Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Teoría da Literatura e Literatura Comparada
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
A materia oriéntase á integración das prácticas culturais activas dos estudantes cunha perspectiva crítica e analítica cara ás mesmas, na tradición dos estudos literarios e culturais, que lles capacite para incorporalas, máis aló do lecer e o entretemento aos seus propios intereses académicos e de investigación, dándolle a oportunidade de entrar en contacto cos temas e problemas centrais de disciplinas non abordadas especificamente no currículo, como a antropoloxía e a historia social e cultural, ou desenvolver outros presentados de xeito preliminar polas materias de formación básica, como os estudos interartísticos, os estudos culturais, ou os comparative media studies. Dentro dos obxectivos xerais do minor de teoría da literatura e literatura comparada e do módulo ao que pertence, a materia potenciará moi especialmente:
a. Profundar nas propostas da Teoría literaria como pensamento crítico sobre a cultura.
b. Profundar no estudo das relacións interartísticas, con especial atención aos espazos de confluencia entre a literatura e outros medios.
c. O estudo crítico de problemas centrais na investigación e a análise literaria-cultural.
d. Coñecer as relacións complexas entre o feito literario e a imaxe, con especial atención aos procesos históricos e institucionais da súa respectiva competencia e autonomización en diferentes campos culturais, e as xerarquías entre a cultura popular, a alta cultura e a cultura de masas
e. Aproximarse a unha sociopoética na que o estudo literario se incardine nos códigos e as prácticas sociais.
E, como obxectivo específico fundamental buscarase a activación entre os estudantes dunha disposición analítica e á vez experiencial ante a realidade cultural do seu tempo e o(s) repertorio(s) cultural(is) dominante(s) nos campos da literatura, as artes plásticas, o cinema, a televisión, o cómic, a música pop ou o videoxogo e as súas interconexións mutuas.
Programa
1. A cultura como dominio interdisciplinar e transdisciplinar. Historia conceptual da literatura e da cultura.
2. Os estudos interartísticos. A literatura e as artes (plásticas) dende a historia cultural. Da invención do home á perspectiva de xénero.
3. Dos cultural studies aos media studies. A televisión.
4. Entre a galaxia Gutenberg e a galaxia McLuhan: O cómic: Historia, repertorio, formatos, linguaxe. A novela gráfica.
5. Cultura pop e literatura afterpop. A postnovela.
6. Os comparative media studies na era da converxencia cultural. O repertorio transmedia.
7. Os Game Studies e as experiencias interactivas, de realidade virtual e intelixencia artificial.
A temporalización dos contidos corresponde polo xeral a 4 sesións expositivas e 2 interactivas dunha hora por tema. De acordo coa distribución semanal dos horarios da materia, cada tema estrutúrase polo xeral de modo bimembre, en senllos bloques de contidos diferenciados, de 2 horas expositivas semanais cada un.
As dúas sesións interactivas de cada tema dedicaranse, correlativamente, á programación, seguimento e orientación das actividades propostas (na primeira semana); e a exposición e discusión dos resultados das mesmas, na segunda semana dedicada a cada un dos temas.
As horas de titoría de grupo programadas dedicaranse á presentación e discusión das liñas fundamentais da memoria final da materia.
Para o desenvolvemento detallado da programación de cada un dos temas, a bibliografía específica, as lecturas recomendadas e as actividades para realizar, pode consultarse a guía docente da materia que se facilitará aos estudantes ao comezo das clases.
Bibliografía básica:
Inclúense aquí con carácter xeral só as lecturas esenciais que permiten a preparación da materia, tanto a das sesións expositivas como das interactivas (polo xeral, accesibles na sección de documentos de libre acceso en Scribd: https://scribd.com/:
Bourdieu, P., Sobre la televisión, Barcelona, Anagrama, 1997
Carrión, J., Teleshakespeare, Madrid, Errata Naturae Editores, 2011
CARRIÓN, J., Taller Estampa, GPT-2 y 3 (2023). Los campos electromagnéticos. Teorías y prácticas de la escritura artificial. Buenos Aires, Caja Negra
Eco, U., Apocalípticos e integrados ante la cultura de masas, Barcelona, Lumen, (1964)
Elias, N., El proceso de civilización, Madrid, Fondo de Cultura Económica, 2011
Fernández Porta, E., Afterpop: la literatura de la implosión mediática, Córdoba, Berenice, 2007
Figes, O., Los europeos. Tres vidas y el nacimiento de la cultura cosmopolita, Madrid, Taurus, 2020.
Foucault, P., Las palabras y las cosas: una arqueología de las ciencias humanas, México, Siglo XXI (1966)
Gil González, A. J. y J. Pardo (eds.), Adaptación 2.0. Estudios comparados sobre intermedialidad, Binges, Orbis Tertius, 2018.
Hornby, N., Alta fidelidad, Barcelona, Anagrama, 2007
Jenkins, H., Convergence Culture, Barcelona, Paidós, 2008
Piketty, T., Capital e ideología, Ediciones Deusto, 2019
Spiegelman, A., Maus, Barcelona, Planeta De Agostini, 2003
Bibliografía complementaria:
No apartado de programación correspondente a cada un dos temas da guía docente que se facilitará ao estudante, indícanse pormenorizadamente as lecturas recomendadas e a bibliografía complementaria específica de cada un deles.
Recursos electrónicos
Os recursos electrónicos –e no seu caso, a docencia en remoto– da materia organízanse fundamentalmente arredor da aula virtual desta no campus virtual e, moi especialmente, o portafolio de aula e edublog específico da materia integrado naquela, accesible directamente en: https://edubloganalisecultural.wordpress.com
Ademais de desenvolver as establecidas no plan de estudos como competencias xerais do minor e do módulo complementario, tales como o coñecemento das últimas correntes e movementos teórico-culturais, a adquisición de habilidades relacionadas coa dimensión interdisciplinar dos estudos teóricos e comparados, a capacidade de adquirir coñecementos sobre a literatura e de adscribilos a distintas matrices teóricas de carácter transversal, o recoñecemento e análise da función desempeñada polos textos literarios na sociedade actual, con atención específica aos novos medios, a aprendizaxe do deseño e planificación de posibles liñas de actuación no contexto das políticas culturais vixentes ou a adquisición de técnicas de análises doutras formas culturais emerxentes, a materia desenvolverá, dun modo específico, as seguintes:
a. Comprender e ler criticamente a bibliografía primaria e secundaria recomendada.
b. Redactar en rexistro académico recensións, comentarios, propostas e hipóteses de traballo.
c. Expoñer, argumentar e debater en rexistro e contexto académico sobre as cuestións propostas.
d. Formular adecuadamente hipótese de investigación.
e. Editar e participar no edublog e portafolios de aula da materia.
f. Elaborar recensións de crítica de cultural.
g. Realizar traballos e presentacións en grupos reducidos.
A materia organízase mediante a equilibrada combinación da presentación de marcos teóricos e ferramentas metodolóxicas (principalmente nas sesións expositivas) coa aplicación práctica, de carácter analítico, crítico, interpretativo e comparado a diversos textos, contextos, xéneros e medios artísticos e culturais propia especificamente das sesións interactivas.
Este deseño repercute, por tanto, nos contidos e a estrutura do programa, o cal, ao longo dos 7 temas que o articulan, vai permitindo unha paulatina transición dos modelos teóricos ás aplicacións críticas, que se reflicte na proporción crecente ou decrecente nos contidos de cada unha destes aspectos. Neste sentido, posúen unha maior preponderancia teórica, metodolóxica e conceptual os tres primeiros, dedicados aos marcos disciplinares, e especificamente á historia conceptual, a historia social e cultural e os estudos culturais e os media studies, mentres que os catro restantes introducen gradualmente senllos eixos analíticos ao redor dos discursos da televisión, o cómic, a música pop e a postnovela, a intermedialidade e a recensión cultural, respectivamente, presentados como casos de estudo particulares.
Pero tamén, de modo correlativo, no interior de cada un dos temas trátase de transitar entre ambas as dúas dimensións, dedicándose principalmente o bloque de contidos inicial ao trazado dos respectivos dispositivos conceptuais, para despois, nas segundas sesións dos mesmos, incidir nos diferentes corpus de aplicación e facilitar desta maneira a transición cara ás sesións interactivas da materia, centradas no traballo directo do estudante coas lecturas.
As sesións interactivas estarán, pola súa banda, centradas no desenvolvemento e seguimento do traballo persoal dos alumnos ao longo do cuadrimestre, e descansarán así mesmo sobre unha estruturación bimembre: Unha primeira sesión terá como obxectivo a formulación, organización e desenvolvemento inicial das actividades a realizar, mentres que a segunda sesión, na semana seguinte, dedicarase á exposición, síntese e discusión dos resultados do traballo realizado, normalmente en grupo.
Por último, as titorías programadas terán como obxectivo a presentación polos alumnos dunha memoria da materia que conteña a síntese das actividades desenvolvidas polo estudante ao longo da mesma, o balizamento crítico das fortalezas e debilidades detectadas ao longo do proceso de (auto)aprendizaxe, e o esbozo dunha posible liña de traballo relacionada co programa da materia, concretada na realización dunha recensión de crítica cultural e a súa publicación no portafolio de aula.
Como apoio á docencia e as actividades presenciais (e eventualmente para a docencia virtual), contarase cun portafolio de aula ou edublog no que regularmente se publicarán as presentacións dos contidos da materia, os resultados das actividades programadas dos estudantes, así como diversos materiais complementarios e ligazóns recomendadas, no que se fomentará a participación activa dos estudantes.
Avaliación continua
No contexto da normativa vixente, seguirase o sistema de avaliación continua sen proba final. Esta centrarase precisamente no proceso e os resultados do traballo individual e de grupo dos alumnos, complementada pola participación nas clases ao longo do curso tanto nas sesións expositivas como nas interactivas. Serán ademais factores relevantes da mesma a participación activa e continuada nas sesións expositivas e interactivas e o seguimento doutras actividades prácticas que o equipo docente considere de especial interese formativo e académico.
A memoria escrita individual do traballo que se describe no apartado anterior supoñerá un 70 % da cualificación final outorgada. O 30% restante corresponderá á valoración do traballo e a participación do alumno no conxunto de sesións e actividades da materia, moi especialmente nas sesións interactivas.
Os prazos máximos de entrega da memoria final da materia serán os que coincidan coas datas de inicio dos correspondentes períodos de avaliación sinalados no calendario académico da USC para cada unha das respectivas oportunidades de avaliación. A memoria deberá conter, obrigatoriamente, a reflexión sobre un mínimo de 4 das 7 unidades/lecturas/actividades da programación, escollidas polo estudante, excepto a recensión correspondente ao tema 7, que será obrigatoria en todos os casos.
A asistencia tanto ás sesións expositivas, interactivas e ás titorías programadas, é, neste sistema, fundamental e ten igualmente un carácter obrigatorio. As faltas de asistencia deberán ser debidamente xustificadas por razóns médicas, profesionais, familiares, etc., e non poderán exceder con carácter xeral ao 30 % das horas presenciais da materia. No caso dos estudantes con dispensa de asistencia ás clases ou con coincidencias horarias xustificadas con outras materias, a ponderación da devandita porcentaxe será axustada ás correspondentes acredatacións documentais de xeito individual.
A avaliación da participación terá en conta tanto a súa dimensión presencial, ao longo das sesións e titorías da materia, como a vinculada ao edublog da mesma.
Segunda oportunidade de avaliación
No caso de non superar a avaliación continua ou non acreditar a asistencia na primeira oportunidade de avaliación, poderase acceder á segunda oportunidade da materia nas mesmas condicións que á primeira, para a que se deberán presentar a memoria escrita e/ou os diferentes traballos de entidade e esixencia equivalente aos da primeira oportunidade, que acrediten plenamente a adquisición das destrezas e obxectivos establecidos na programación.
Poderanse conservar as notas parciais obtidas, ou presentar a corrección das carencias da memoria ou os traballos presentados. En convocatorias sucesivas será necesario cursar integramente e superar de novo todo o proceso de avaliación.
Observación importante sobre o plaxio:
O plaxio no exame ou na realización dos traballos programados ou a utilización indebida e non indicada de modo adecuado das fontes impresas ou electrónicas pode implicar o suspenso coa mínima cualificación na convocatoria correspondente.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Ademais da carga presencial correspondente aos 6 créditos ECTS da materia (32 horas expositivas, 16 horas de sesións interactivas e 3 horas de titorías programadas), o estudante deberá ter en conta que cada crédito ECTS presupón unhas 15 horas adicionais de traballo autónomo por parte do alumno.
As 90 horas resultantes corresponden, aproximadamente, coa seguinte distribución recomendada:
30 horas de preparación e estudo dos contidos do programa
30 horas de realización de traballos e actividades programadas
30 horas de lecturas e traballo de documentación
A orientación da materia fai especialmente aconsellable, tanto desde a perspectiva estritamente literaria, como a dirixida ao estudo comparado e interartístico, que o estudante adquira a bagaxe máis ampla posible en canto ás diferentes tradicións e culturas literarias e artísticas refírese. Tamén que aproveite, dunha forma relacional, os coñecementos facilitados desde as diferentes disciplinas obxecto de estudo ao longo da titulación que está a cursar (moi especialmente as pertencentes a outras materias do minor, como literatura comparada, socioloxía da literatura, texto, imaxe, cibertexto, etc.).
Para o detalle da programación de cada un dos temas, a bibliografía e as actividades para realizar, recoméndase a consulta continuada da guía docente que se facilitará ao comezo das clases da materia.
Titorías.
Para o seguimento e a supervisión das actividades programadas, a consulta de dúbidas, etc., utilizaranse as titorías ordinarias de carácter semanal e presencial. O uso do correo electrónico limitarase normalmente ás comunicacións urxentes ou para concertar a titoría presencial. Os traballos deberán presentarse usualmente en forma impresa na forma e prazos indicados na aula.
Bibliografía complementaria
Adicionalmente, na guía docente da materia, tamén accesible en liña, facilitarase un apartado de bibliografía complementaria recomendada para cada un dos temas, na que se incluirán e destacarán preferentemente traballos dispoñibles a través da sección de documentos abertos de Scribd (pode ser necesario rexistrarse para o acceso de proba gratuíta), accesible en https://scribd.com/
Así mesmo, a aula virtual da materia activada no campus virtual, utilizarase como repositorio dos materiais, presentacións e lecturas esenciais, así como ferramenta de comunicación co grupo a través do foro de noticias, publicación das cualificacións e revisións, etc.
A materia se imparte indistintamente en castelán e galego, en función da interacción cos diferentes estudantes.
ALUMNADO CON NECESIDADES ESPECÍFICAS:
Aconséllase encarecidamente ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que contacte co Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) co obxecto de que dito servizo determine como se poden atender ás necesidades en cuestión no marco desta materia.
Antonio Jesus Gil Gonzalez
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Teoría da Literatura e Literatura Comparada
- Correo electrónico
- aj.gil [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Margarita Garcia Candeira
- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Teoría da Literatura e Literatura Comparada
- Correo electrónico
- margarita.garcia.candeira [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Martes | |||
---|---|---|---|
09:00-10:00 | Grupo /CLIS_01 | Castelán | B10 |
10:00-11:00 | Grupo /CLIS_02 | Castelán | B10 |
19.05.2024 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | C12 |
19.05.2024 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | C12 |
19.05.2024 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 | C12 |
24.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_02 | D10 |
24.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D10 |
24.06.2025 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D10 |