Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.2 Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.45
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
Áreas: Psicobioloxía
Centro Facultade de Psicoloxía
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Para superar con éxito o curso as e os estudantes deben, ao seu remate:
-Coñecer a perspectiva da Neurociencia Cognitiva no estudo do comportamento humano e os procesos psicolóxicos, as súas contribucións e limitacións; ter en conta esta perspectiva ao conformar o seu coñecemento do comportamento humano.
-Coñecer, a un nivel básico e xeral, as bases biolóxicas dos procesos cognitivos superiores, nomeadamente atención, memoria, linguaxe, procesos de resposta e funcións executivas.
-Coñecer e saber manexar, a un nivel de iniciación, as técnicas e procedementos de rexistro psicofisiolóxico no estudo dos procesos cognitivos.
1. Introdución á Neurociencia Cognitiva
Que estuda e como o fai. Aproximación ás técnicas e procedementos de estudo das bases neurais dos procesos cognitivos.
2. Atención
Formas básicas da atención: atención esóxena vs. endóxena. Bases neurais da atención: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais das redes atencionais. Alerta, orientación e atención executiva. Influencia das emocións sobre a atención. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos da atención en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
3. Memoria.
Bases neurais da memoria: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais dos sistemas de memoria e dos procesos de memoria. Sistemas de memoria: memoria a curto prazo e memoria a longo prazo; memoria declarativa e memoria non declarativa. Procesos de memoria: codificación, almacenamento e recuperación. Influencia das emocións sobre a memoria. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos da memoria en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
4. Linguaxe
Bases neurais da linguaxe: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais. Linguaxe e especialización hemisférica. Adquisición da linguaxe. Comprensión e produción lingüística. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos de procesos relacionados coa linguaxe en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
5. Procesos de resposta
Bases neurais dos procesos de resposta e da cognición motora: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais dos mecanismos de selección e preparación de respostas motoras, da observación de accións e da imaxinación motora. Rexistro dos correlatos psicofisiolóxicos dos procesos de resposta en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva
6. Funcións executivas
Bases neurais das funcións executivas: planificación da conduta, conduta dirixida a obxectivos; control da conduta e das emocións; flexibilidade. O córtex prefrontal. Influencia das emocións sobre os procesos executivos. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos de funcións executivas en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
Bibliografía básica:
Bear, M.F., Connors, B. e Paradiso, M. (2016). Neurociencia. La exploración del cerebro, 4ª Ed. Wolters Kluwer, Lippincott Williams & Wilkins. (orixinal en inglés: 2015). [Ref. Biblioteca: PS6-1943]
Carlson, N.R. e Birkett, M.A. (2018). Fisiología de la conducta, 12ª Ed. Pearson Educación (orixinal en inglés: 2017). [Ref. Biblioteca: PS6-1534, tamén e-book].
Carretié Arangüena, L. (2021). Anatomía de la Mente. Emoción, cognición y cerebro, 3ª Ed. Pirámide. [Ref. Biblioteca: PS6-1743, tamén e-book].
Maestú Unturbe, F., Ríos Lago, M. e Cabestrero Alonso, R. (2008). Neuroimagen. Técnicas y procesos cognitivos. Elsevier-Masson. [Ref. Biblioteca: PS6-1683, tamén e-book].
Redolar, D. (2023). Neurociencia cognitiva. Editorial Médica Panamericana. [Dispoñible na Biblioteca: e-book]
NOTA:
Ademais dos manuais xerais referenciados aquí, nas clases proporcionarase bibliografía e documentación máis específica para cada tema.
Os materiais e a documentación esencial para o adecuado estudo da materia serán facilitados, sempre dentro do respecto ás disposicións legais relativas á propiedade intelectual, a través do Campus Virtual.
Bibliografía complementaria:
Banich, T. e Compton, R.J. (2023). Cognitive Neuroscience, 5th Ed. Cambridge University Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1756]
Breedlove, S.M. e Watson, N.V. (2022). Behavioral Neuroscience, Int 9th Ed. Oxford University Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1971]
Gage, N.M. e Baars, B. (2018). Fundamentals of Cognitive Neuroscience: A Beginner’s Guide, 2nd Ed. Academic Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1935, tamén e-book].
Horvitz, J.C. e Jacobs, B.L. (2022). Principles of Behavioral Neuroscience. Cambridge University Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1602]
Mora, F., e Sanguinetti, A.M. (1994/2004). Diccionario de Neurociencias. Alianza Editorial. [Ref. Biblioteca: DIC15 71]
Purves, D., Cabeza, R., Huettel, S.A., LaBar, K.S., Platt, M.L. e Woldorff, M.G. (2013). Principles of Cognitive Neuroscience, 2nd Ed. Sinauer Ass., Inc. [Ref. Biblioteca: PS6-1701]
Ward, J. (2020). The student's guide to Cognitive Neuroscience, 4th Ed. Psychology Press. [Ref. Biblioteca: PS8-1635]
Felten, D.L., O'Banion, M.K. e Maida, M.S. (2022). Netter: Atlas de Neurociencia, 4th Ed. [Dispoñible na Biblioteca: e-book]
Das competencias específicas establecidas para o Título, nesta materia abórdanse as seguintes:
- Coñecer e comprender as funcións, características, contribucións e limitacións dos distintos modelos teóricos da Psicoloxía
- Coñecer e comprender as leis básicas dos procesos psicolóxicos
- Coñecer e comprender os fundamentos biolóxicos da conduta humana e das funcións psicolóxicas
- Saber identificar as características relevantes do comportamento dos individuos, grupos, organizacións e contextos, mediante os métodos, técnicas e instrumentos propios da avaliación psicolóxica
- Saber seleccionar e administrar técnicas e instrumentos propios e específicos da psicoloxía
- Saber elaborar informes psicolóxicos en distintos ámbitos de actuación, dirixidos aos destinatarios e a outros profesionais
- Saber axustarse ás obrigas deontolóxicas da psicoloxía.
Estas competencias específicas da titulación concrétanse, no marco da materia en:
- Coñecer e comprender as bases biolóxicas dos procesos cognitivos, cunha noción básica e xeral das estruturas anatómicas, os circuítos e redes de relacións funcionais entre elas, e os mecanismos fisiolóxicos que dan lugar a estes procesos.
- Incorporar a perspectiva psicobiolóxica á comprensión, avaliación e explicación do comportamento humano en xeral, e dos procesos cognitivos en particular
- Ler comprensivamente e extraer a información relevante de materiais científicos do nivel de manuais avanzados en materia de Neurociencia Cognitiva. Ler e extraer a información esencial de materiais do nivel de artigos científicos en materia de Neurociencia Cognitiva.
- Manexar, a un nivel inicial, algunhas técnicas de rexistro electrofisiolóxico non invasivo en humanos como procedemento de aproximación neurocientífica aos procesos cognitivos e informar dos resultados das avaliacións mediante estas técnicas.
- Sesións expositivas: Prográmanse un total de 24 clases de 1 hora (2 por semana), cunha asignación aproximada de 4 clases por tema. Destínanse a introducir e explicar os tópicos do programa utilizando os materiais de apoio que sexan pertinentes e estean dispoñibles. Facilitarase bibliografía e documentación básica de referencia para traballar cada tema e poderán introducirse actividades (do tipo de exercicios breves) para incentivar e facilitar a atención e o seguimento das clases; cando estas actividades requiran de entrega de material, poderá demandarse en papel na propia clase ou a través de tarefas programadas na plataforma Moodle (en adiante, Campus Virtual, CV).
- Sesións interactivas: Prográmanse un total de sete sesións de 1h30' cada unha, con periodicidade semanal. Destínanse a procurar unha aproximación máis práctica aos contidos do programa (mediante rexistros psicofisiolóxicos, resolución de cuestións ou problemas sobre estudos científicos, etc.), e incidindo transversalmente na reflexión ética e deontolóxica. A asistencia é obrigatoria nos termos que se indican no apartado de avaliación e se verificará pasando lista. Sobre os traballos desenvolvidos nestas sesións deberanse presentar informes escritos que se entregarán a través do CV e que serán parte da avaliación continua da materia.
- Sesións de revisión/titoría en grupo: para revisar o seguimento do curso e o grao de cumprimento das actividades realizadas até ese momento, e proporcionar, de ser o caso, indicacións correctoras. Serán dúas sesións, na metade e ao final do semestre, de entre 30 e 45 minutos de duración cada unha.
- Traballo autónomo do/a estudante: Lectura de documentación, elaboración dos informes asociados ás sesións interactivas e aos exercicios de clase e estudo dos contidos. Ao longo do curso iranse indicando as ocasións en que sexa preciso traballar algún material antes das sesións presenciais, sexa de repaso do curso anterior, sexa material introdutorio aos tópicos a tratar (poderá requirir a entrega dalgunha tarefa). Por último, é esencial o estudo da bibliografía básica recomendada para os diferentes temas tratados no programa.
- Titorías individuais: O profesorado da materia estará dispoñible en horario de titorías (nos sitios e horas indicados nos seus horarios académicos), para atender dúbidas e calquera cuestión respecto do desenvolvemento da materia e os seus contidos. Débese solicitar cita previa mediante un correo-e ao profesor/a co que se queira a titoría.
- Soporte da materia a través das TIC: Os materiais de apoio gráfico e os guións utilizados nas clases, así como a documentación esencial para o estudo da materia estará a disposición dos e das estudantes a través do CV. Tamén se utilizará este soporte para facilitar materiais complementarios de estudo que se consideren pertinentes, para a entrega e a corrección de tarefas e exercicios, para a participación en foros de discusión, se procede, e para avisos relativos a aspectos organizativos da materia, polo que se debe consultar con asiduidade esa plataforma e o correo-e da universidade.
A avaliación e cualificación da aprendizaxe e das competencias adquiridas realizarase mediante actividades de avaliación continua (40% do peso da cualificación) e de avaliación final (60%):
(1) A avaliación continua (40%) virá definida polos informes correspondentes ás sesións interactivas -prácticas- (20%) e por un exame parcial (20%); a avaliación final (60%) consistirá nun exame ao remate do semestre, sobre todo o contido da materia impartido/traballado ao longo do curso.
a) Informes correspondentes ás prácticas (20%). Deberá entregarse un informe (en grupos de traballo de tres persoas) por cada sesión interactiva. Para a avaliación terase en conta: a corrección dos datos recollidos e a súa correcta interpretación; a adecuación da información aportada nas respostas, tendo en conta a asimilación e integración de coñecementos; a calidade da redacción (corrección terminolóxica, calidade expresiva, esforzo de redacción propia e individual).
Requisitos: É necesario asistir e entregar en prazo o informe correspondente dun mínimo do 70% das prácticas (un mínimo de 5) para poder superar a materia. Non se avaliarán nin se contabilizarán informes entregados fóra de prazo (este se indicará para cada sesión) nin de sesións ás que non se asistira.
As prácticas realizadas nos cursos previos consérvanse no caso de telas aprobadas, de modo que non é necesario repetilas.
b) Exame de avaliación parcial (20%). Realizarase na segunda metade do semestre, sobre a parte do programa traballado até ese momento, na data que se concretará na primeira semana do curso. Terá as mesmas características que o exame final, que se detallan a seguir.
c) Exame final (60%). Terá lugar na data oficialmente prevista pola Facultade (mes de xaneiro) e incluirá a totalidade do programa (a avaliación parcial, xa que logo, non "libera materia"). Para superar a materia será necesario obter, neste exame, un mínimo do 30% da súa nota máxima (e acadar un 5 sobre 10 coa suma da totalidade dos elementos de avaliación).
Os exames (parcial e final) serán escritos e constarán de preguntas abertas, combinarán preguntas tipo test (80% da cualificación) cunha pregunta aberta de extensión breve ou media (20%), sobre os contidos do programa explicados e traballados nas clases (expositivas e interactivas). Avaliaranse tomando en conta, como referencia principal, a bibliografía que para a súa preparación se recomende ao longo do curso e a documentación achegada nas clases. Terase en conta o coñecemento dos contidos e, no caso da pregunta aberta, a calidade da redacción (corrección terminolóxica, calidade expresiva), así como a evidencia de asimilación e integración de coñecementos fronte á mera reprodución literal dos documentos de estudo.
A realización/entrega de calquera das probas recollidas nos apartados precedentes implica a incorporación ao proceso de avaliación, polo que implicará unha cualificación final da materia.
Na SEGUNDA OPORTUNIDADE para a superación da materia, prevista no mes de xuño/xullo para aqueles/as estudantes que non aprobasen na primeira oportunidade, realizarase un exame das mesmas características do exame final do mes de xaneiro. Terase en conta, ademais, a cualificación das prácticas (20%); en canto á nota do exame parcial, non se terá en conta se a consideración do exame final cun peso do 80% resulta máis beneficiosa para o/a estudante.
SITUACIÓNS ESPECIAIS:
Para as persoas que teñan obtido autorización para dispensa de asistencia a clase contémplase unha avaliación final única, baseada no exame final, e poderán acadar unha cualificación máxima de 8. Poderase valorar individualmente, en función das condicións que motivan a dispensa, a posiblidade de realizar, de modo autónomo, un traballo sobre contidos da materia para poder chegar a unha cualificación máxima de 10.
Os/as estudantes de MOBILIDADE SAÍNTE que, durante o mesmo semestre, cursasen e non superasen unha materia equivalente noutra universidade poderán examinarse na "segunda oportunidade" nas condicións fixadas polo artigo 11.6 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (Consello de Goberno do 26/10/2012, DOG 28/11/2012). O exame final valerá até un 80% da cualificación ao que poderán sumar a parte correspondente ás prácticas (até o 20%) se presentan un informe das prácticas realizadas na materia equivalente, xunto cunha valoración do seu traballo nelas do profesor responsable da Universidade en que cursaron a materia.
Os/as estudantes de MOBILIDADE ENTRANTE serán avaliados cos mesmos criterios e requisitos que os estudantes da USC. Non obstante, no caso de non superar a materia na primeira oportunidade, se a súa estadía fose só do 1º semestre, poderáselles realizar o exame da segunda oportunidade en data adiantada, previa sinatura dunha declaración responsable renunciando a presentarse na data oficial.
Para OUTRAS CONDICIÓNS para as que a lexislación vixente ou a normativa universitaria recoñezan algún tipo de dereito específico de adaptación curricular (discapacidade, vítimas de violencia de xénero, deportistas de alto nivel, etc.), as condicións de adaptación definiranse particularmente, atendendo á situación concreta, nun rango que vai desde as condicións xerais ás definidas para os casos de dispensa.
A materia consta de 4,5 créditos, o que corresponde a un total estimado de 112,5 h de traballo do/a estudante, que se estiman repartidas do seguinte xeito:
Asistencia a actividades presenciais (docencia, avaliación): 40,5 h (ver distribución e obxectivos no epígrafe de "metodoloxía da ensinanza").
Traballo non presencial: 72 h. Este deberá distribuírse na elaboración de informes de prácticas, (aprox. 4 h), preparación previa das clases e das titorías programadas (aprox. 8 h) e a lectura e estudo de materiais (aprox. 60 h).
Para un correcto seguimento desta materia recoméndase:
(1)Ter conseguidos os obxectivos establecidos no plan de estudos para o 1º curso do Grao, nomeadamente no relativo ás materias máis directamente relacionadas con esta: Fundamentos Biolóxicos da Conduta; Neurociencia Condutual; Motivación, Emoción e Condicionamento.
(2) Levar ao día as restantes materias de 1º cuadrimestre de 2º curso, con especial atención tamén ás máis vinculadas a esta: Percepción e Atención; Psicoloxía da Memoria; Aprendizaxe.
(3) Capacidade de lectura de textos científicos básicos, do ámbito da Psicoloxía, en inglés.
(4) Seguimento continuado da materia: realización das actividades que se programen, lectura dos materiais e estudo dos contidos.
(5) Asistencia a titorías para a resolución de dúbidas ou a orientación no proceso de aprendizaxe.
Go to the Galician language version of this web site.
Maria Elena Amenedo Losada
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813799
- Correo electrónico
- elena.amenedo [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Socorro Rodríguez Holguín
Coordinador/a- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813911
- Correo electrónico
- rodriguez.holguin [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Jesus Cespon Gonzalez
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Correo electrónico
- jesus.cespon [at] usc.es
- Categoría
- Investigador/a: Ramón y Cajal
Sara Alvarez Delgado
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813680
- Correo electrónico
- saraalvarez.delgado [at] usc.es
- Categoría
- Predoutoral Ministerio
Luns | |||
---|---|---|---|
13:00-14:00 | Grupo /CLE_02 | Galego, Castelán | Aula 6 |
14:00-15:00 | Grupo /CLE_01 | Galego, Castelán | Aula 5 |
Mércores | |||
12:00-13:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán, Galego | Aula 5 |
13:00-14:00 | Grupo /CLE_02 | Galego, Castelán | Aula 6 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 3 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 3 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 5 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 5 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 6 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 6 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 7 |
09.01.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 7 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 3 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 3 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 5 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 5 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 7 |
24.06.2025 12:30-15:00 | Grupo /CLE_02 | Aula 7 |