Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 296 Horas de Titorías: 4 Total: 300
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Prácticum Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, Ciencia Política e Socioloxía
Áreas: Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, Psicobioloxía, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, Psicoloxía Básica, Psicoloxía Social, Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense
Centro Facultade de Psicoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
A materia "Prácticum" engloba as prácticas externas, e prográmase no último semestre da formación de Grao en Psicoloxía. O seu propósito é que, unha vez adquirida unha formación académica suficiente, os/ as estudantes entren en contacto coa práctica psicolóxica e, guiados por profesionais expertos, teñan un primeiro achegamento ao exercicio profesional nalgunha das áreas da Psicoloxía.
Como obxectivos xerais da materia, compre sinalar os seguintes:
- Poñer ao/á estudante en contacto coa realidade laboral, capacitándoo para o desempeño profesional.
- Coñecer as funcións do psicólogo no contexto profesional dende a perspectiva da Psicoloxía como disciplina das Ciencias da Saúde.
Entre os obxectivos específicos, a desenvolver nalgunha das áreas de realización do Prácticum, compre destacar:
- Adestrar aos/ás estudantes na avaliación psicolóxica e psicodiagnóstico.
- Proporcionar coñecementos da planificación das intervencións.
- Adestrar aos/ás estudantes na aplicación de determinadas técnicas terapéuticas.
- Familiarizarse coa dinámica das relacións profesionais.
- Adquirir un coñecemento directo do funcionamento e da xestión do comportamento humano nas organizacións.
- Proporcionar coñecementos das fases de desenvolvemento dunha investigación.
- Proporcionar coñecementos técnicos/aplicados dos instrumentos e ferramentas utilizadas nas investigacións.
- Colaborar nalgunha das Unidades do Servizo de Psicoloxía da Facultade.
No Prácticum de Psicoloxía ofrécese, a través de convenios con diferentes entidades, publicas e privadas, a posibilidade de realizar prácticas en dispositivos onde o/a psicólogo/a pode levar a cabo a súa labor profesional. Nestes dispositivos os/as psicólogos/as ocúpanse de atender á saúde e ao benestar das persoas, á procura dun desenvolvemento e unhas relacións interpersoais saudables desde ámbitos diversos: actividades deportivas, penitenciarías, condutas aditivas, desenvolvemento psicolóxico e proceso educativo, trastornos mentais, maiores, mediación, orientación familiar, recursos humanos e estudos de mercado, servizos sociais e plans comunitarios. Dada esta diversidade, desenvolveranse contidos específicos en función do dispositivo onde se vaian realizar as prácticas. Ademais da práctica preprofesional supervisada, débese realizar un curso obrigatorio sobre ética e deontoloxía na profesión.
Non hai bibliografía específica común para o Prácticum. Remítese aos/ás estudantes aos programas das materias do plan de estudos que estean relacionadas coas actividades a realizar no centro de prácticas.
Os titores académicos e/ou profesionais proporcionaranlle ao/á estudante a bibliografía específica conforme as actividades que se van desenvolver no centro de prácticas.
Competencias específicas da titulación ás que contribúe a materia:
1. Coñecer as funcións, características, contribucións e limitacións dos distintos modelos teóricos da Psicoloxía.
2. Coñecer as leis básicas dos distintos procesos psicolóxicos.
3. Coñecer os procesos e etapas principais do desenvolvemento psicolóxico ao longo do ciclo vital nos seus aspectos de normalidade e anormalidade.
4. Coñecer os fundamentos biolóxicos da conduta humana e das funcións psicolóxicas.
5. Coñecer os principios psicosociais que interveñen no comportamento dos individuos e no funcionamento dos grupos e das organizacións.
6. Coñecer os métodos e deseños de investigación e as técnicas de análise de datos propios da Psicoloxía.
7. Coñecer os distintos métodos de avaliación, diagnóstico e tratamento psicolóxico en diferentes ámbitos aplicados da Psicoloxía -clínico e da saúde, social, educativo-.
8. Saber identificar as necesidades e demandas dos destinatarios nos diferentes campos de aplicación e establecer as metas da actuación psicolóxica.
9. Saber identificar as características relevantes do comportamento dos individuos, grupos, organizacións e contextos mediante os métodos, técnicas e instrumentos propios da avaliación psicolóxica.
10. Saber promover a saúde e a calidade de vida, a través dos métodos propios da profesión, nos individuos, grupos, comunidades e organizacións nos distintos ámbitos e contextos: educativo, clínico e da saúde, do traballo e as organizacións, grupal e comunitaria.
11. Saber seleccionar e administrar técnicas e instrumentos propios e específicos da Psicoloxía.
12. Saber definir os obxectivos, elaborar o plan e as técnicas de intervención en función das necesidades e demandas dos destinatarios, e avaliar os seus resultados.
13. Saber transmitirlles aos destinatarios, de forma axeitada e precisa, os resultados da avaliación.
14. Saber elaborar informes psicolóxicos en distintos ámbitos de actuación, dirixidos aos destinatarios e a outros profesionais.
15. Axustarse ás obrigas deontolóxicas da Psicoloxía.
As competencias específicas da titulación concrétanse, para o Prácticum, nas seguintes competencias específicas da materia:
- Ser quen de desenvolver os comportamentos do rol profesional básico: asistencia, puntualidade, respecto ás normas e usos do Centro, respecto ás normas deontolóxicas, cumprimento das tarefas asignadas, ...
- Ser quen de desenvolver e por en práctica competencias de carácter transversal propias do exercicio profesional: traballo en equipo, comunicación, empatía, análise e resolución de problemas, ...
- Ser quen de desenvolver e por en práctica competencias específicas do psicólogo, aplicando os coñecementos adquiridos: identificación de necesidades e problemas, avaliación psicolóxica, identificación de variables relevantes; interpretación das avaliacións; elaboración de informes psicolóxicos, habilidades básicas de intervención psicolóxica...
Para o cumprimento dos obxectivos e o logro das competencias antes sinalados, o Prácticum desenvolverase de acordo ao seguinte procedemento:
1. A acción formativa estándar consistirá na realización dunhas "prácticas externas" (nun centro alleo á universidade), baixo a supervisión e apoio técnico de dous titores: un académico e outro profesional, psicólogo/a, do centro de prácticas. Estes serán os responsables de indicar en cada momento, e conforme un programa previo, o tipo de actividades que o/a estudante terá que realizar durante as prácticas.
2. Na oferta de prácticas contémplanse tamén prazas de Prácticum de investigación, vinculadas aos grupos de investigación da Facultade.
3. Como complemento ás actividades prácticas , os/as estudantes recibirán formación relativa ao Código Deontolóxico do Psicólogo/a, a través dun curso de 20 horas de duración, a realizar antes do comezo das prácticas e que será requisito para poder incorporarse ao centro de prácticas.
4. O/a estudante incorporarase ao centro de prácticas seguindo as indicacións do titor/a académico/a, de quen recibirá a autorización para tomar contacto co centro asignado e a seguinte información/documentación:
- Credencial do/a estudante de prácticas
- Datos de contacto co centro de prácticas e condicións de incorporación
- Compromiso de supervisión
Así mesmo, o alumnado deberá presentar, xunto coa documentación sinalada previamente, o compromiso de confidencialidade e o certificado negativo de delitos sexuais.
Unha vez iniciadas as prácticas, o alumnado non poderá deixar de asistir ás mesmas por motivos de asistencia a clases ou exames na Facultade. O alumnado con materias pendentes deberá ter isto en consideración á hora de elixir o dispositivo máis axeitado á súa situación.
5. Ao finalizar o Prácticum, o/a estudante deberá entregar ao seu titor/a académico unha memoria do Prácticum. Como pauta xeral, esta conterá a descrición do centro de prácticas e das actividades realizadas para o desenvolvemento das competencias profesionais, así como unha valoración persoal do/a estudante. Cada titor/a académico/a poderá proporcionar directrices concretas para a memoria, en función das características do centro de prácticas ao que acuda o alumnado, aínda que se recomenda que o seu formato siga o modelo de memoria do Europsy.
AVISO: Os/as estudantes que teñan intención de defender o seu TFG en xullo, deben asegurarse de entregar a memoria do Prácticum coincidindo co período de cualificacións de xuño.
A avaliación realizarase conxuntamente entre os/as titores/as académico/a e profesional tendo en conta o grao de adquisición das competencias específicas e transversais relativas ao rol profesional, tanto as desenvolvidas na súa estancia no centro de destino como na memoria que, obrigatoriamente, ten que presentar o/a estudante. Cada titor/a proporá unha cualificación do estudante. A cualificación definitiva será o resultado da seguinte ponderación: a do titor/a profesional suporá o 60% (avaliación do desempeño no entorno laboral) e a do titor/a académico o 40% (avaliación da memoria) . Para superar a materia é necesario realizar o curso sobre o Código Deontolóxico e obter, como mínimo, a cualificación de aprobado tanto na avaliación realizada polo titor/a profesional como na realizada polo titor/a académico/a.
Os 12 créditos ECTS asignados ao Prácticum, implican que o/a estudante ten que dedicar ao mesmo un total de 300 horas, entre as que se inclúen as seguintes tarefas:
- Realización do Curso de Ética e Deontoloxía (20h.)
- Prácticas nos centros e dispositivos (270h.). Destas, se houbera unha parte de traballo persoal do/a estudante (ex., lecturas, adestramento na aplicación de cuestionarios), non poderá exceder do 20% (54 h.)
- Elaboración da memoria do Prácticum (10h.)
A matrícula no Prácticum ten como requisito ter superado alo menos 150 créditos obrigatorios, incluíndo a totalidade dos de 1º e 2º curso do Grao.
Os/as estudantes que estean en situación de cumprir os requisitos no segundo semestre do curso e aqueles que desexen realizar o Prácticum de xeito extraordinario no 1º semestre para poder presentar o TFG en febreiro, deben cubrir un formulario online para indicar a súa situación.
Os/as estudantes que estean na situación de cumprir os requisitos no segundo semestre do curso, deben matricularse no segundo prazo ordinario de matrícula.
AVISO. Os/as estudantes que estean en situación de cumprir os requisitos no segundo semestre do curso, deben tamén asistir ó curso sobre o Código Deontolóxico.
A Unidade de Xestión o Prácticum asignará as prazas tendo en conta as preferencias dos/as solicitantes e utilizando como criterio de selección o expediente académico do/a estudante. Ademais, para a incorporación a algúns centros de prácticas, pódese requirir ter superado algunha(s) materia(s) concreta(s) do plano de estudos, de especial vinculación co tipo de actividade profesional que se desenvolva neles. De ser o caso, esta condición estará especificada na oferta.
Para unha información máis detallada sobre o desenvolvemento do Prácticum, pódese acudir á páxina web da Facultade.