Aberta a inscrición no programa de talento matemático Estalmat Galicia para o curso 2024-25
O proxecto para o estímulo do talento en matemáticas Estalmat Galicia mantén aberto ata o 27 de maio o prazo de inscrición para o curso 2024-25 para estudantes que naceran nos anos 2011 ou 2012. As persoas interesadas deberán cubrir un formulario de inscrición para participar despois nun proceso de selección que constará de dúas fases.
A primeira fase será unha proba de aptitude que consistirá na resolución de varios problemas e que terá lugar o sábado 1 de xuño, ás 10 horas, en cada unha das catro sedes, situadas nas cidades de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo: IES Eduardo Blanco Amor en Ourense, IES Castelao en Vigo, Facultade de Formación do Profesorado da USC en Lugo e Facultade de Matemáticas da USC en Santiago de Compostela. Unha vez corrixidas as probas, publicarase unha lista provisional coa preselección de 25 estudantes e unha lista de agarda con 25 estudantes.
A segunda fase consistirá nunha entrevista persoal individual coas nenas e cos nenos que figuren na lista, acompañados da súa nai, pai ou persoas titoras, que previamente serán avisadas persoalmente. A entrevista está encamiñada a avaliar o interese e o grao do compromiso co proxecto.
Cada estudante deberá comprometerse a asistir ao longo dos cursos académicos 2024-25 e 2025-26 a un total de 20 sesións cada curso, ás actividades formativas que se programen nas mañás dos sábados -normalmente 20 sábados cada curso- e, con carácter voluntario, continuar no ano 2026-27 nas actividades de Estalmat-Pi ou terceiro curso -arredor de 15 sesións anuais-. Habitualmente as actividades desenvólvense na Facultade de Matemáticas compostelá.
Sumo Valor
O proxecto Estalmat-Galicia xa está incluído desde abril da plataforma Sumo Valor da USC, un programa de mecenado que implica empresas, persoas e institucións nas actividades, proxectos e servizos cos que a USC demostra a súa permanente conexión coa sociedade. Isto permitiu que este ano se sumaran a Estalmat particulares a título individual, e tamén as firmas DXC Technology e Centro de Investigación Mestrelab.
O director para Galicia da primeira das empresas citadas, Elías Castro, asegurou que “DXC Technology ten en Galicia o seu Centro de Excelencia para iniciativas de Datos e Intelixencia Artificial para España e Portugal, o cal é posible grazas ao talento STEM que se forma na nosa comunidade”. Os responsables da segunda indicaron que “para o Centro de Investigación Mestrelab, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación, a promoción do talento matemático é crucial para fomentar a investigación en solucións científicas avanzadas".