Ir o contido principal
Proporcionando apoio a estudantes con malestar psicolóxico ou en situacións de risco
Logotipo de SOS-Digital

Sobre o proxecto SOS-Digital

Dende o ano 2018 a Vicerreitoría de Investigación e Innovación da USC vén desenvolvendo o proxecto Erasmus+ ‘SOS-Digital: Providing Support to Students in Distress’, que culmina en 2021 co desenvolvemento dun recurso dixital para apoio á comunidade universitaria en situacións de malestar psicolóxico. Neste proxecto participaron outras universidades europeas como a Università Degli Studi di Trento (Italia), a Uniwersytet im. Adama Mickiewicza w Poznaniu (Polonia), e a Universidade do Minho (Portugal), sendo esta última a institución coordinadora de tal iniciativa.

O Proxecto SOS-Digital xorde ante a necesidade de dar resposta ao crecente risco de dificultades de saúde mental que se están a detectar no alumnado universitario. A educación superior implica, ademais da propia esixencia académica, unha serie de cambios que poden superar os recursos de afrontamento da mocidade, sobre todo no caso do alumnado estranxeiro, que adoita vir só a un país e a unha universidade que descoñece. Ante esta realidade, é fundamental informar e ofrecer recursos de asistencia psicolóxica para o estudantado, así como informar ao profesorado e ao persoal de administración e servizos sobre estratexias básicas para reaccionar ante situacións de emerxencia da forma máis adecuada e empática posible.

O persoal técnico de proxectos internacionais do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (CACTUS), xunto cun grupo de investigadoras do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC desenvolveron un protocolo online de axuda ao alumnado ante estados de malestar psicolóxico. O protocolo inclúe vídeos e unha guía dixital de corte didáctico co fin de informar á comunidade universitaria desta nova realidade e mostrar modos de reacción e busca de solucións ante situacións que poden xerar estrés emocional.

A USC pode axudarche a sentirte mellor

Se es alumn@ da USC e presentas problemas psicolóxicos que interfiren no teu rendemento académico, podes contactar con atencionpsicoloxica [at] usc.gal (atencionpsicoloxica[at]usc[dot]gal).

Nos casos restantes podes contactar con: 

1) Recursos públicos: solicita cita coa/co túa/teu médic@ de atención primaria para que se o considera adecuado derive a túa consulta a especialistas.

2) Recursos privados: na seguinte ligazón podes consultar unha relación de profesionais da Psicoloxía que exercen en Galicia: https://copgalicia.gal/colexiados/mapa-comarcal 

Se te atopas nunha situación de emerxencia ou risco, utiliza os seguintes contactos de emerxencias.

Emerxencias  112
Emerxencias médicas 061
Seguridade do campus 600940050
Policía Municipal de Santiago 981542323
Policía Nacional 091
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.09.2024.