Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
XIII edición.
Cartel da XIII Edición

A USC convoca os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación coa finalidade de fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación —considerada como unha dimensión de calidade e innovación docente dos nosos centros, institutos e departamentos—.

  • Bases

    1. Poderán presentarse á convocatoria traballos que recollan as experiencias de introdución da perspectiva de xénero, xa realizadas por membros do PDI da Universidade de Santiago de Compostela. A efectos desta convocatoria terase en conta a consideración de PDI establecida no artigo 11 dos Estatutos da USC: “A Universidade de Santiago de Compostela contará con persoal docente e investigador, integrado polo persoal funcionario dos corpos docentes universitarios e polo persoal contratado para funcións docentes e investigadoras, así como con persoal investigador en formación”. A persoa responsable da proposta deberá figurar no POD do seu departamento no curso académico 2021-2022.
    2. A documentación presentada consistirá en:

    • a memoria do traballo en galego, cunha extensión máxima de 25 páxinas (DIN A4), letra Calibri, tamaño 12, a dobre espazo.
    • no caso de haber máis dunha persoa responsable da experiencia, é absolutamente preciso sinalar o nome dunha única persoa como “representante do equipo” así como a conformidade para a presentación da experiencia ao premio, que se manifestará mediante sinatura de todas as persoas autoras segundo o anexo I (escrito de conformidade) da convocatoria.
    • se fora necesario, entregarase material complementario (publicacións, dossier, etc.).
    • Toda a documentación presentarase en formato PDF.

    3. Lugar de presentación da documentación:

    A documentación presentarase na sede electrónica da USC nesta ligazón.

    4. Os premios terán dúas modalidades:

    • A. Premios a experiencias docentes que teñan incluída a perspectiva de xénero.
    • B. Premios para investigacións con perspectiva de xénero.

    Serán premiadas un máximo de seis experiencias, tres na modalidade A e tres na modalidade B.

    • Modalidade A: o contido debe tratar sobre unha experiencia educativa innovadora relativa á inclusión da perspectiva de xénero na docencia, realizada no ámbito da USC nos últimos tres anos. A experiencia terá que incidir na mellora do ensino e da aprendizaxe na universidade (elaboración de materiais, aplicación de novas tecnoloxías, innovacións nas prácticas e nos programas, acción titorial, etc.) e terase en conta que sexa susceptible de ser trasladada a outros contextos de ensino superior. En todo caso, farase unha breve valoración dos beneficios que supuxo a experiencia mediante a achega de datos do alumnado. Estas cuestións deberán describirse de forma detallada na memoria do traballo.

      Dado que o obxectivo do concurso é impulsarmos a perspectiva de xénero no ámbito da docencia onde aínda non está implantada, ficarán excluídas aquelas experiencias feitas ao abeiro de materias que xa incorporan no seu nome e temática a perspectiva de xénero. O propósito é a promoción da incorporación das ferramentas conceptuais e os contidos transformadores de xénero en todos os ámbitos, non premiar as materias pola súa propia natureza.

    • Modalidade B: premiaranse aqueles traballos de investigación desenvolvidos nos últimos tres anos en calquera ámbito do coñecemento que inclúan a perspectiva de xénero na formulación de hipótese, deseño e proxecto, metodoloxía e implementación da investigación, así como na publicación de resultados obtidos. Estas cuestións deberán describirse de forma detallada na memoria do traballo.

    5. Serán premiadas un máximo de seis experiencias que o xurado estime de maior calidade consonte coas bases desta convocatoria. Se o xurado o considera conveniente, poderá deixar algún ou todos os premios desertos.

    Os premios estarán dotados coas seguintes asignacións:

    • 1.º Premio modalidade A: 1.000 €
    • 2.º Premio modalidade A: 750 €
    • 3.º Premio modalidade A: 500 €
    • 1.º Premio modalidade B: 1.000 €
    • 2.º Premio modalidade B: 750 €
    • 3.º Premio modalidade B: 500 €

    Os premios están financiados polo Concello de Santiago de Compostela.

    Estes premios serán entregados, xunto cun diploma acreditativo, á profesora ou profesor que teña presentado o traballo premiado ou que represente ao equipo no acto público de entrega, que terá lugar en Santiago de Compostela e será presidido polo reitor.

    6. A admisión de candidaturas rematará o 17 de xuño de 2022. Rematado dito prazo publicarase a relación de traballos presentados. O fallo e todas as publicacións da presente convocatoria realizaranse na seguinte ligazón: www.usc.gal/oix

    7. O xurado dos premios estará presidido pola delegada do reitor para a Igualdade e del formarán parte a directora do ICE, ou persoa en quen delegue (que actuará como secretaria) e tres membros do PDI da USC de diferentes áreas de coñecemento. O veredicto do xurado será inapelable.

    8. Ao xurado corresponde a interpretación da presente convocatoria, así como a resolución das cuestións non previstas na mesma.

    9. A participación na décimo terceira edición dos “Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e Investigación” comporta a aceptación expresa destas bases.

  • A admisión de candidaturas rematará o 17 de xuño de 2022.

    A documentación presentarase na sede electrónica da USC na seguinte ligazón.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.02.2023.