Ir o contido principal

Aberta a inscrición do segundo Concurso de Fotografía da Natureza do Museo de Historia Natural

Cartel do concurso
Cartel do concurso
Aberta a inscrición do segundo Concurso de Fotografía da Natureza do Museo de Historia Natural

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela organiza o seu II Concurso de Fotografía da Natureza, aberto a fotógrafos/as afeccionados e profesionais sen límite de idade. As fotografías poderán ser de calquera tema relacionado coa natureza: paisaxes, plantas, animais, rochas, minerais, organismos microscópicos....

As imaxes deberán presentarse impresas en papel, montadas nun passe-partout de 40x50cm, cun grosor mínimo de 1,4mm e máximo de 2mm. Ademais deberá enviarse en formato dixital en arquivo fotográfico JPG de 300ppp de resolución. Admítese calquera técnica ou procedemento dixital ou de laboratorio, en cor ou en branco e negro. Cada participante poderá presentar un máximo de dúas fotografías orixinais, inéditas e non premiadas noutros concursos.

As fotografías en papel entregaranse persoalmente, por correo postal ou mensaxería no Museo de Historia Natural da USC (Parque Vista Alegre s/n 15705 Santiago de Compostela). No dorso da imaxe deberá figurar o título da obra e o lema do autor, e aparte, en sobre pechado co título e lema no exterior, achegarase unha folla na que consten o mesmo título e lema, nome e apelidos do autor, dirección, teléfono, correo electrónico e o documento de cesión de dereitos de imaxe e protección de datos (dispoñible na web). Os arquivos informáticos enviaranse por correo electrónico ao enderezo amhnusc [at] gmail.com (amhnusc[at]gmail[dot]com), indicando no texto da mensaxe o lema da fotografía.

O prazo de admisión dos traballos, en papel e en dixital, será ata o 16 de xuño de 2019 dentro do horario do MHN. Os envíos postais ou por mensaxería admitiranse sempre que a súa data de saída estea dentro deste prazo. O xurado seleccionará 30 das obras presentadas, coas que se elaborará un catálogo e que se expoñerán, en primeiro lugar no Museo de Historia Natural da USC e posteriormente noutras institucións galegas que o soliciten.

Outorgaranse tres premios de 300, 200 e 100 euros, se ben calquera destas categorías poderá quedar deserta se, a estimación do xurado, as obras non reúnen calidade suficiente. O ditame do xurado producirase no mes de xuño de 2019 e darase a coñecer o mesmo mes na web da Asociación. A entrega dos premios farase no acto de inauguración da exposición das 30 fotografías seleccionadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2024.