#11FnaUSC
11F, Día da muller e a nena na ciencia

Como cada ano, a Universidade de Santiago súmase o 11 de febreiro á conmemoración en todo o mundo do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Arredor desa data, son numerosos os centros en Santiago e Lugo que contemplan accións divulgativas para pór en valor o traballo das mulleres científicas da USC á vez que espertar vocacións entre as futuras xeracións.
O acto central terá lugar o propio martes 11 cunha mesa redonda organizada pola Vicerreitoría de Política Científica e a Delegada do Reitor para Igualdade. Será ás 19.00 horas no Salón de Graos Facultade de Ciencias Políticas e Sociais cando seis mulleres que desenvolven a súa carreira profesional na USC relaten as súas propias experiencias e debatan sobre a situación actual e as perspectivas de futuro.
Participan a catedrática de Fundamentos de Análises Económica e directora Científica do Centro de Investigación Interuniversitario de Economía e Empresa para a Sociedade (ECOBAS), María Loureiro; a catedrática de Psicoloxía Básica e directora do Instituto de Psicoloxía, Isabel Fraga Carou; a técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento Susana Torrente Vilasanchez; a investigadora Ramon y Cajal na Facultade de Matemáticas Saray Busto Ulloa; a investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia no Instituto de Humanidades Alba Moreno Zurita; e a investigadora predoutoral na Facultade de Química Ana Justo Vega. Modera a decana de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón.
CientífiQas: ciencia feita por mulleres no CiQUS
Un día antes, o luns 10, será o CiQUS quen abra as portas ás preuniversitarias para compartir unha xornada con científicas referentes. No encontro CientífiQas, as investigadoras deste centro de excelencia explicaranlle a alumnas de bacharelato os proxectos que realizan dende os seus laboratorios á vez que lles mostrarán as instalacións para coñecer o centro e o seu equipamento científico.
Portas abertas no iMATUS
Unha xornada semellante terá lugar o martes 11 no Instituto de Materiais da USC (iMATUS), que abrirá as súas portas para presentar algúns experimentos sinxelos relacionados coas liñas nas que está a traballar o seu persoal investigador. Abertas a todo o público, hai tres sesións dunha duración aproximada de 1 hora para as que é preciso solicitar cita previa antes do día 10 de febreiro ás 14.00 horas.
Masterclass no IGFAE
Tamén un ano máis, o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organiza en Santiago a Masterclass Internacional de física de partículas. Así, o martes na Facultade de Matemáticas alumnas de 1º bacharelato de centros educativos de toda Galicia convivirán con investigadoras do IGFAE e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) e realizarán unha práctica con datos reais do experimento LHCb. Trátase de achegar a física ás estudantes preuniversitarias galegas, especialmente en ámbitos moi masculinizados como a física de partículas, onde persiste unha notable fenda de xénero.
Materiais para fomentar a ciencia na infancia, no CiTIUS
Pola súa banda, o CiTIUS presenta dúas plataformas dedicadas a promover a visibilidade das mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, así como a impulsar o acceso das nenas máis novas a ambos campos. Estas actividades, recollidas en dúas páxinas web, son o resultado dun traballo continuo e colaborativo para resaltar a contribución feminina ao desenvolvemento científico e tecnolóxico. Unha labor de difusión coordinada pola profesora Eva Cernadas, investigadora do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes.
Divulgación científica en Ultravioletas
Pola súa banda, a asociación de estudantes Luzada organiza a cuarta edición de ‘Ultravioletas’, centrada nesta ocasión na divulgación científica con perspectiva de Xénero, para o que contan con varias divulgadoras con dilatada experiencia neste campo como Eva Cabanelas Dopazo, Mariamo Mussa Juane ou María Jesús García Guimarey.
ECOBAS
Xa o xoves 13, ECOBAS desenvolve a xornada en liña ‘A pegada das mulleres: Enfoques dende as Ciencias Sociais’. A partir das 12.00 horas, as investigadoras de ECOBAS María Bastida (USC), María Alló e Ángeles Longarela (UDC) e Elena Rivo (UVigo) falarán de como mellorar o emprendemento feminino, dos plans de igualdade nas empresas e da necesidade dun enfoque feminista e interseccional na divulgación, docencia e investigación en economía e finanzas. Para asistir hai que completar o rexistro nesta ligazón.
Ciencia X Mulleres
Tamén a Facultade de Bioloxía se suma a esta conmemoración, cunha mostra que ata o 28 de febreiro na Facultade de Bioloxía da USC trata de visibilizar o traballo da investigación realizado nese centro por mulleres. Ciencia X Mulleres, emprazada nos corredores da planta baixa, consta de varios pósters de diferentes tamáticas presentados en congresos e outro tipo de eventos similares.
As enxeñeiras, protagonistas na EPSE
Na mesma semana da conmemoración, o venres 14 de febreiro, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo organiza a actividade ‘Protagonistas, as enxeñeiras’, coa que busca dar visibilidade a referentes femininas no seu ámbito de actuación e dar pulo ás vocacións científicas das nenas e mozas neste eido. Así, co apoio do Concello de Lugo e da Casa da Muller, haberá unha serie de obradoiros sobre temáticas variadas como o voo de drons, ‘Micro-Aliens’ contra as pragas, o esqueleto dos edificios, non malgastedes a auga, variando a velocidade, MITECO: a defensa do monte fronte a incendios ou o desenvolvemento de produtos de madeira estrutural.
Club de lectura na ETSE
Xa con carácter atemporal pero enmarcado tamén nas actividades do 11 de febreiro, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría lanza o seu Clube de lectura Enxeñaría e Xénero co obxectivo de promocionar a lectura consciente no ámbito da igualdade. Está conformado polos membros da comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS) con interese na lectura e en compartir opinións sobre as obras propostas pola comisión.