Encontro con Vicente Fraga

'A viaxe interior' é o cuarto dos cinco Encontros fotográficos que se inclúen dentro da programación da Primavera Cultural. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
Vicente Fraga é o relator deste encontro que terá lugar na Casa do Saber o 28 de marzo en horario de 17.00 a 20.00 horas e no que é posible inscribirse ata unha semana antes do comezo do encontro ou ata completar as prazas. Nesta ligazón pode consultarse toda a información sobre como realizar a matrícula.
A formación fotográfica de Vicente Fraga constrúese de maneira autónoma mediante a exploración e investigación constante e a asistencia selectiva a talleres ou formacións complementarias sobre aquelas áreas que espertan un maior interese ou dificultade no seu traballo. Dentro dos diferentes xéneros fotográficos, o de carácter documental é o que maior interese lle esperta e traballa naqueles temas que lle interesan ou preocupan a nivel persoal, gozando especialmente do proceso de investigación ou documentación, co obxectivo de que máis aló dun fin artístico exista un proceso de crecemento paralelo persoal.
Sobre o encontro
A práctica fotográfica é moito máis que unha imaxe; é unha forma de relacionarse coa contorna, de percorrela con atención e construír memoria. Vicente Fraga entende o seu traballo como un proceso que vai máis aló do visual, onde o tempo, a escoita e a relación cos lugares e as persoas son fundamentais. Os seus proxectos desenvólvense a través de camiños secundarios, contornas espontáneas e a vontade de deterse para comprender o que adoita pasar desapercibido. O seu traballo parte da experiencia directa para profundar no contacto con realidades alleas, outorgando ao tempo un papel esencial na maneira en que cada historia se revela ao seu propio ritmo.
Nesta charla, compartirá a súa práctica fotográfica, na que combina a imaxe coa escritura e os rexistros audiovisuais, creando un arquivo persoal que contén intacta a súa experiencia. A través de notas, conversas e reflexións, constrúe un testemuño que reivindica a importancia da pausa, a memoria e o tempo como ferramentas esenciais para contar o que sucede ante os nosos ollos. Unha invitación para coñecer de preto un proceso de creación que non só documenta, senón que tamén nos convida a reflexionar sobre a nosa maneira de estar no mundo.
