Ir o contido principal

Inauguración da exposición 'KOLAM. Unha arte efémera de mulleres no sur da India', de Claudia Silva

06.11.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Claustro alto

Os kolams son deseños feitos con fariña de arroz que forman parte das tradicións e prácticas culturais femininas en Tamil Nadu, no sur da India

Imaxe cedida por Claudia Silva. Concurso de kolams. Chennai, India, 2019
Imaxe cedida por Claudia Silva. Concurso de kolams. Chennai, India, 2019

O Claustro Alto de Fonseca acollerá do  7 ao 28 de novembro a exposición 'KOLAM. Unha arte efémera de mulleres no sur da India', unha proposta de Claudia Silvia desenvolvida a partir de viaxes que realizou a Tamil Nadu desde 2012 ata a actualidade. A mostra inaugurarase o mércores 6 de novembro ás 12.00 horas nun acto que contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández.

O proxecto forma parte da súa investigación audiovisual en prácticas de tradición oral en diferentes culturas e a súa relación coa arte e a ciencia. "Camiñar polas rúas é unha actividade habitual. A sorpresa ao ver fermosos deseños no chan é unha experiencia asombrosa, máis aínda ao descubrir que están feitos con fariña de arroz. A elaboración destes deseños chamados kolam fai parte das tradicións e prácticas culturais femininas en Tamil Nadu, ao sur da India", indica a artista.

"Cada día ao amencer, millóns de mulleres e nenas de todas as condicións sociais adornan os limiares das súas casas con estes deseños xeométricos, que en ocasións están inspirados na natureza. No transcurso do día, os kolams esvaecen pola choiva, pisados polos viandantes ou simplemente difuminados polo vento, convertendo estas preciosas creacións nunha arte perecedoira. Ao pintarse no chan, os kolams considéranse unha expresión de arte da rúa, e a particularidade xeométrica dos seus deseños é estudada pola etnomatemática: a área de investigación interdisciplinar que conecta antropoloxía e matemáticas. A beleza e variedade de aspectos ao redor do kolam captaron a miña atención desde a primeira visita que fixen ao sur da India e é un tema no que investigo desde hai máis de 10 anos”, salienta Claudia Silva.

Claudia Silva é realizadora audiovisual e antropóloga. Traballou en proxectos de “educación propia”, intercambio cultural e divulgación con comunidades indíxenas de Colombia. Interesada en diversos métodos de educación, formouse na metodoloxía de comunicación consciente e respetuosa: 'Cómo hablar para que los niños escuchen” de Faber e Mazlish, do cal é facilitadora certificada, e en Educación Viva co Centre de Assessorament i Investigació d'Educació Viva de Barcelona (CAIEV). É titulada tamén en arte dramática polo Estudi de Teatre Helena Munné de Barcelona. Nacida en Bogotá-Colombia, en 2001 estableceuse en España. Tras vivir 14 anos en Barcelona na actualidade reside en Madrid.

O seu traballo fotográfico sobre o kolam foi exhibido no Instituto de Ciencias Matemáticas de Madrid (ICMAT), a Universidade do Porto, o Wolfson College da Universidade de Oxford, o Simons Center for Geometry and Physics da Universidade de Stony Brook de Nova York, a École Normale Supérieure de París (ENS), a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), o International Centre for Theoretical Sciences de Bangalore da India (ICTS) e o Institute des Hautes Études Scientifiques de París (IHES).

Como actividades complementarias á exposición, Claudia Silvia e Óscar García-Prada, profesor investigador do Consejo Superior de Investigaciones Científicas no Instituto de Ciencias Matemáticas, darán a conferencia 'Antropoloxía e matemáticas do kolam' o mércores 6 de novembro ás 16.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Ademais, haberá un taller de realización de kolams aberto ao público o venres 8 de novembro, de 17 a 18.30 horas, no comedor do Colexio de Fonseca.

A exposición poderá visitarse en horario de luns a venres de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. O acceso é libre e de balde.

ICTS Bangalore, India 2023
ICTS Bangalore, India 2023
Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2024.