Ir o contido principal

As paisaxes sen xente e o futuro do territorio en Galicia, tema dos Econtros de Lúa Chea

A profesora da área de Economía agraria Mar Pérez Fra moderará este xoves, ás 19.00 horas, na EPS de Enxeñaría, unha sesión na que intervirán como relatores David Soto e Emilio Carral Vilariño

Cartaz da sesión dos Encontros de Lúa Chea
Cartaz da sesión dos Encontros de Lúa Chea

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego ofrecen este xoves 10 de novembro, a partir das 19.00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, un novo foro de debate arredor do futuro do territorio en Galicia.

A xornada, que se desenvolve baixo o título ‘Paisaxes con ou sen xente. O futuro do territorio na Galicia’, permitirá ao público asistente coñecer de primeira man a evolución da demografía nas áreas rurais de Galicia, así como datos referidos á extensión real do considerado territorio rural, segundo datos oficiais.

A profesora da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Mar Pérez Fra, será a encargada de moderar este coloquio, no marco do que intervirán como relatores  David Soto, profesor da área de Historia Económica da USC, e o tamén profesor da área de Ecoloxía da USC Emilio Carral Vilariño.

A superficie rural estendíase en 2021 sobre o 82% do territorio galego, segundo os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística. Nesta vasta extensión só vivía por esas datas o 26% da poboación dunha comunidade autónoma que conta co maior número de entidades de poboación da península Ibérica (máis de 40.000), aínda que nas últimas décadas está a experimentar unha progresiva concentración demográfica na faixa occidental, deixando así abandonadas partes moi extensas do territorio.

Este abandono do territorio ten implicacións demográficas, sociais e tamén produtivas, tal e como o proba a perda ou desaparición do 68% das explotacións agrarias de Galicia desde 1987. Diante deste panorama e cunhas áreas rurais galegas cada vez menos agrarias, pero cun futuro aínda por definir, esta nova sesión dos Encontros de Lúa Chea antóllase como un foro para debater se cómpre que o futuro pase por ecosistemas naturais sen ningunha actividade humana ou, a diferenza, se é pertinente buscar un rural habitado e ordenado de acordo non só con criterios ambientais senón tamén produtivos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.