A Universidade de Santiago de Compostela, en cumprimento da Disposición Transitoria primeira da LOSU, LO 2/2023, inicia o proceso de renovación estatutaria que deberá rematar coa aprobación por parte do Claustro universitario dos novos estatutos no ano 2025 e a súa posterior publicación no DOG
A Disposición Transitoria primeira da LOSU, LO, 2/2023 dispón:
1. Las universidades públicas tendrán un plazo máximo de tres años, a contar desde la entrada en vigor de esta ley orgánica, para aprobar los nuevos Estatutos y constituir el nuevo Claustro y Consejo de Gobierno, de acuerdo con los preceptos de esta ley orgánica.
Este marco lexislativo sitúa en abril de 2026 a data límite para a aprobación dos novos Estatutos adaptados á LOSU. Neste contexto, e de acordo co procedemento previsto nos Estatutos vixentes, ponse en marcha o procedemento para a aprobación dos novos Estatutos coas seguintes fases e cronograma:
- Presentación dun borrador á comunidade universitaria que supón a apertura dun período de información pública sobre o mesmo. Este período irá dende o venres 25 de outubro ata o venres 15 de novembro ás 14 horas.
- Unha vez remate o período de información pública, chegará o momento de analizar as propostas achegadas pola comunidade universitaria e aprobar un anteproxecto de reforma dos Estatutos polo Consello de Goberno.
- Cando o Consello de Goberno aprobe o anteproxecto será momento de remitir o documento ao Claustro para:
- Debate e emenda na Comisión de Desenvolvemento Estatutario, e posterior aprobación do proxecto de reforma.
- Debate, emendas e aprobación do proxecto polo Claustro universitario.
- Control de legalidade por parte da Xunta de Galicia.
- Publicación no DOG do texto aprobado como Decreto, que deberá producirse antes do remate do curso 2024/2025.
Neste contexto, sométese a información pública de toda a comunidade universitaria este borrador de Estatutos que se elabora tomando como base os seguintes criterios:
- Consideramos que os Estatutos deben conter o réxime básico da Universidade, pero debese limitar o seu contido ao necesario para evitar caer nunha conxelación de rango que dificulta posteriores modificacións.
- Empregáronse como base os Estatutos vixentes, aínda que coas adaptacións tanto de orde sistemático como as modificacións impostas polo novo marco normativo, particularmente a LOSU.
- Preséntanse intencionadamente abertas cuestións que se considera que deben ser debatidas e decididas polo Claustro, como son as seguintes:
- Existencia ou non de Departamentos. Atendendo á estrutura propia da nosa Universidade, e dado que a LOSU deixa ás Universidades capacidade para decidir sobre as estruturas que a integran, débese debater sobre a permanencia dos Departamentos e decidir sobre dúas alternativas:
- Supresión dos Departamentos atribuíndo as súas funcións sobre organización docente e peticións de prazas de profesorado ás áreas de coñecemento, onde de facto viñan xa tomándose estas decisións.
-
Mantemento da situación actual con presenza dos Departamentos.
O texto que se somete a información recolle unha proposta de regulación das áreas de coñecemento na primeira liña de supresión dos Departamentos. A alternativa sería a incorporación dos Departamentos cunha regulación similar á actualmente vixente.
- Determinación da participación dos distintos sectores da comunidade universitaria nos distintos órganos de goberno. O peso que deben ter o distintos sectores da comunidade universitaria, tanto na conformación de órganos de goberno como na ponderación para a elección de Reitor ou Reitora, déixase aberto xa que deben discutirse tanto na Comisión correspondente como no Claustro á vista dos datos de cada sector.
Todas as persoas que son membros da comunidade universitaria poden realizar achegas no proceso de renovacióne estatutaria. Sobre o borrador elaborado, ao que se pode acceder na parte inferior desta páxina, pódense enviar propostas ata o día 15 de novembro ás 14 horas a través deste formulario.