar asuntos referidos ao persoal docente e investigador, oferta de titulacións, normativas académicas e outros relacionados coa vida universitaria. No tocante ao persoal docente e investigador, o Consello de Goberno abordou as prórrogas de contratos de profesorado asociado, lectores e asociados/as de Ciencias da Saúde, as licencias por período sabático para un total de trinta profesores e prazas de PDI. Tamén se aprobou a modificación da normativa pola que se regula a selección do PDI contratado e interino que introduce a posibilidade de vincular prazas asistenciais das institucións sanitarias a prazas de profesor contratado doutor e o nomeamento de cinco profesores e investigadores ad honorem, que son José Carro Otero, Manuel Freire Rama, José Manuel Vez Jeremías, Rafael Crecente Maseda e Francisco Puy Muñoz. O Consello de Goberno trata tamén este xoves a oferta de prazas e os criterios de admisión para o curso 2013-2014 en másteres, así como os criterios e o calendario –co 14 de novembro deste ano como data límite para o envío á Secretaría Xeral de Universidades- para presentar novas propostas de graos, másteres e programas de doutoramento para o curso 2014-2015, que engaden novas directrices ás xa establecidas pola administración autonómica. Neste senso, para futuros graos e másteres primaranse novos títulos en áreas emerxentes e con saídas profesionais e incorporaranse novas modalidades semipresenciais ou virtuais de ensinanza. Oferta de másteres Na xuntanza de hoxe estúdase tamén retirar da oferta de másteres un total de 13 títulos, dos que cinco se fan a proposta das súas respectivas comisións académicas. Neste caso atópanse os másteres en Investigación Agraria e Forestal, Enxeñaría para o desenvolvemento rural, Dereito privado, Química orgánica e Psicoxerontoloxía. Os oito restantes, que se retirarían por coincidir nos contidos con outros títulos implantados ou a implantar, son os de Enxeñaría de procesos químicos e ambientais, Enxeñaría matemática, Estudo e edición de textos literarios españois e latinoamericanos, Estudos teóricos e comparados da literatura e da cultura, Estudos ingleses: tendencias actuais e aplicacións, Estudos lingüísticos, Investigación en Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía e Lecturas sobre a cidade histórica. Actualización en Xestión Académica O Consello de Goberno valora actualizar a normativa de xestión académica a aplicar a partir do curso 2013-2014 no relativo aos criterios polos que o alumnado pode simultanear estudos de dúas titulacións da USC. Á vez establece que para o cálculo do límite máximo de matrícula (75 créditos ECTS) non se terán en conta os créditos do traballo de fin de grao ou máster, cuxa normativa xa se aprobou nesta xuntanza. Outros puntos da orde do día refírense á convocatoria de prazas na Escola Infantil Breogán e a xestión do cheque bebé, as axudas para o desenvolvemento de accións de mellora da docencia na súa convocatoria de 2013, a actualización de tarifas de servizos prestados pola USC, a modificación do acordo sobre convocatoria de órganos colexiados e duración do curso académico e a posta en marcha dun Programa de Atención a Estudantado de fóra da UE (PATEX) na USC, unha iniciativa que a universidade compostelá considera necesaria para establecer accións que fomenten non só o intercambio do estudantado, senón que alumnos/as de fóra da UE cursen estudos ordinarios na USC.