Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar, Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Con esta materia, preténdese contribuír a que os estudantes adquiran os coñecementos e competencias que identifican e definen os contextos profesionais e laborais propios do seu proceso de inserción no conxunto das diferentes profesións e ocupacións.
Neste senso, máis alá dos diferentes ámbitos e contextos nos que a Educación Social proxéctase como profesión, os diferentes contidos a impartir deben favorecer un coñecemento e análise dos seus procesos de formación continua, itinerarios e proxectos de inserción, técnicas e recursos de orientación laboral, así coma o alcance ético e deontolóxico do seu quefacer profesional.
Disto, derívanse os obxectivos principais da materia, concretados do seguinte xeito:
- Adquirir unha visión teórico-práctica da relación entre mercado laboral, formación e orientación.
- Coñecer o subsistema de Formación Profesional Continua, as diferentes modalidades e iniciativas formativas existentes de cara a favorecer o desenvolvemento profesional dos/as Educadores/as Sociais.
- Identificar, coñecer e analizar os diferentes contornos sociais e laborais.
- Reflexionar sobre o perfil profesional do/a Educador/a Social e coñecer os principais ámbitos de inserción.
- Adquirir estratexias para o deseño e desenvolvemento de proxectos e itinerarios de inserción sociolaboral para os/as Educadores/as Sociais.
- Coñecer e analizar técnicas e instrumentos para a inserción laboral, proxectos e recursos socioeducativos e laborais para os/as profesionais da Educación Social.
- Empregar os distintos recursos formativos e de orientación existentes para favorecer unha adecuada transición ao mundo laboral dos/as Educadores/as Sociais.
- Axustar a súa práctica profesional ás esixencias e compromisos deontolóxicos da Educación Social.
- Adquirir e desenvolver competencias socioprofesionais de cara a favorecer o desenvolvemento da súa profesión en distintas realidades e contextos.
Estrutúranse en torno aos seguintes bloques temáticos:
BLOQUE 1. FORMACIÓN CONTINUA E DESEMPEÑO LABORAL DOS/AS EDUCADORES/AS SOCIAIS (Docente área DOE)
- Perfil profesional do/a Educador/a Social e ámbitos de desempeño profesional.
- Sistema de formación para o emprego.
- Formación ao longo da vida.
- Formación de demanda.
- Formación de oferta.
- Formación en alternancia co emprego.
- Centros e entidades de formación: administracións públicas, organizacións empresariais e sindicais, empresas, centros integrados de formación, formación aberta a través da Rede.
- Xestión de accións formativas.
BLOQUE 2. ELABORACIÓN DE PROXECTOS DE INSERCIÓN PROFESIONAL (Docente área DOE)
- Definicións e conceptos clave.
- Elementos e fases que conforman o proceso.
- Deseño e planificación de proxectos de inserción.
BLOQUE 3. O PROCESO DE BUSCA DE EMPREGO (Docente área MIDE)
- Intereses profesionais.
- Busca de emprego na empresa pública e privada.
- Planificación do proceso de busca de emprego.
- Estratexias e recursos para a inserción laboral.
BLOQUE 4. COLEXIACIÓN EN EDUCACIÓN SOCIAL (Docente área MIDE)
- Colexiación en Educación Social.
Bibliografía básica:
- Maiztegui, C. e Santibáñez, R. (coords.), (2002). El futuro del educador: perfiles profesionales y adaptación de los pedagogos y educadores sociales a una sociedad en cambio. Universidad de Deusto.
- Manzanares, A. e Sanz, C. (dirs.), (2016). Orientación Profesional. Fundamentos y estrategias. Wolters Kluwer.
- Salva, F., Pons, C. e Morell, A. (2000). Proyectos de inserción sociolaboral y economía social. Ed. Popular.
- Sobrado, L. e Cortés, A. (coord.), (2009). Orientación Profesional. Biblioteca Nueva.
Bibliografía Complementaria:
- Aguaded, J.I. e Cabero, J. (2013). Tecnologías y medios para la educación en la e-sociedad. Alianza.
- Alberecici, A. e Serreri, P. (2005). Competencias y Formación en la Edad Adulta. El balance de competencias. Laertes educación.
- Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (2008). Documentos profesionalizadores. CEESG.
- Fernández García, T. e Ponce de León, L. (2016). Planificación y actuación estratégica de proyectos sociales. Pirámide.
- Riera, J. (1998). Concepto, formación y profesionalización de: el educador social, el trabajador social y el pedagogo social. Un enfoque interdisciplinar e interprofesional. Nau Llibres.
- Rodríguez Moreno, Mª L. (2006). Evaluación, Balance y formación de Competencias Transversales. Laertes educación.
- Romans, M.; Petrus, A. e Trilla, J. (2000). De profesión educador(a) social. Paidós.
- Salvá, F. (dir.) e Nicolau, I. (2009). Trabajo, formación y ciudadanía: conceptos básicos, políticas, programas y recursos. Pirámide.
- Sánchez García, Mª.F. (2004). Orientación laboral para la diversidad y el cambio. Sanz y Torres.
- Sobrado, L. e Ceinos, C. (2011). Tecnologías de la Información y de la Comunicación. Uso en Orientación Profesional y en la Formación. Biblioteca Nueva.
No que atinxe á bibliografía, apúntase que esta poderá sufrir algunha modificación en función das circunstancias que poidan producirse durante o desenvolvemento da materia e, en caso necesario, as docentes levarán a cabo as adaptacións oportunas para garantir o cumprimento dos obxectivos, bloques temáticos e contados establecidos no programa.
Competencias da titulación ás que contribúe a materia:
Competencias Básicas e Xerais:
- CB1. Que os e as estudantes demostrasen posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adóitase atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
- CG6. Estar en condicións de tomar decisións relativas á mellora da súa formación e da práctica profesional, co pleno respecto aos principios deontolóxicos aos que se remite a Educación Social, tendo como soporte os valores cívicos e os dereitos humanos.
Competencias Transversais:
- CT4. Implicarse activamente na resolución de problemas e na toma de decisións.
- CT5. Manter unha permanente actitude de formación e actualización no que atinxe ao seu desenvolvemento profesional, así como das realidades afectadas pola súa práctica.
Competencias Específicas:
- CE1.6. Identificar académica e profesionalmente aos/ás educadores/as sociais como profesionais da educación, con funcións e tarefas diferenciadas en relación con outros profesionais da educación e da acción-intervención social.
- CE2.6. Valorar e axustar a súa práctica profesional ás esixencias e compromisos deontolóxicos da Educación Social.
A metodoloxía de ensino-aprendizaxe desta materia oriéntase a que o alumnado poida implicarse activamente na comprensión crítica dos contidos, das fontes documentais e do alcance dos procesos formativos e de inserción laboral e desenvolvemento profesional dos/as educadores sociais. Dita cuestión xustifica a combinación dunha metodoloxía teórica e práctica, na que se inclúen clases expositivas para presentar e expoñer os contidos da materia, así como actividades prácticas de carácter individual e colectivo.
As clases expositivas serán dirixidas a todo o grupo de alumnos/as, nas cales presentaranse e serán expostos os contidos da mesma. En ditas sesións, serán presentadas tamén as fontes bibliográficas e documentais necesarias para o estudo autónomo do/a alumno/a.
Nas sesións interactivas da materia, levaranse a cabo diferentes actividades individuais e/ou grupais (5/6 persoas) con carácter práctico e aplicado, destacando, entre outras, as seguintes: lectura e análise de documentos e de experiencias; redacción e presentación de traballos; elaboración de informes; así como o emprego de técnicas e recursos de Orientación para a inserción. O alumnado con exención de docencia e/ou dispensa de asistencia a clase realizará as mesmas actividades pero con carácter individual.
Complementariamente, cabe apuntar que o uso da Aula Virtual da materia será de especial relevancia, debendo entenderse como ferramenta de xestión central, a cal proporcionará un entorno virtual cos recursos necesarios para favorecer os procesos de ensino-aprendizaxe e unha boa integración da docencia.
As titorías terán un carácter fundamentalmente personalizado ou en pequenos grupos e serán desenvoltas no horario especificamente dedicado a tal fin polo profesorado da materia. Estas sesións posibilitarán o desenvolvemento teórico-práctico da materia e a orientación dos traballos que se leven a cabo ao longo do curso. Debe clarificarse que os estudantes deberán empregar so o correo electrónico da USC (@rai.usc.es).
De ser o caso, na materia pode preverse o desenvolvemento de, cando menos, unha práctica de campo compartida con outras do curso (visita, encontros con profesionais, celebración de conmemoracións,...) na perspectiva dunha actividade interdisciplinar que será abordada e valorada desde cada unha das materias participantes.
Tomando como referente os obxectivos e as competencias do programa, todas as actividades propostas, individuais e/ou colectivas, serán avaliadas de xeito que o sistema de avaliación teña un carácter procesual, formativo, continuo e integral. Nesta perspectiva, para a avaliación final, prevense os seguintes elementos:
1.Realización dunha proba escrita final sobre os contidos desenvoltos nas sesións de clase, coincidindo coas datas que se establezan no calendario oficial de exames da Facultade. Representará o 50% da cualificación global, sendo imprescindible acadar unha nota mínima nesta proba de 2.5 puntos (1,25 puntos en cada unha das partes da materia) para ter en consideración os outros compoñentes da avaliación.
2. Actividades prácticas de aula (só poderán ser entregadaspolo alumnado asistente á sesión correspondente), as cales terán unha formulación diversificada (análise de documentos, elaboración de informes, deseño de itinerarios, aplicación de recursos de orientación laboral;…), segundo a dinámica de clase que as propicie ou a temática que aborden. Representan o 50% da cualificación global, sendo imprescindible acadar unha nota mínima nestas de 2.5 puntos (1,25 puntos en cada unha das partes da materia), (o 25% corresponde aos contidos impartidos pola profesora da Área de Didáctica e Organización Escolar e o 25% restante corresponde á parte impartida pola profesora da Área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación).
Para obter unha valoración positiva na materia será preciso ter realizado e entregado- en prazo e forma- a totalidade de actividades de avaliación especificadas anteriormente, así como superar cada unha das dimensións de avaliación establecidas. Aquelas entregadas fóra dos prazos establecidos, non serán tomadas en consideración nin avaliadas.
O carácter procesual da materia implica a asistencia asidua ás sesións de clase (mínimo 80%), salvo nos supostos oficialmente contemplados (exención de docencia). No que atinxe á dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias, atenderase ás normas ditadas na instrucción num. 1/2017, da Secretaría Xeral da USC. En ambos supostos, os alumnos/as realizarán as prácticas (50%) de xeito individual dentro do prazo establecido polo profesorado da materia, así como o exame oficial na data oficialmente establecida, o cal terá un peso do 50% da cualificación. Complementariamente, apúntase que estes estudantes, unha vez concedida a dispensa de asistencia a clase ou a exención de docencia, deberán poñerse en contacto coas profesoras da materia no prazo de 10 días a partir da concesión da mesma con fin de establecer un plan de titorización e seguimento individualizado.
As prácticas entregadas na convocatoria ordinaria que obtivesen unha cualificación positiva manterán dita cualificación para a convocatoria de Xullo. Sen embargo, aqueles alumnos/as que acadasen unha cualificación de suspenso nas mesmas serán avaliados, na convocatoria de Xullo, a través dunha proba escrita específica que representará o 100% da avaliación.
As cualificacións obtidas nas diferentes dimensións que constitúen a avaliación no presente curso non se manteñen en cursos posteriores.
Os/as alumnos/as repetidores ou non presentados en convocatorias anteriores serán avaliados seguindo os criterios establecidos para o presente curso académico.
Os traballos individuais ou grupais deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado suporá o suspenso da materia na correspondente convocatoria. A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser empregado para varias materias, salvo que se programe de forma coordinada.
Actividades presenciais (50 horas):
- Clases Expositivas: 20 horas.
- Clases Interactivas: 20 horas.
- Titoría e Avaliación: 10 horas.
Traballo persoal do estudante (100 horas):
- Estudo: 40 horas.
- Realización de traballos prácticos: 44 horas.
- Titorías e Avaliación: 16 horas.
- En función dos obxectivos e contidos da materia, é aconsellable un traballo continuado na mesma, procurando, desde o seu inicio, unha implicación e participación activa nas distintas actividades que se desenvolvan, moitas delas orientadas á avaliación.
- En relación coas actividades prácticas ou traballos a desenvolverse de xeito individual e/ou grupal, deberán realizarse e presentarse nos prazos oficiais que se determinen.
- É recomendable, a un tempo, a consulta e lectura de bibliografía básica e complementaria de cara a favorecer a comprensión dos contidos abordados en clase, así como facer uso das titorías, o que favorece unha mellora significativa do proceso de aprendizaxe do alumnado.
- Facer unha lectura comprensiva de todo os aspectos e directrices recollidos neste programa.
REALIZACIÓN DOS TRABALLOS: Os traballos e actividades encomendadas deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado suporá o suspenso da materia na correspondente convocatoria.
Para efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser empregado en varias materias, salvo que fosen programados de forma conxunta e coordinada.
Na realización dos traballos/ prácticas seguiranse as normas APA -Publication Manual of the American Psychological Association (APA), 7ª ed. Washington: APA, 2020-, que poden consultarse no seguinte enlace: http://www.apastyle.org
ASISTENCIA A CLASE: O Consello de Goberno de 25 de marzo de 2010 aprobou a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao EEES:
(http://www.usc.es/export/sites/default/gl/normativa/descargas/normaasi stenclase.pdf)
Na mesma, expóñense os beneficios da asistencia á clase, entre eles facilita unha “mellor comprensión da materia, a adquisición de competencias en grupos e individuais, a aprendizaxe continua, a interacción directa con outros alumnos e alumnas ou a posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa”. Cabe lembrar que a USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria.
Nos casos contemplados na normativa da Facultade, os/as alumnos/as poderán solicitar exención oficial de docencia. No que atinxe á dispensa de asistencia a clase en determinadas circunstancias, atenderanse as normas ditadas na instrución núm. 1/2017, da Secretaría Xeral da USC. Ao respecto, pode consultarse a información correspondente no seguinte enlace: https://nubeusc.sharepoint.com/sites/centro-ciencias-educacion/SitePage…
Nestes casos, no prazo de 10 días a partir da concesión da mesma, o alumnado debe poñerse en contacto coas profesoras para establecer un plan de titorización e seguimento individualizado da materia.
PROTECCIÓN DE DATOS PERSOAIS: Seguirase a normativa de privacidade e protección de datos persoais dispoñible en https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL: En relación aos traballos persoais ou de grupo que se realicen para a materia teranse en conta as seguintes indicacións:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible empregar grampas en lugar de encadernacións.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO: En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso da linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace:
http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/oix/descargas/lingua…
OBRIGATORIEDADE DO USO DA CONTA DE CORREO RAI: O alumnado debe utilizar necesariamente o correo electrónico da USC (conta rai) na súa comunicación co profesorado.
OBRIGATORIEDADE DO EMPREGO DAS FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS: Campus Virtual, Microsoft Office 365 e outras ferramentas facilitadas pola Facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola Universidade. Para a entrega dos traballos farase uso da aula virtual.
USO DO TELÉFONO MÓBIL: Queda restrinxido o uso do teléfono móbil na aula ao seu emprego como instrumento de traballo, seguindo as indicacións dadas polas docentes, responsabilizándose ao alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dunha utilización non adecuada do mesmo.
PRIVACIDADE DA ENSINANZA-APRENDIZAXE (clases/titorías), enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o alumnado matriculado na materia.
Carmen Denebola Alvarez Seoane
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Didáctica e Organización Escolar
- Teléfono
- 982821012
- Correo electrónico
- carmen.alvarez.seoane [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Axudante Doutor LOSU
Margarita Valcarce Fernandez
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación
- Teléfono
- 881813828
- Correo electrónico
- margot.valcarce [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a laboral fixo/a
Martes | |||
---|---|---|---|
13:00-15:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | Galego | AULA 15 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
Xoves | |||
11:00-13:00 | Grupo /CLIS_01 (A - Mari) | Galego | AULA 3 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
13:00-15:00 | Grupo /CLIS_02 (Marj - Z) | Galego | AULA 3 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
05.12.2024 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | AULA 15 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
26.06.2025 18:00-20:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | AULA 5 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |