Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 290 Horas de Titorías: 6.5 Clase Interactiva: 3.5 Total: 300
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Edafoloxía e Química Agrícola, Botánica, Bioloxía Funcional, Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría
Áreas: Edafoloxía e Química Agrícola, Botánica, Ecoloxía, Enxeñaría Agroforestal, Produción Vexetal, Proxectos de Enxeñaría
Centro Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Realizar un exercicio orixinal individual no ámbito das tecnoloxías específicas da Enxeñería Forestal e do Medio Natural, de natureza profesional, e no que se sintetice e integren as competencias adquiridas nos ensinos, tanto na especialidade de Explotacións Forestais como na de Industrias Forestais. O traballo será presentado e defendido ante un tribunal universitario e poderase desenvolver baixo tres modalidades: proxecto de enxeñaría, estudo técnico ou traballo de investigación aplicada.
Tal como se expón na memoria verificada do título, os contidos do traballo fin de grao (TFG) estarán dentro do ámbito profesional da Enxeñaría Técnica Forestal. Para evitar problemas neste sentido, o estudante deberá presentar unha proposta de TFG que constará dun formulario oficial normalizado e dunha memoria que será valorada pola Comisión de Título. Unha vez obtida a aceptación da proposta, o TFG poderá ser elaborado e presentado para a súa defensa.
Os contidos dos TFG adaptaranse á modalidade de traballo elixida: proxecto de enxeñaría, estudo técnico ou traballo de investigación aplicada.
1. Proxectos de Enxeñaría.
Os TFG presentados baixo esta tipoloxía definirán unha obra completa a través dun documento orientado á execución da mesma, e que polo tanto inclúa tódolos elementos necesarios para tal fin. Os proxectos de enxeñaría deberán incluír, como mínimo, as seguintes seccións, que serán desenvolvidas cos criterios que se indican en cada caso:
1.1. Memoria: Constituirá o documento de síntese do proxecto. Como tal, definirá o obxecto do proxecto, os seus condicionantes, o seu destino, e as conclusións derivadas. Dentro da memoria describiranse:
A natureza do proxecto.
A localización e emprazamento.
A definición das necesidades.
O estudo das alternativas e a xustificación da solución adoptada.
Os datos previos, métodos de cálculo e resultados finais (sen incluír os procesos de cálculo completos agás sexa necesario para a comprensión dos resultados).
As descricións necesarias para a comprensión, segundo proceda, de deseños, procesos, funcionamento e manexo de instalacións, infraestruturas, equipos, obras, etc.
Os resultados da avaliación de impacto ambiental, se procede.
Os resultados do estudo de seguridade e saúde, se procede.
O resumo xeral dos presupostos en letra e número.
A análise económica da rendibilidade da inversión, se procede.
A programación do proxecto (cronograma, Gantt, ou método similar).
As disposicións legais necesarias para o desenvolvemento do proxecto.
1.2. Anexos á Memoria. Serán incluídos os que se consideren necesarios en cada caso para complementar a documentación da memoria. En xeral, incluirán os datos básicos empregados para o desenvolvemento do proxecto; os cálculos realizados en detalle; as características detalladas dos elementos de enxeñaría e instalacións; e todos aqueles elementos que precisen da súa especificación para xustificar a toma de decisións nas diferentes partes do proxecto.
1.3. Planos. Os planos deberán incluír tódolos elementos descritivos para a exacta realización da obra de enxeñaría que representen. Deberán estar acotados e cunha escala correspondente, adaptada ós elementos representados. A inclusión no documento debe permitir un acceso doado para a súa consulta sen deformar ou danar o documento. Tódolos planos deberán ser dobrados ó mesmo tamaño, mostrando na súa cara anterior o caixetín cos datos descritivos do proxecto.
1.4. Prego de prescricións técnicas. Constitúe o documento contractual do proxecto e deberá presentar unha redacción adecuada a tal fin, recollendo os elementos técnicos, económicos e normativos relativos á execución do proxecto. Deberá incluír a definición do obxecto, alcance e descrición do proxecto; as condicións xerais; e as condicións particulares.
1.5. Orzamento. Deberá incluír as seguintes seccións:
Medicións.
Cadro de prezos nº1.- Prezos das unidades de obra en letra.
Cadro de prezos nº2.- Prezos das unidades de obra descompostos en materiais, maquinaria e man de obra con indicación de prezos unitarios e rendementos.
Orzamentos parciais.
Orzamentos de execución material (PEM).
Orzamento de execución por contrata (PEC).
Orzamento final (PF).
1.6. Seccións específicas. En función da natureza do proxecto, deberanse reflectir seccións ou anexos específicos co mesmo; especificamente o Estudo de Seguridade e Saúde e o Estudo de Impacto Ambiental.
2. Estudos Técnicos.
Os TFG que se presenten baixo esta tipoloxía definirán o proceso de desenvolvemento dunha solución adecuada e xustificada para un problema técnico concreto relativo ás competencias da titulación. Este problema técnico pode estar constituído pola resolución dunha parte específica dunha obra orientada á súa execución, ou polo desenvolvemento dunha metodoloxía innovadora que permita a realización dunha tarefa dunha maneira máis eficiente en termos técnicos, económicos ou ambientais. Os estudos técnicos deberán incluír, como mínimo, as seguintes seccións, que serán desenvolvidas cos criterios que se indican en cada caso:
2.1. Introdución. Nesta sección definiranse de maneira adecuada os antecedentes do problema que se pretende abordar e a xustificación da necesidade dun estudo técnico para a resolución do mesmo. Especificarase se o estudo técnico se desenvolve exclusivamente no eido académico, ou se parte de necesidades reais formuladas por institucións públicas ou empresas privadas. Ademais, incluirase a localización xeográfica precisa do elemento de estudo.
2.2. Obxectivos do estudo técnico. Especificaranse os obxectivos e metas concretas que se pretenden acadar coa realización do estudo. Estes deberán ser consistentes co mesmo, de maneira que se poda comprobar a súa correspondencia cos resultados obtidos.
2.3. Materiais e Métodos. Definiranse co adecuado nivel de detalle os materiais empregados para o estudo así como as metodoloxías empregadas.
Os materiais incluirán, como proceda: datos básicos, incluídos os cartográficos, aparellos de medición empregados e software específicos utilizados.
As metodoloxías deberán ser definidas de maneira precisa, sendo especialmente importante que se diferencie entre a autoría orixinal dos métodos, e as modificacións, adaptacións, e aportacións realizadas no TFG polo seu autor.
Será tamén necesario que se definan de forma clara as fases empregadas para o desenvolvemento das metodoloxías.
2.4. Resultados. Nesta sección definiranse os resultados obtidos da aplicación de metodoloxías e emprego dos materiais definidos con anterioridade. Isto incluirá os resultados das análises técnicas, cálculos, elementos cartográficos, deseños, etc., en función da temática do estudo. Deberase asegurar a correspondencia entre os métodos e resultados, e definir claramente cales e ata que punto son derivados do esforzo persoal.
2.5. Conclusións e interese. Definiranse finalmente as conclusións relativas á realización do estudo técnico, relacionando as mesmas cos obxectivos definidos na sección correspondente. Así mesmo, incidirase no interese e aplicabilidade do estudo, e se procede, en cómo se integra na iniciativa (p.ex. proxecto, plan ou programa) do que xurde a necesidade do estudo.
2.6. Planos / Mapas. Se procedese polo tipo de estudo técnico, incluiranse os mapas informativos necesarios para a aclaración e mostra tanto das metodoloxías desenvolvidas coma dos resultados e as conclusións obtidas.
2.7. Referencias bibliográficas. Terase especial coidado en referenciar adecuadamente os traballos previos que forman o estado da arte que precede o estudo técnico, así coma das metodoloxías que fundamentan o desenvolvemento do estudo. A referenciación bibliográfica seguirá o indicado na norma ISO 690, no Harvard Reference System, ou calquera outro medio que garanta a adecuada citación no estilo dos anteriores. Deberase coidar tamén a correspondencia entre as referencias citadas no texto, e as incluidas na listaxe final de referencias bibliográficas.
2.8. Anexos. Para aqueles cálculos, descricións técnicas, ou táboas de resultados que resulten demasiado extensas para a súa inclusión nas seccións definidas anteriormente, proveranse os anexos necesarios.
3. Traballos de Investigación.
Os TFG que se presenten baixo esta tipoloxía integrarán investigacións orixinais orientadas á mellora do coñecemento teórico ou práctico en calquera das disciplinas relativas ás competencias da titulación. Os traballos de investigación deberán incluír, como mínimo, as seguintes seccións, que serán desenvolvidas cos criterios que se indican en cada caso:
3.1. Introdución, antecedentes, xustificación. Farase indicación de cales son termos de referencia para a investigación, a xustificación ou oportunidade para a súa realización. Ademais, desenvolverase o estado da arte, presentado sobre de referencias a traballos previos coa actualización suficiente, que permitan definir a idoneidade, interese, e novidade do tema de investigación presentado. Tamén se definirá con claridade se a investigación presentada se correspondese cunha iniciativa illada, ou se forma parte dun proxecto máis amplio, e cales son os obxectivos xerais do mesmo. Identificarase tamén con precisión a área de estudo definida para a investigación.
3.2. Obxectivos. Especificaranse os obxectivos e metas concretas que se pretenden acadar coa investigación. Estes deberán ser consistentes co mesmo, de maneira que se poda comprobar a súa correspondencia cos resultados obtidos e a discusión desenvolvida.
3.3. Material e Métodos. Definiranse co adecuado nivel de detalle os materiais empregados na investigación, así como as metodoloxías empregadas. Os materiais incluirán, segundo proceda:
Datos básicos de partida, incluídos os cartográficos, aparellos de medición empregados e software específico utilizado.
Metodoloxías de análise, calculo, valoración, etc. empregados, segundo proceda.
As metodoloxías deberán ser definidas de maneira precisa, sendo especialmente importante que se diferencie entre a autoría orixinal dos métodos, e as modificacións, adaptacións, e aportacións realizadas no TFG polo seu autor. Se o obxecto da investigación é o desenvolvemento dunha metodoloxía específica, mostrarase a súa aplicación nun estudo de caso elexido de forma suficientemente xustificada.
Será tamén necesario que se definan de forma clara as fases empregadas para o desenvolvemento e aplicación das metodoloxías, e as datas e fontes de obtención dos datos empregados nas mesmas.
3.4. Resultados. Mostraranse os resultados obtidos da aplicación de metodoloxías e emprego dos materiais definidos con anterioridade. Isto incluirá os resultados de análises técnicos, cálculos, elementos cartográficos, deseños, etc., en función da temática do estudo. Deberase asegurar a correspondencia entre os métodos e resultados, e definir claramente cales e ata que punto son derivados do esforzo persoal.
3.5. Discusión. A partir dos resultados obtidos, elaborarase unha discusión na que se comente a implicación dos resultados obtidos en relación cos obxectivos da investigación, por unha parte, e co desenvolvemento actual doutras investigacións semellantes identificadas previamente no estado da arte.
3.6. Conclusións. Derivaranse as conclusións necesarias que permitan poñer en contexto os resultados do traballo orixinal en función do avance que supón para o coñecemento científico ou técnico, e/ou da súa aplicación profesional.
3.7. Referencias bibliográficas. Terase especial coidado en referenciar adecuadamente os traballos previos que forman o estado da arte que precede o estudo técnico, así coma das metodoloxías que fundamentan o desenvolvemento do estudo. A referenciación bibliográfica seguirá o indicado na norma ISO 690, no Harvard Reference System, ou calquera outro medio que garanta a adecuada citación no estilo dos anteriores. Deberase coidar tamén a correspondencia entre as referencias citadas no texto, e as incluidas no listado final de referencias bibliográficas.
3.8. Anexos. Para aqueles cálculos, descricións técnicas, ou táboas de resultados que resulten demasiado extensas para a súa inclusión nas seccións definidas anteriormente, proveranse os anexos necesarios.
Os alumnos deberán dedicar un total de 300 horas.
Todas as referencias das diferentes materias vencelladas ao proxecto, estudo ou traballo de investigación aplicada presentadas son relevantes para o TFG. Dada a imposibilidade de incluír aquí a devandita información remítese ao alumnado ás guías docentes desas materias.
Na materia TFG adquiriranse ou practicaranse unha serie de competencias xenéricas, desexables en calquera titulación universitaria, e específicas, propias de enxeñaría en xeral ou da enxeñaría forestal e do medio natural en particular.
Competencias básicas: contemplaranse as cinco competencias básicas deseñadas para a titulación e incluídas na memoria (CB1 a CB5). Estas competencias, por ser iguais en todos os TFG, non deberán ser anotadas no formulario oficial de proposta de TFG.
Competencias xerais: seleccionaranse, entre as 14 competencias xerais deseñadas para a titulación e incluídas na memoria (CG1 a CG14), aquelas que máis se relacionen coa temática do traballo. Estas competencias deberán anotarse no formulario oficial de proposta de TFG.
Competencias transversais: contemplaranse todas as competencias transversais deseñadas para a titulación e incluídas na memoria (CT1 a CT12) agás a CT4. Estas competencias, por ser iguais en todos os TFG, non deberán ser anotadas no formulario oficial de proposta de TFG.
Competencias específicas: o TFG ten asignada unha competencia específica (CETFG). Ademais desta, no formulario oficial de proposta de TFG deberán especificarse as competencias específicas vencelladas ás materias máis relacionadas coa temática do traballo.
Cada persoa será responsable do seu traballo, que deberá desenvolver de forma autónoma e individual baixo a supervisión e apoio do seu titor ou titores. O coordinador de TFG da Comisión de Titulación apoiarao nos aspectos xerais.
O alumnado, ademais de elaborar e entregar na Secretaría Administrativa un documento de TFG escrito, deberá realizar a presentación e defensa oral do mesmo ante o Tribunal de Avaliación aprobado pola Comisión de Titulación. A presentación apoiarase en material visual (presentación mediante un software de presentación de diapositivas) e o acto será público. A exposición durará 15 minutos como máximo, tras os cales, o conxunto dos membros do tribunal dispoñerá dun tempo (orientativo) de 15-20 minutos para realizar comentarios e preguntas sobre o TFG.
O Tribunal avaliará o TFG tendo en conta os seguintes aspectos: redacción, aspectos formais, estrutura e contidos do documento, presentación oral e defensa do traballo. Os diferentes ítems avaliados dentro de cada un destes aspectos xerais, así como os factores de ponderación na nota final, pódense consultar no documento dispoñible na seguinte dirección da web do Centro:
https://nubeusc.sharepoint.com/sites/centro-epse/Documentos%20compartid…
O informe de seguimento do TFG realizado polos titores poñerase ao dispor do tribunal para o seu coñecemento e consulta. Aínda que non será un elemento directamente avaliable, o tribunal poderá ter en conta a información contida nel sobre o desempeño do alumno, as dificultades xurdidas na elaboración, solucións adoptadas etc., para realizar a súa avaliación do TFG.
A "Normativa de traballos fin de grao (TFG) da titulación de Grao en enxeñaría forestal e do medio natural", establece no seu apartado 3.1.a que a ausencia ou deficiencia grave nalgún documento esencial do TFG, así como a falta de defensa do mesmo, son criterios invalidantes que levarán á non aprobación do TFG; e no seu apartado 9.6 establece que tamén o será o incumprimento dos requisitos formais de entrega, especificados no resto dos apartados do artigo 9. Outros criterios que imposibilitarían a aprobación do TFG inclúense no documento anteriormente mencionado. Para os casos de realización fraudulenta do TFG será de aplicación o recollido na "Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións" (artigo 16 da Resolución de 15/06/2011 da USC, DOG de 21/07/2011).
Estes criterios serán de aplicación tanto na primeira como na segunda oportunidade, e igualmente no caso de alumnos repetidores.
Os alumnos deberán dedicar ao TFG un total de 300 h, incluíndo as titorías. A proposta de proxecto incluirá información sobre as actividades para realizar e a súa repartición temporal para permitir á Comisión de título valorar se o proxecto presentado se axusta ao tempo dispoñible.
Consultar dúbidas co titor durante o desenvolvemento do TFG e revisar a documentación achegada polo titor e o coordinador de TFG da Titulación.