Ir o contido principal

Workshop ‘Presente e futuro da contaminación do medio acuático’

08.11.2024 | 09.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Sede do iARCUS, antigo Instituto de Acuicultura. FOTO: Santi Alvite
Sede do iARCUS, antigo Instituto de Acuicultura. FOTO: Santi Alvite

O workshop ‘Presente e futuro da contaminación do medio acuático por contaminantes emerxentes e microplásticos’ desenvólvese este venres 8 de novembro a partir das 9.00 horas no Salón de Actos do Instituto de Investigación do Medio Acuático para unha Saúde Global (iARCUS) da USC. Nel abordarase a normativa actual relacionada coa contaminación do medio acuático por contaminantes emerxentes ademais de avances relacionados co estado das masas de auga e desafíos como a mitigación de contaminación e reutilización de augas.

Organizan o encontro o Grupo de Investigación ChromChem da USC e o iARCUS no marco do Proxecto BlueWWater Interreg España - Portugal (POCTEP) e o proxecto NePMTune financiado polos Fondos Europeos en España #NextGenerationEU. O evento retransmitirase en liña a través da canle de YouTube da USC.

O proxecto BlueWWater ten como obxectivo a mellora da calidade das masas de auga fluviais, de transición e costeiras, por medio do control, seguimento e avaliación das emisións de microplásticos e contaminantes de preocupación emerxente (CECs) ao medio acuático en Galicia e Norte de Portugal, garantindo un uso sostible dos recursos hídricos e contribuíndo á implementación da normativa comunitaria vixente e en preparación para os cambios normativos previstos. Neste proxecto participan 11 socios procedentes de Galicia e o Norte de Portugal.

O proxecto NePMTune ten como obxectivo reunir o coñecemento sobre a presenza, as fontes e os riscos que expoñen as substancias químicas persistentes e móbiles no ciclo da auga en España e o desenvolvemento de ferramentas holísticas e tecnoloxías de tratamento da auga para unha mellor xestión e redución dos riscos/perigos, no marco da economía circular da auga. O consorcio do proxecto está formado por tres centros de investigación españois. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.