Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
A materia Animación e Xestión Sociocultural forma parte do itinerario Acción Cultural e Desenvolvemento Comunitario no Grao en Educación Social, integrándose no bloque formativo “Políticas sociais, culturais e educativas”. Este bloque oriéntase á capacitación do alumnado para inserirse profesionalmente nos servizos educativos, culturais e de benestar, promovendo e concretando procesos socioeducativos que incrementen o desenvolvemento persoal e grupal, a participación social a solidariedade e, en definitiva, maiores cotas de autonomía.
Esta orientación xeral concrétase para esta materia no logro dos seguintes obxectivos:
1. Realizar unha lectura terminolóxica e conceptual da Animación Sociocultural (ASC) e a Xestión Cultural, os seus contidos fundamentais e os ámbitos temáticos conexos (políticas culturais, desenvolvemento comunitario...) desde a perspectiva socioeducativa da Educación Social.
2. Aplicar, cunha visión integrada, os coñecementos da materia e doutras previas, no estudio e diagnóstico sociocultural de diferentes contextos e realidades territoriais e humanas.
3. Integrar as dimensións teórica e práctica da materia no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas e proxectos de ASC que contribúan á mellora e cambio social.
4. Integrar as dimensións teórica e práctica da materia, na organización e xestión de iniciativas e servizos socioculturais sustentados na participación comunitaria.
5. Familiarizarse con fontes de documentación e información relevantes para estes ámbitos de estudio, así como tomar contacto con experiencias concretas de ASC e de Xestión Cultural.
6. Promover a reflexión crítica e construtiva nos planos persoal e colectivo, como base para unha participación activa e responsable no proceso formativo.
Os contidos da materia distribúense en tres bloques temáticos que tratan de responder ao QUE, COMO e QUEN do traballo educativo nestes ámbitos de estudo.
- Bloque I: Fundamentos, características e perspectiva histórica da Animación e da Xestión Sociocultural. Aborda as bases epistemolóxicas, definicións e conceptos básicos, así como a referencia histórica. Responde ao cuestionamento sobre o QUE da disciplina.
- Bloque II: A práctica da Animación e da Xestión Sociocultural. Incide nas bases metodolóxicas para a elaboración de programas e proxectos fundamentados na realidade social, achegándose ao COMO traballar desde os principios da Animación Sociocultural. Afonda nalgunhas estratexias e técnicas específicas na perspectiva social, cultural e educativa da Animación e da Xestión.
- Bloque III: Os profesionais, destinatarios e ámbitos de intervención. Trata da formación, funcións, tarefas e competencias profesionais nos ámbitos da Animación e a Xestión Sociocultural, así como as características básicas dos destinatarios e comunidades onde se desenvolven estes procesos. Respondería ao QUEN.
Os bloques sinalados concrétanse nos TEMAS que atenden aos descritores temáticos da materia na memoria de verificación, e se corresponden cos seguintes títulos:
1. Marco teórico e conceptual da Animación e Xestión Sociocultural.
2. As técnicas de foro como estratexias de ASC
3. Culturas. A Axenda 21 da Cultura: un compromiso para o desenvolvemento cultural.
4. Perspectivas, e procesos metodolóxicos na acción sociocultural.
a. Deseño, desenvolvemento (organización e xestión) e avaliación de programas de Animación Sociocultural e de acción
comunitaria.
b. Estratexias e recursos educativos de acción sociocultural.
5. Participación social e Animación Sociocultural.
Transversalmente nos anteriores temas abórdanse os dous seguintes:
6. Destinatarios, problemáticas específicas e ámbitos da acción sociocultural.
7. A/O animadora/or sociocultural: formación e profesionalización.
BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
Barba, M., Morán, M.C., Cruz, L. (2017). Animación sociocultural en prisión. Experiencia en el centro penitenciario de Monterroso. Popular
CGLU (2015). Cultura 21. Agenda 21 de la cultura.
http://www.agenda21culture.net/images/a21c/nueva-A21C/C21A/C21_015_spa…
Soler, P. (2012). La animación sociocultural. Una estrategia para el desarrollo y el empoderamiento de comunidades. UOC
BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
Alcántara, A. (2020); Animación Sociocultural en Europa hoy. Una mirada a los movimientos sociales.; en http://quadernsanimacio.net; nº 32; Julio de 2020; ISSN: 1698-4404
Aguirre, A., Moliner, L. Traver, J. (2017) La Pedagogía Social, la Animación Sociocultural y la Educación No Formal en el tiempo libre y de ocio de la ciudadanía. Papers infancia_contemporánea, 17. ISSN 2254-5565 https://cutt.ly/oHQtU6H
Buades, J., Giménez, C. (2013) (coords.) Hagamos de nuestro barrio un lugar habitable. Manual de intervención comunitaria en barrios. Tirant lo Blanch.
Consello da Cultura Galega (2018) Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI. https://www.cultura.gal/sites/default/files/documents/publicacion/ccg_2…
Folgueiras, P. Sabariego, M. (2018) Investigación-acción participativa. El diseño de un diagnóstico participativo. REIRE, (Revista d’innovació i Recerca en Educació) 11(1), enero 2018, pp. 16-25 // ISSN: 2013-2255 // http://doi.org/10.1344/reire2018.11.119047
Gil, I. Goig, R.M., Barbas. A (Coords.) (2021). Animación e intervención sociocultural. Intervención educativa en contextyos sociales. UNED
Gillet, J.C. (2006) La animación en la comunidad. Un modelo de animación socioeducativa. Graó.
Marchioni, M. (2014). De las comunidades y de lo comunitario. En Revista Espacios Transnacionales [En línea] No. 3. Julio-Diciembre 2014, Reletran. Disponible en:http://www.espaciostransnacionales.org/tercer-numero/ reflexiones-3/comunidadesycomunitario/
Monclús, C. (2020) Cultura, animación y gestión cultural. Lulu.com
Montañés, M. (2011). Metodología y técnica participativa. Teoría y práctica de una estrategia de investigación participativa. UOC
Neira, J.A., Cantón J.C. (2020) Animación y gestión sociocultural. Síntesis
Nivón, E. (2015) Gestión cultural y teoría de la cultura. Gedisa Editorial
Novella, A e Alcántara, (Coords.) (2022). Voces con esencia. Para una Animación Sociocultural posicionada. Octaedro
Núñez, H. (2016). Evaluación participativa en la acción comunitaria. Popular
Padula, J.E. (2015). Aproximaciones a la gestión cultural. Ediciones Trea
Pérez, G. e Pérez, Mª V. (2006). Qué es la Animación Sociocultural. Narcea.
Revista Educativa Hekademos, 20, Año IX, Octubre 2016. Monográfico RIA España. “Animación Sociocultural en España: experiencias prácticas”. http://www.hekademos.com/hekademos/media/articulos/20/Hekademos_20.pdf
Riva de la, F. (2003) Metodologías de análisis de la realidad global. Madrid
https://plataformavoluntariado.org/wp-content/uploads/2018/10/a-fuego-l…
Sarrate, M.L. (coord.) (2014). Programas de animación sociocultural. UNED [Recurso electrónico]
Sousa Lopes, M. de (2019) Animación sociocultural, educación social y los retos de la contemporaneidad. Laplage em Revista (Sorocaba), vol.5, n.2, mai.- ago. 2019, p.61-74.
Universidad del País Vasco (2019) International Conference Sharing Society. El impacto de la acción colectiva colabo
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS DA MATERIA
Coñecer as características fundamentais das contornas sociolaborais nos que se enmarcan as políticas culturais, a animación e xestión sociocultural nos planos local, autonómico, nacional e internacional.
Organizar e xestionar proxectos e servizos culturais de animación, favorecendo estruturas e procesos de participación e acción cultural de natureza comunitaria.
Diagnosticar contextos sociais e deseñar, implementar e avaliar programas e estratexias de Animación e xestión Sociocultural contextualizados (ámbitos e destinatarios: medios rurais, urbanos, infancia, mocidade, etc.).
Comprometerse no ámbito específico da Animación e Xestión sociocultural e das Políticas Culturais, coa función profesional emancipadora que lle corresponde á Educación Social.
Respectar e interesarse polas manifestacións culturais de toda índole como expresión da diversidade de interpretacións do sentir e vivir da humanidade, e sensibilizarse coa súa promoción, conservación e difusión.
COMPETENCIAS DA TITULACIÓN ÁS QUE CONTRIBUE A MATERIA
1B Que os e as estudantes demostrasen posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adóitase atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
4G Promover e desenvolver actuacións educativas orientadas a dinamizar a participación das persoas na sociedade, minimizando as situacións de risco ou dependencia e maximizando os seus potenciais de inclusión e autonomía. Terá un especial significado neste logro a atención á diversidade, á igualdade de xénero, aos valores da cultura de paz e á sustentabilidade.
1.2E Analizar criticamente as realidades socioeconómicas, políticas, educativas e culturais, así como os ámbitos da acción educativa nos que os educadores sociais desenvolven o seu labor profesional.
1.3E Avaliar as circunstancias persoais, institucionais e sociais que constitúen ao ser humano como protagonista da educación e das súas prácticas profesionais, desde a infancia até a vellez.
2.1E Deseñar, desenvolver e avaliar plans, programas, proxectos e actividades de intervención socioeducativa en diversos contextos institucionais e sociais.
2.2E Promover e desenvolver accións educativas e/ou socioeducativas en diferentes contextos institucionais e comunitarios, no traballo directo con persoas e colectivos, así como no asesoramento, mediación, xestión, organización, coordinación, acompañamento e avaliación das iniciativas nas que interveñan.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
1T Expresarse e comunicarse facendo uso de diferentes códigos e recursos lingüísticos, materiais e tecnolóxicos.
2T Relacionarse con outras persoas e grupos, con especial énfase no traballo en equipo e na colaboración con outros profesionais.
3T Desenvolver unha actitude autocrítica, así como de reflexión, análise e síntese respecto dos coñecementos, tarefas e labores nos que participan.
4T Implicarse activamente na resolución de problemas e na toma de decisións.
5T Manter unha permanente actitude de formación e actualización respecto do seu desempeño profesional, así como das realidades afectadas pola súa práctica.
O desenvolvemento da materia fundaméntase na transformación da aula universitaria nun espazo “para” e “de” animación sociocultural, onde se estimulen e animen procesos de implicación e participación activa do alumnado na construción do coñecemento, nunha dinámica de actuación colaborativa e compartida.
Segundo este propósito, o proceso metodolóxico apóiase nos principios de contextualización, flexibilidade, participación, actividade e aprendizaxe significativa, combinándose no seu desenvolvemento diversas propostas (estudo individual, exposicións de contido, investigación-acción, foros …) e dinámicas de agrupamento (individual, pequeno grupo e gran grupo). Con carácter xeral:
- As sesións expositivas permitirán abordar os contidos básicos do temario, combinándose no desenvolvemento diversas técnicas e recursos que optimicen os procesos de implicación persoal e grupal, esencia da animación sociocultural. O traballo persoal na lectura de documentos de referencia que se indiquen para cada tema é fundamental para acadar o máximo aproveitamento destas actividades e constituirán un dos eixos do traballo académico.
- As sesións interactivas permitirán afondar nalgún aspecto destacado dos núcleos temáticos. No seu transcurso desenvolveranse diversas actividades prácticas conducentes ao afianzamento dos coñecementos da materia, así como as prácticas en equipo obrigatorias.
- O traballo individual e/ou en equipo de lectura, reflexión e discusión, a redacción de ensaios, elaboración de mapas conceptuais, prácticas avaliativas, consulta e análise de recursos e/ou documentación, son esenciais para incorporar e afianzar os coñecementos da materia.
- As sesións tipo forum (vídeo, libro, disco, teatro, foto...) ou outras dinámicas similares organizadas e desenvolvidas por equipos de alumnas e alumnos, permitirán afondar en problemáticas específicas da Animación e Xestión Sociocultural. Serven como pretexto para o adestramento e capacitación na xeración de procesos de participación comunitaria, así como no respecto e sensibilización con manifestacións culturais de diversa índole.
- As prácticas de campo concretadas en visitas-estudo a institucións (concellos, barrios, centros socioculturais, iniciativas sociais de ámbito cultural …), así como a recepción na aula de profesionais e/ou responsables de iniciativas, son unha actividade esencial para o coñecemento de experiencias e o contraste reflexivo coa práctica real da acción e xestión sociocultural.
Tamén se prevé o desenvolvemento de, cando menos, unha práctica de campo (visitas-estudo a iniciativas do ámbito, encontros con profesionais, celebración de conmemoracións) que poderá ser compartida con outras materias, nunha perspectiva interdisciplinar; a proposta será abordada e valorada desde cada unha das materias participantes.
- O deseño en equipo dun programa de dinamización e xestión cultural territorializado (PDC), na perspectiva da aprendizaxe-servizo, acompaña e culmina o proceso de aprendizaxe que se fai visible na acción pre-profesional das educadoras e educadores sociais no ámbito da ASC-XC.
- As titorías persoais ou en grupo, permitirán mellorar o proceso de aprendizaxe, ao posibilitar personalizar o proceso educativo segundo intereses, expectativas, problemáticas específicas, etc.
- Aula virtual. A materia dispón dunha aula na plataforma virtual da USC onde poderán consultarse todos os materiais, prácticas e informacións relativas ao seu desenvolvemento. É indispensable a entrada semanal á mesma para un correcto seguimento da materia.
A avaliación fundaméntase nos principios de participación, responsabilidade e aprendizaxe individual e grupal. Nesta liña, a tarefa avaliadora será integral, continua, colaborativa e formativa, en función das actividades de ensinanza e aprendizaxe propostas que atenden a dúas categorías: obrigatorias e opcionais.
Sistema de avaliación da aprendizaxe
A avaliación fundaméntase nos principios de participación, responsabilidade e aprendizaxe individual e grupal. Nesta liña, a tarefa avaliadora será integral, continua, colaborativa e formativa, en función das actividades de ensinanza e aprendizaxe propostas que atenden a dúas categorías: obrigatorias e opcionais.
ACTIVIDADES OBRIGATORIAS
a. Asistencia e implicación nas sesións de clases (expositivas e interactivas). É requisito para a avaliación a asistencia ao 80% das sesións de clase.
Participación nas sesións prácticas que se desenvolverán ao longo do cuadrimestre (visitas a institucións e/ou lugares de interese, sesións de tipo forum, exposición dos PDC).
Asistencia e participación na titoría de avaliación do traballo en grupo.
b. Prácticas de aula. Vinculadas ao traballo de campo (PDC)
- Práctica 1. Interpretación dos conceptos clave de Animación Sociocultural
- Práctica 2. Aplicación de técnicas de análise da realidade (Dafo e fluxograma)
- Práctica 3. Diagnóstico comunitario para a definición do PDC
- Práctica voluntaria. Planificación e desenvolvemento dunha estratexia de forum
As prácticas de aula sinaladas desenvolveranse en equipo durante o período de clases, non contemplándose outra modalidade de realización, agás as persoas que teñan concedida oficialmente dispensa de asistencia ou exención de docencia.
c. Elaboración en grupo dun Plan de Dinamización Cultural (PDC) territorial e socialmente contextualizado na realidade galega (concello, barrio, institución …), atendendo á convocatoria simulada dun concurso público. Será avaliado por unha comisión integrada por alumnado e profesora.
O estudo desde e para unha realidade concreta e a presentación na comunidade de referencia de alternativas socioeducativas de mellora, inscribe este traballo na dinámica de aprendizaxe-servizo.
d. Ensaio ou exame. O alumnado optará por unha das seguintes modalidades de avaliación individual:
- Realización dun exame escrito, na data establecida na convocatoria oficial. Modalidade preguntas curtas.
- Realización dun ensaio sobre os contidos da materia tomando como referencia a selección documental indicada en cada tema, outros materiais empregados, e o traballo desenvolvido ao longo da mesma.
ACTIVIDADES OPCIONAIS
- Participación na Comisión Avaliadora dos PDC.
- Programación e desenvolvemento en equipo de actividades tipo forum: libro-forum, disco-forum, foto-forum …
- Recensión dun dos libros destacados no apartado de bibliografía xeral.
- Consulta e informe valorativo escrito (3-7 páxinas) dunha páxina web relacionada coa animación e xestión sociocultural.
VALORACIÓN NUMÉRICA
- Actividade a. requisito para proceder á avaliación
- Actividade b. 25% da cualificación
- Actividade c. 35% da cualificación
- Actividade d. 40% da cualificación
- Actividades opcionais ata un 10% a maiores na cualificación
ALUMNADO EXCEPCIONALMENTE DISPENSADO DE ASISTENCIA
Exención parcial de docencia (clases expositivas)
- Actividades b. (25%), c. (35%) integrada/o nun grupo de traballo.
- Actividade d. (40%)
- Individualmente, síntese escrita dos documentos obrigatorios para o estudo de cada tema que se sinalen no inicio do seu desenvolvemento. A profesora indicará en titoría as características específicas e prazos para a elaboración de dita síntese (requisito de avaliación)
Dispensa de asistencia
O alumnado excepcionalmente dispensado de asistencia, segundo a Instrución 1/2017 da Secretaría Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (https://cutt.ly/eb9KiQz ), ou con exención total de docencia (https://cutt.ly/rb9KkQC ) seguirá o seguinte proceso e criterios de avaliación:
- Actividade b. Realización individual de todas as prácticas obrigatorias (25%). A profesora informará en titoría persoal das características das prácticas.
- Actividade c. Realización cun grupo de aula do traballo de campo (35%)
- Actividade d. Exame ou ensaio da materia (opción da/o alumna/o) (40%)
CONDICIÓNS XERAIS:
Para proceder á avaliación da materia, será preciso ter realizadas e entregadas no prazo que se estableza (único para todo o alumnado) todas as actividades de avaliación especificadas.
Para superar a materia e ter en conta as valoracións das outras actividades obrigatorias e optativas, a cualificación mínima no exame/ensaio deberá ser de aprobado 5. Aprobado este, se a avaliación sumativa das actividades non acada a puntuación mínima de aprobado (5), repetiranse para a seguinte oportunidade as prácticas e/ou traballo de campo suspensos.
Ao alumnado repetidor conservaráselle os resultados positivos obtidos nas actividades de avaliación durante os dous cursos académicos posteriores á primeira matrícula, non estando exento de realizar as novas actividades que puideran incorporarse.
Os traballos individuais ou en equipo das/os estudantes deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado suporá o suspenso da materia e a avaliación do alumno ou alumna na seguinte convocatoria.
A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na "Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións” da USC.
O sistema exposto é idéntico en calquera das oportunidades de avaliación oficialmente previstas.
ACTIVIDADES PRESENCIAIS
Clases expositivas 24 horas
Clases interactivas 24 horas
Titorías 2 horas
TRABALLO PERSOAL DO/DA ESTUDANTE
Estudio e preparación de temas 60 horas
Traballo de curso 25 horas
Prácticas e informes 15 horas
Para acadar o máximo aproveitamento da materia aconséllase realizar un traballo continuado procurando desde o inicio unha implicación e participación activa nas diversas actividades que se desenvolven, moitas delas orientadas á avaliación. Isto require ter en conta as seguintes recomendacións para o seu estudio:
- A lectura detida, reflexiva e crítica do programa da materia.
- Realizar e presentar nos prazos que se determinen as actividades individuais e grupais asociadas á dinámica de clase, o que favorecerá unha vinculación continuada cos ritmos establecidos no transcurso da materia.
- Planificar e organizar a axenda de traballo para compatibilizar os requirimentos desta materia cos das demais.
- Realizar lecturas complementarias de libros ou publicacións (revistas especializadas, manuais, léxicos...) recomendados, que posibiliten unha comprensión globalizada dos contidos da materia e dos seus significados para a formación académica e profesional na Educación Social.
- Facer uso das titorías -sexa a nivel individual ou en pequenos grupos- como un dereito dos estudantes asociado a unha mellora significativa das posibilidades de aprendizaxe, ao posibilitar a personalización de opcións metodolóxicas e pedagóxicas segundo intereses, expectativas, problemáticas específicas, etc.
ASISTENCIA A CLASES
O Consello de Goberno de 25 de marzo de 2010 aprobou a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao EEES (https://cutt.ly/Vb9VQQP). Na mesma expóñense os beneficios da asistencia á clase, entre eles facilita unha “mellor comprensión da materia, a adquisición de competencias en grupos e individuais, a aprendizaxe continua, a interacción directa con outros alumnos e alumnas ou a posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa”. Cabe lembrar que a USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria.
As persoas afectadas por algunha situación especial que dificulte o normal seguimento da materia, deberán acreditalo diante da profesora ata o 25 de setembro de 2023.
CORREOS ELECTRÓNICOS
En todo o proceso de comunicación mediante correo electrónico profesoras-alumnado, empregarase exclusivamente o enderezo da USC (@rai.usc.es). O alumnado debe establecer as medidas que lle permitan ter un seguimento actualizado deste medio de comunicación.
USO DO MÓBIL E ORDENADOR
Queda restrinxido o uso de teléfono móbil e ordenador persoal na aula (presencial ou telemática) ao seu emprego como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polas docentes. A actividade académica (clases/titorías) é un proceso privado de comunicación e intercambio entre o/a docente e os alumnado matriculado na materia, responsabilizándose quen incumpra das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo, en cumprimento da normativa de protección de datos: https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
NORMATIVA APA
Na realización das prácticas e traballos seguiranse as normas APA -Publication Manual of the American Psychological Association (APA). 7ª ed. Washington: APA, 2012-, que se poden consultar no seguinte enlace: http://www.apastyle.org
Unha guía resumida en castelán pódese atopar na seguinte dirección: https://cutt.ly/Vb9BN8E
RESPONSABILIDADE AMBIENTAL NA ELABORACIÓN DE TRABALLOS
Os traballos realizados polo alumnado deben entregarse, preferentemente, a través da aula virtual.
Se as docente da materia solicitan a entrega en papel, prégase cumprir as seguintes indicacións que mellorarán a responsabilidade ambiental no emprego de recursos:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible empregar grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”.
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso da linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace: https://cutt.ly/wb9NEzs
FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS
Lembrar a obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
PROTECCIÓN DE DATOS
Lémbrase a obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos https://www.usc.gal/es/politica-privacidad-proteccion-datos
OUTRAS OBSERVACIÓNS
Todas as alumnas e alumnos matriculadas nesta materia, ou pendentes de formalizar administrativamente esta condición, avaliaranse segundo os criterios e actividades sinaladas.
German Vargas Callejas
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 881813820
- Correo electrónico
- german.vargas [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Luns | |||
---|---|---|---|
11:00-13:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | Galego | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo C2) |
13:00-15:00 | Grupo /CLIS_01 (A - Z) | Galego | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo C2) |
19.12.2024 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | AULA 15 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
18.06.2025 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |