Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 136 Horas de Titorías: 14 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía, Ciencia Política e Socioloxía
Áreas: Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, Psicobioloxía, Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, Psicoloxía Básica, Psicoloxía Social, Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense
Centro Facultade de Psicoloxía
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Tal e como queda recollido na Memoria do Título de Grao en Psicoloxía pola USC e na Normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobada polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, o obxectivo xeral da materia "Traballo de Fin de Grao (TFG)", de carácter obrigatorio para todos os/as estudantes do Grao en Psicoloxía, é que o/a estudante realice e presente públicamente un traballo no que demostre as competencias adquiridas ao longo dos catro anos de estudos que configuran o devandito Grao.
O contido específico do TFG definirase para cada traballo individual, de acordo coa oferta de traballos que cada curso realizará a Facultade, e deberá pertencer a unha das áreas de investigación e/ou intervención profesional propias da Psicoloxía, coa perspectiva da atención á saúde e o benestar das persoas.
• A bibliografía básica de apoio para o desenvolvemento do TFG é a que resulte pertinente para cada traballo, de entre as que se relacionan nos distintos programas das materias do plan de estudos. A biblioteca da Facultade proporciona, ademáis, materiais xerais relacionados coa elaboración de informes escritos e Traballos Fin de Grao.
• Os/as titores/as proporcionaranlle á/ao estudante as orientacións sobre a bibliografía específica que deberá manexar conforme á modalidade de traballo de que se trate e á súa temática.
Competencias específicas da titulación ás que contribúe a materia:
1. Coñecer as funcións, características, contribucións e limitacións dos distintos modelos teóricos da Psicoloxía.
2. Coñecer as leis básicas dos distintos procesos psicolóxicos.
3. Coñecer os procesos e etapas principais do desenvolvemento psicolóxico ao longo do ciclo vital nos seus aspectos de normalidade e anormalidade.
4. Coñecer os fundamentos biolóxicos da conduta humana e das funcións psicolóxicas.
5. Coñecer os principios psicosociais que interveñen no comportamento dos individuos e no funcionamento dos grupos e das organizacións.
6. Coñecer os métodos e deseños de investigación e as técnicas de análise de datos propios da Psicoloxía.
7. Coñecer os distintos métodos de avaliación, diagnóstico e tratamento psicolóxico en diferentes ámbitos aplicados da Psicoloxía -clínico e da saúde, social, educativo-.
8. Saber identificar as necesidades e demandas dos destinatarios nos diferentes campos de aplicación e establecer as metas da actuación psicolóxica.
9. Saber identificar as características relevantes do comportamento dos individuos, grupos, organizacións e contextos mediante os métodos, técnicas e instrumentos propios da avaliación psicolóxica.
10. Saber promover a saúde e a calidade de vida, a través dos métodos propios da profesión, nos individuos, grupos, comunidades e organizacións nos distintos ámbitos e contextos: educativo, clínico e da saúde, do traballo e as organizacións, grupal e comunitaria.
11. Saber seleccionar e administrar técnicas e instrumentos propios e específicos da Psicoloxía.
12. Saber definir os obxectivos, elaborar o plan e as técnicas de intervención en función das necesidades e demandas dos destinatarios, e avaliar os seus resultados.
13. Saber transmitirlles aos destinatarios, de forma axeitada e precisa, os resultados da avaliación.
14. Saber elaborar informes psicolóxicos en distintos ámbitos de actuación, dirixidos aos destinatarios e a outros profesionais.
15. Axustarse ás obrigas deontolóxicas da Psicoloxía.
Competencias específicas da materia:
As competencias específicas da titulación concrétanse, para o TFG, nas seguintes competencias específicas da materia:
1. Ser capaz de definir os obxectivos do traballo, identificando o problema a resolver ou o obxectivo de coñecemento a alcanzar.
2. Ser capaz de deseñar as tarefas, organizar os pasos a seguir para alcanzar os obxectivos e desenvolver o traballo de acordo co plan definido.
3. Saber buscar e seleccionar información relevante ao caso, problema ou obxecto de estudo, a partir de fontes do nivel de libros de texto avanzados, e incorporando algunhas aportacións de textos científicos especializados.
4. Facer uso dos coñecementos adquiridos ao longo dos estudos que sexan pertinentes ao obxecto do traballo e integrar con eles a nova información conseguida.
5. Ser capaz de organizar a información da que dispón e presentala de forma clara, sistemática e precisa, para que sexa comprendida por outras persoas.
6. Saber identificar as limitacións e/ou carencias do traballo realizado e propoñer suxestións de cara ao futuro.
O TFG supón a realización, por parte do/a estudante, dun proxecto, memoria ou estudo orixinal, que ten que ser elaborado de maneira individual e autónoma baixo a supervisión dun/ha ou, excepcionalmente, máis titores/as.
A este fin, as modalidades de TFG ás que poden optar os/as estudantes da Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela son as seguintes:
1) TRABALLO DE REVISIÓN TEÓRICA: Unha revisión da literatura científica na que se resuman os resultados dos estudos dispoñibles sobre un tema ou pregunta. Tamén se pode enfocar como unha revisión sistematizada para identificar lagoas do coñecemento actual, para examinar ata que punto a evidencia empírica contradí ou apoia as hipóteses teóricas, ou incluso para axudar na xeración de novas hipóteses.
2) ELABORACIÓN DUN PROXECTO DE INVESTIGACIÓN EMPÍRICA E/OU DESENVOLVEMENTO DUN ESTUDO PILOTO: Neste tipo de traballo débese incluir a xustificación e obxectivos do proxecto, metodoloxía empregada, resultados do estudo e discusión na que se relacionen os resultados do estudo coa literatura previa, para examinar ata que punto a evidencia empírica contradí ou apoia as hipóteses teóricas, ou incluso para axudar na xeración de novas hipóteses.
3) PROXECTO DE INTERVENCIÓN: Elaboración dunha proposta de intervención nun ou en varios suxeitos, grupos, organizacións ou situacións, axustándose á metodoloxía habitual deste tipo de proxectos.
Existen modelos orientativos para a escritura de estudos nas distintas modalidades de TFG que se proporcionarán aos estudantes, pero tamén se recomenda a lectura continuada de artigos (revisións sistemáticas, artigos de investigación empírica ou artigos de intervención) co fin de capacitar aos estudantes para a redacción do TFG.
A extensión do informe final do TFG, independentemente da modalidade elixida axustarase ao seguinte: o corpo principal do texto (é dicir, excluíndo Portada, Índice, Resumo, Referencias bibliográficas e Anexos) terá un mínimo de 4000 palabras e un máximo de 8000 palabras. As táboas e figuras (incluíndo os seus títulos) non computan neste reconto de palabras. Aqueles traballos que sobrepasen un 5% do tamaño máximo non poderán ser defendidos.
Tal como establece o Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos de Fin de Grao da Facultade de Psicoloxía, e ao abeiro do artigo 6.7 do Regulamento xeral da USC, o sistema de avaliación dos TFG da Facultade de Psicoloxía admite dúas modalidades: avaliación por tribunal (permite acadar unha cualificación entre 0 e 10) e avaliación por titor/a (permite acadar unha cualificación entre 0 e 7,5). En ambos os dous casos a avaliación inclúe un proceso de exposición e defensa pública do traballo, cunha exposición oral (duración máxima 10 minutos) e a resposta ás preguntas e comentarios que o titor/tribunal considere pertinentes (duración máxima 15 minutos).
En ambas modalidades, a cualificación dos traballos realizarase conforme aos criterios establecidos na Guía Docente/ Programa do Traballo de Fin de Grao en Psicoloxía. Os aspectos a avaliar son os seguintes:
1) Desenvolvemento do Traballo: teranse en conta a autonomía do alumno/a, o cumprimento dos prazos fixados co/coa tutor/a, a súa capacidade de organización e planificación das tarefas, a súa capacidade de manexo da información... 25% da nota final.
2) Memoria Final: avaliarase a xustificación do estudo, o uso de fontes axeitadas e actualizadas, a metodoloxía e os aspectos formais do traballo... 50% da nota final.
3) Defensa pública do traballo: avaliarase a claridade da exposición, a xestión do tempo, a adecuación das respostas ás preguntas do/s avaliador/es... 25% da nota final.
Avaliación por tribunal
A cualificación final outorgarase en función da rúbrica de avaliación establecida, que considera a avaliación do/da titor/a e a avaliación final do tribunal tras a defensa do traballo.
Así, a cualificación final obterase mediante a seguinte ecuación:
Cualificación final = [(Informe do Desenvolvemento do Traballo + Informe de Memoria Final) * 0,50 + (Informe de Memoria Final + Informe de Defensa Pública do Traballo) * 0,50] / 2
Para aprobar a materia se debe obter, alomenos, o 40% da nota máxima en cada unha das dúas partes (a que avalía o titor/a, e a que avalía o tribunal) recollidas na ecuación da cualificación.
O titor debe elaborar un Informe incluindo a avaliación do Desenvolvemento do Traballo e da Memoria final, segundo o modelo que a Comisión do Título de Grao propoña para estes efectos.
Os/as estudantes farán unha presentación pública do traballo diante do tribunal, mediante unha exposición oral e a resposta ás preguntas e os comentarios que os membros do tribunal consideren pertinentes.
O/a estudante é responsable único da orixinalidade da autoría do seu traballo. A detección, polo titor/a ou polo Tribunal, da existencia de plaxio, será causa suficiente para a non superación da materia na convocatoria, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o/a estudante infractor/a.
Os tribunais estarán compostos por tres profesores da USC que impartan docencia no Grao en Psicoloxía, excluíndo ao titor ou titora do traballo. O Tribunal poderá invitar ás deliberacións ao titor/a do traballo e ao cotitor/a, así como a profesores/as especializados/as na materia que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto. Os membros do Tribunal realizarán un Informe da Memoria final e un Informe da Defensa do Traballo, segundo o modelo que a Comisión do Título de Grao propoña para estes efectos.
O tribunal deliberará sobre a cualificación que lle corresponde á/ao estudante conforme aos criterios establecidos, é dicir, axustándose á ecuación anterior e outorgando a cualificación conforme á seguinte escala numérica (de 0 a 10) con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:
•0-4,9: Suspenso
•5,0-6,9: Aprobado
•7,0-8,9: Notable
•9,0-10: Sobresaínte
A Comisión do Título, unha vez esgotada a última oportunidade de defensa dentro do curso académico, outorgará as mencións de Matrícula de Honra entre aqueles estudantes cuxa cualificación sexa igual ou superior a 9, despois de seren ordenados en función da cualificación numérica obtida. En caso de empate, terase en conta a cualificación media do expediente académico.
De ser o caso, o Tribunal da segunda oportunidade de defensa será o mesmo que o da primeira.
Avaliación por titor
A cualificación final outorgarase en función da rúbrica de avaliación establecida, que considera a avaliación do/da titor/a (Informes sobre o Desenvolvemento do Traballo Memoria final e Defensa Pública do Traballo).
Así, a cualificación final obterase mediante a seguinte ecuación:
Cualificación final = (Informe do Desenvolvemento do Traballo * 0,25 + Informe de Memoria Final * 0,5 + Informe de Defensa Pública do Traballo * 0,25)
O/a titor/a debe elaborar un Informe sobre o Desenvolvemento do Traballo, segundo o modelo que a Comisión do Título de Grao propoña para estes efectos.
Os/as estudantes farán ordinariamente unha presentación pública en formato póster do traballo diante do/a titor/a, mediante unha exposición oral e a resposta ás preguntas e os comentarios que o/a titor/a considere pertinentes.
O/a estudante é responsable único da orixinalidade da autoría do seu traballo. A detección, polo/a titor/a, da existencia de plaxio, será causa suficiente para a non superación da materia na convocatoria, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o/a estudante infractor/a.
O/a titor/a poderá invitar ás deliberacións a profesores/as especializados/as na materia que se estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto. O/a titor/a realizará un Informe da Memoria final e un Informe da Defensa do traballo, segundo os modelos que a Comisión do Título de Grao propoña para estes efectos, no que se avaliarán as competencias asociadas ao TFG.
O/a titor/a outorgará a cualificación que lle corresponde á/ao estudante conforme aos criterios establecidos e outorgando a cualificación conforme á seguinte escala numérica (de 0 a 7,5) con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:
•0-4,9: Suspenso
•5,0-6,9: Aprobado
•7,0-7,5: Notable
O alumnado disporá de dúas oportunidades por curso académico para a presentación e defensa do TFG, que elixirá de entre os tres períodos aprobados en Xunta de Facultade (oportunidades de Febreiro, Xullo e Setembro).
Os 6 créditos ECTS asignados ao Traballo de Fin de Grao implican que o estudante ten que adicar ao mesmo un total de 150 horas de traballo (titorías de actividades da materia: 12h; traballo persoal do estudante: 137h; defensa do TFG: 1h), entre as que se inclúen as seguintes tarefas:
- Asistencia ás reunións co/a titor/a
- Asistencia ao Curso de Biblioteca obrigatorio para estudantes matriculados/as por primeira vez no TFG (Os/as estudantes que estean en situación de cumprir os requisitos no segundo semestre para matricularse no TFG, deben tamén asistir ao curso)
- Desenvolvemento das diferentes tarefas do TFG, segundo a modalidade que se elixa para a realización do mesmo.
- Planificación, elaboración e redacción do informe final do TFG.
- Elaboración da Presentación, e
- Preparación da defensa pública do informe final do TFG.
Para realizar a solicitude de tema e titor/a, o/a alumno/a ten que estar matriculado no TFG. A matrícula ten como requisito ter pendentes como máximo 75 créditos para completar os estudos, excluídos os correspondentes ao TFG, e ter superados 150 créditos obrigatorios, entre eles todos os da primeira metade da titulación. A solicitude e correspondente asignación de tema e titor/a farase segundo o indicado na Guía do Traballo de Fin de Grao en Psicoloxía, recollida na intranet da Facultade de Psicoloxía.
Para poder presentar e defender o TFG será requisito ter superada a totalidade dos demais créditos do plan de estudos.
A información de todos os aspectos relacionados coa normativa, asignación, realización, presentación e avaliación do TFG pódese consultar na páxina web e intranet da Facultade de Psicoloxía.
IMPORTANTE: Os/as estudantes que estean en situación de cumprir os requisitos no segundo semestre do curso para matricularse no TFG, deben tamén asistir ao curso obrigatorio de biblioteca.