Ir o contido principal

Máis de 200 estudantes de toda Galicia participaron o sábado nas probas de selección de Estalmat

Foto de grupo do alumnado participante nas probas desenvolvidas en Matemáticas da USC. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo do alumnado participante nas probas desenvolvidas en Matemáticas da USC. Foto: Santi Alvite
Da proba sairán as 25 participantes na 17 promoción deste proxecto para a detección e estímulo do talento en matemáticas

Máis de 200 estudantes de toda Galicia nacidos en 2011 e 2012 participaron este sábado nas probas de selección de 25 estudantes da 17ª promoción do Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas.  

Con esta edición supéranse as e os 5.000 estudantes que con 12 e 13 anos teñen participado nos últimos dezaseis anos para facer a proba de selección, e con esta promoción serán un total de 435 mozas e mozos que participaron no programa que impulsa o talento nas matemáticas.

Para o desenvolvemento da proba, a organización contou coa colaboración de dous centros de Ensino Medio e de dúas Facultades, ademais de docentes, persoal de administración e servizo e egresadas e egresados do programa. En concreto, no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense examináranse 22 rapaces e rapazas, no IES Castelao de Vigo 46, 14 na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e, en Santiago, foron 125 as persoas que acudiron á Facultade de Matemáticas da USC.

Os máis de 200 estudantes realizaron en cada unha das sedes unha proba que, cunha duración de dúas horas e media, consistiu na resolución de 5 problemas de distinto tipo. Será un equipo de dez persoas quen corrixa esas probas, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección é feita polo conxunto do comité.

A lista alfabética dos preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto antes do 30 de xuño. Os primeiros 25 rapaces e rapazas preseleccionados e as súas familias serán convocados a unha entrevista persoal na que deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto, que se desenvolverán nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar un curso mais, Estalmat Pi (15 sesións).  

ESTALMAT-Galicia
O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Con esta iniciativa trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas,  resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para o seu mellor aproveitamento pola sociedade.

Conta cun financiamento específico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional, da Axencia Galega de Innovación e das Deputacións da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Entre os colaboradores que aportarán material, ademais dos xa mencionados, figura Casio educación.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.06.2024.