Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Horas de Titorías: 11.5 Clase Interactiva: 4.5 Total: 16
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Fundamentos da Análise Económica, Filoloxía Galega, Historia da Arte, Xeografía, Ciencias da Comunicación, Filoloxía Inglesa e Alemá, Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana, Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Historia, Filosofía e Antropoloxía, Enxeñaría Agroforestal
Áreas: Fundamentos de Análise Económica, Filoloxías Galega e Portuguesa, Historia da Arte, Xeografía Humana, Comunicación Audiovisual e Publicidade, Filoloxía Inglesa, Filoloxía Francesa, Lingua Española, Lingüística Xeral, Literatura Española, Teoría da Literatura e Literatura Comparada, Ciencias e Técnicas Historiográficas, Historia Antiga, Historia Contemporánea, Historia Medieval, Historia Moderna, Antropoloxía Social, Filosofía, Filosofía Moral, Enxeñaría Agroforestal, Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría
Centro Facultade de Humanidades
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
O obxectivo do Traballo Fin de Máster é que o estudante demostre a súa capacidade para realizar, presentar e defender un traballo orixinal, inédito e realizado individualmente, no que se acrediten as destrezas e coñecementos adquiridas na titulación.
O TFM consistirá na elaboración dun traballo académico orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados na titulación do Máster.
O Traballo Fin de Máster non se concibe como programa de contidos ao modo habitual senón que vai referido a unha ou varias das liñas que definen as materias deseñadas polas diferentes materias do plan de estudos, co propósito de realizar un informe técnico ou proxecto de asesoría ou consultoría, ou ben unha investigación persoal.
Os contidos concretos estarán determinados segundo o tema, área e proxecto seleccionados polo alumno e o seu titor; con carácter xeral incluiranse os seguintes pasos conducentes á realización dun TFM:
1) Elección, delimitación e constitución do obxecto de estudo do TFM
2) Indagación bibliográfica e instrumental achega do obxecto
3) Estudo metodolóxico e discusión destinados á formación do corpo de proxecto/informe
4) Redacción final do proxecto e revisión do mesmo
5) Preparación da exposición oral do Traballo
O TFM deberá incluír na súa estrutura os seguintes elementos, diferenciados con claridade a través de epígrafes ou subepígrafes:
a) Portada, na que deberán aparecer todos os datos identificadores do traballo: o logo da USC coa indicación da Facultade; a denominación do Máster; o título do traballo; o nome completo do autor/a e do titor/a e o curso académico correspondente.
b) Primeira páxina, que reproduce a portada.
c) Título en galego, español e inglés, e o correspondente resumo e palabras chave nas tres linguas.
d) Índice paxinado.
e) Introdución.
f) Obxectivos e metodoloxía.
g) Contidos.
h) Conclusións.
i) Bibliografía consultada.
l) Apéndices (se os hai).
A extensión do TFM estará, aproximadamente, entre as 10 000 e as 20 000 palabras, excluídos apéndices.
A liña temática escollida condicionará a bibliografía básica e complementaria. Será función do titor/a axudar ao estudante proporcionándolle criterios para a busca e selección da bibliografía.
-Con08: Aproximarse ás principais metodoloxías de recollida e tratamento das realidades culturais.
-Con12: Coñecer as características fundamentais dun proxecto cultural en función das súas finalidades e destinatarias/os
-H/D01: Buscar información acerca das realidades da cultura en formatos diversos, desde a consciencia das circunstancias derivadas da dixitalización da información e da relevancia dos formatos académicos.
-H/D04: Detectar e prestar unha atención especial a aqueles fenómenos emerxentes que modifican o rumbo da interpretación das realidades culturais un tempo e espazo determinados.
-Comp05: Competencia para avaliar, deseñar e implementar distintos tipos de proxectos e políticas culturais de gobernos, institucións e empresas na súa relación directa co concepto de interculturalidade.
-Comp08: Competencia para ler, interpretar e producir textos académicos de certa complexidade e pertinentes para a xestión cultural, tanto nas linguas da comunidade como en linguas internacionais.
-Comp09: Competencia para realizar versións divulgativas e en soportes diversos dos materiais científicos que versan sobre bens culturais
Hai dous tipos de actividades formativas a desenvolver na materia Traballo de Fin de Máster:
- Titorización do Traballo de Fin de Máster para a súa planificación, elaboración e defensa. O titor/a do TFM orientará e asesorará inicialmente ao estudante sobre as fontes documentais a utilizar, o formato e a estrutura do TFM. Unha vez planificado o TFM, o titor/a orientará ao estudante para a súa redacción e presentación.
A asignación do titor/a e da liña temática farase no prazo establecido no calendario aprobado e publicado pola facultade e seguindo o criterio establecido no Regulamento de TFM
- Presentación e Defensa do Traballo de Fin de Máster, que deberá realizarse en acto público ante un tribunal.
De maneira excepcional poderase aprobar, previa petición formal e motivada do estudante á Comisión Académica do Título, e sempre que existan condicións técnicas, administrativas e económicas que o permitan, que a defensa se produza a distancia de forma virtual ou por outro medio que garanta a defensa pública do TFM.
O TFM será cualificado por un tribunal, formado por tres membros titulares e un suplente ou suplentes, nomeados pola Comisión Académica do Máster durante o curso académico. Nun acto público, o alumnado expoñerá durante un tempo máximo de 20 minutos unha síntese do traballo realizado, incidindo nos aspectos máis relevantes. A continuación, o tribunal poderá expor cuestións e suxestións respecto ao labor desenvolvido no traballo.
A avaliación do TFM dependerá dos seguintes criterios xerais:
1. Informe valorado do titor/a de TFM.
2. Coherencia na estrutura do traballo, onde deberá reflectirse a formulación xeral, obxectivos, metodoloxía, estado da cuestión, o proceso seguido, a análise dos resultados, as conclusións e a bibliografía.
3. Claridade na súa organización, adecuada redacción, bo tratamento de imaxes e sistema homoxéneo de citas e bibliografía.
4. Orixinalidade temática do traballo e grao de achega persoal.
5. Dominio da expresión oral e capacidade de síntese na exposición.
Ademais dos criterios xerais de avaliación, a cualificación terá en conta os criterios específicos.
Os membros do Tribunal de avaliación realizarán un informe, segundo o modelo que se elaborará para estes efectos, no que avaliarán os seguintes aspectos:
a) Calidade do TFM: cumprimento dos obxectivos propostos, adecuación e desenvolvemento das tarefas formuladas, metodoloxía, dificultade e conclusións.
b) Presentación escrita do TFM: presentación xeral, claridade expositiva, estruturación e corrección gramatical e ortográfica.
c) Presentación oral e defensa: concisión, claridade expositiva, capacidade de debate, defensa argumental, propiedade e corrección no uso da lingua.
O Informe do titor tomarase en consideración no momento de cualificar a versión escrita do traballo. No seu preceptivo informe, ademais das súas observacións sobre o desenvolvemento do traballo, o titor/a incluirá a súa proposta de cualificación numérica (entre 0 e 10) do documento escrito do TFM. Esta cualificación numérica fará media coas dos membros do tribunal de modo que suporá o 25% da avaliación da versión escrita do traballo.
A cualificación final outorgada ao TFM por cada membro do Tribunal obterase de acordo coa seguinte ponderación:
a) Traballo escrito: 75%
Desenvolvemento do tema e estrutura, aportacións orixinais, método, manexo das fontes e bibliografía: 60%
Presentación formal e corrección lingüística: 15%
b) Presentación oral: 25%
Exposición: 15%
Defensa: 10%
A cualificación final resultará da suma da cualificación do traballo escrito e a cualificación da presentación oral. A cualificación do traballo escrito (75% da nota final) obterase de aplicar a media aritmética entre as notas atribuídas á versión escrita do TFM por cada un dos membros do Tribunal e a nota proposta polo titor/a no seu preceptivo informe. A cualificación da presentación oral (25% da nota final) resultará de aplicar a media aritmética entre as notas atribuídas a este aspecto do TFM por cada un dos membros do Tribunal.
A materia ten 12 créditos ECTS, o que supón unha dedicación de 300 horas, incluídas as sesións de titorización, exposición e defensa do traballo
1. Constancia na elaboración e seguimento do TFM.
2. Consulta dos recursos e materiais dispostos na aula de coordinación do Campus Virtual.
3. Consulta do regulamento
É moi importante que o alumno/a se manteña informado sobre as datas do calendario de TFM que aparecerán publicadas na web do TFM da Facultade
Toda a información acerca do Traballo Fin de Máster será posta a disposición do alumnado na aula de coordinación da titulación, e será obxecto dunha sesión titorial específica ao comezo do segundo semestre.