Ir o contido principal

II Workshop de investigadores/as posdoutorais da USC

06.11.2024 | 10.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

O persoal investigador presentará os proxectos nos que traballa e a xornada servirá tamén para fomentar a colaboración entre o mundo académico e o empresarial

Sede do iMATUS. FOTO: Santi Alvite
Sede do iMATUS. FOTO: Santi Alvite

O Instituto de Materiais da USC (iMATUS) conmemora este mércores 6 de novembro o Día Mundial dos Materiais co II Workshop de investigadores/as posdoutorais da USC, que reunirá persoal investigador de diversas áreas do coñecemento e representantes de empresas e institucións con vocación innovadora. O evento comeza ás 10.00 da mañá na sede do iMATUS e pola tarde terá lugar a xornada de colaboración iMATUS-empresa, tras a inauguración oficial ás 15.30 horas, que presidirá a vicerreitora de Política Científica Pilar Bermejo.

A iniciativa xorde tras o éxito do primeiro encontro de persoal investigador do programa Ramón y Cajal celebrado no iMATUS, que demostrou a necesidade dun espazo de encontro para que este persoal comparta os seus coñecementos e inquietudes. Nesta ocasión, a convocatoria amplíase para incluír investigadoras e investigadores de todas as áreas da USC.

Ponte entre a academia e a empresa
Ademais do encontro centrado no persoal investigador, o iMATUS organizou a continuación un evento para fomentar a colaboración entre o mundo académico e o empresarial. Nesta ocasión, a partir das 16.00 horas darase a benvida tanto a membros do Comité Industrial do instituto como a representantes de empresas e agrupacións industriais emerxentes cun perfil de I+D destacado. O obxectivo é explorar novas sinerxías e fortalecer as relacións xa existentes, impulsando así a transferencia de coñecemento e a xeración de valor.
 

Cartel da xornada
Cartel da xornada
Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.