Ir o contido principal

Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.

Conferencia ‘Patrimonio, dereitos e pobos indíxenas en Brasil’

26.03.2025 | 19.00h

Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela)

A avogada indixenista Adriele Andrade Précoma participa nos Encontros Americanos na Granell

'Indio huyendo de un toro feroz', obra de Eugenio Granell
'Indio huyendo de un toro feroz', obra de Eugenio Granell

A avogada popular e indixenista brasileira Adriele Andrade Précoma será quen interveña o 26 de marzo nunha nova sesión dos Encontros Americanos na Granell. Neste caso, farao ás 19.00 horas na sede da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela) coa conferencia ‘Patrimonio, dereitos e pobos indíxenas en Brasil’.

Na actualidade, Brasil mantén relacións coloniais cos pobos indíxenas e comunidades tradicionais que viven nos territorios nos que se forxou o Estado nacional. Na súa charla, Andrade Précoma explicará como nesta relación o Estado se alía coas incursións extractivas de privatización da natureza e sobre os territorios daquelas poboacións; e como aínda que normativas internas e internacionais prescriban dereitos para pobos e comunidades, estes están en risco de desaparición polos avances extractivos do capital. “Ante isto, os pobos loitan polos seus dereitos, entre eles o da consulta e consentimento libre, previo e informado, que lles garanta decidir as súas propias dinámicas de desenvolvemento con autonomía”, afirma.

A relatora
Adriele Andrade Précoma (Curitiba, Paraná, Brasil, 1986) é avogada popular e indixenista. Doutoranda en Dereito Socioambiental na Pontificia Universidade Católica de Paraná (PUC/PR), é investigadora visitante do Grupo de Estudos Territoriais (GET) na Universidade de A Coruña (UDC) cunha beca de internacionalización da Coordinación de Perfeccionamento de Persoal de Nivel Superior (Capes, Brasil). É ademais membro fundadora do Centro de Investigación e Extensión en Dereito Socioambiental (CEPEDIS) e integrante do Observatorio de Protocolos Autónomos de Consulta e Consentimento Libre, Previo e Informado.

Espazo de diálogo e reflexión
Os Encontros Americanos na Granell, organizados polo Grupo de Historia de América da USC e cofinanciados pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura a través da súa convocatoria de axudas de dinamización cultural,  teñen como fin ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América a través dun programa de conferencias mensuais que abordan temas culturais, políticos, sociais, económicos ou de actualidade, de interese público e carácter divulgativo. As persoas participantes son especialistas procedentes do ámbito académico americano, español ou europeo, así como profesionais vencellados á realidade da rexión nas súas múltiples facetas.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2025.