Ir o contido principal

Xerencia

Javier Ferreira Fernández

Javier Ferreira

Breve currículum vítae

Nacido en Valdoviño en 1966. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor pola mesma Universidade desde o ano 1996. É catedrático de Dereito Administrativo e xerente da USC desde 2018. Desempeñou os cargos de secretario do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da Universidade de Santiago de Compostela (1994-1997); secretario da Escola Universitaria de Relacións Laborais da Universidade de Santiago de Compostela (1997-1999); director do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado (1999-2005) e director da Escola de Relacións Laborais (2005-2007). Foi coordinador do Programa de Doutoramento do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado (1999-2001) e do Máster Universitario en Administracións e Institucións Públicas da Facultade de Dereito.

Ampliou estudos nas Universidades de Boloña e Birmingham e na Escola Catalá de Administración Pública. Participou en numerosas convocatorias de proxectos nacionais e estatais de investigación. Como investigador firmou máis dun centenar de contratos de colaboración con administracións públicas e particulares. No marco destes contratos, asesorou a diversas administracións locais (Ames, Ribeira, Fene, Ferrol, Betanzos, Ares, Pontedeume, O Porriño, Xinzo, Ribadeo, Carballo, Teo, Brión, Tomiño, Tui, Mos, Vilagarcía, O Carballiño, Nigrán, Vilalba, Fisterra, Bergondo) ou deputacións (A Coruña e Ourense, entre outras), principalmente en materia de xestión de recursos humanos e contratación administrativa. É tamén asesor do Consello da Cultura Galega.

Publicou as seguintes monografías: El régimen jurídico de la comarca en el sistema autonómico español (CEDECS, Barcelona, 1999), La comarca en la historia (USC, Santiago de Compostela, 2000) e La provisión de puestos de trabajo en la Administración del Estado (INAP, Madrid, 2002). Tamén publicou máis de cincuenta capítulos de libros e artigos sobre o réxime local, o dereito turístico, a función pública ou a contratación pública. Así mesmo, é autor de diversos informes e ditames para as administracións públicas. Impartiu máis de cen conferencias en España e no estranxeiro. Foi redactor de diversos proxectos de leis (Lei de Turismo de Galicia, Lei de Violencia de Xénero, Texto Refundido de Función Pública ou Lei da Área Metropolitana de Vigo, entre outras).

Foi secretario xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar na Xunta de Galicia (2007-2009) e membro por designación parlamentaria, durante dez anos, da Xunta Electoral de Galicia.

É membro da Asociación Española de Profesores de Dereito Administrativo, do Padroado da Fundación Museo do Pobo Galego e da Unidade de Investigación NEDAL da Universidade do Minho. A súa actividade docente desenvolveuse ao longo de 25 anos na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade do Minho, así como en diversas universidades italianas (Cagliari, Roma Tre). Esta actividade compatibilizouna coa docencia no Instituto Nacional de Administración Pública e na Escola Galega de Administración Pública, centros en cuxo cadro docente se integrou de forma regular. Así mesmo, foi coordinador durante catro anos da actividade formativa do persoal da administración e servizos da USC e impartiu máis de cen cursos de formación de empregados públicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2024.