Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 280 Horas de Titorías: 20 Total: 300
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana
Áreas: Filoloxía Grega, Filoloxía Latina, Lingüística Indoeuropea
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Segundo se establece no artigo 14.6 del Real Decreto 822/2021, de 28 de setembro, o TFG, de carácter obrigatorio e cuxa superación é imprescindible para a obtención do título oficial, ten por obxectivo esencial a demostración por parte do ou da estudante do dominio e aplicación dos coñecementos, competencias e habilidades definitorias do título universitario oficial de Grao. Tales competencias están recollidas na memoria de verificación correspondente.
O Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela (en diante, Regulamento da USC), aprobado polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, indica que o TFG consistirá na elaboración dun traballo académico orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de grao e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, redacción, presentación e defensa. Por traballo orixinal enténdese un traballo de elaboración propia no que se citen debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.
O TFG do Grao en Filoloxía Clásica realizarase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a, que se encargará de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados. Debe ser persoal docente e investigador con docencia no título, agás persoal en formación, profesores/as lectores/as e aquelas figuras que teñan un contrato que remate antes da finalización do curso académico en que se matricule o TFG.
O TFG da titulación de Grao en Filoloxía Clásica tense que adecuar aos contidos do Maior e, así mesmo, debe ser redactado e defendido en galego ou castelán.
O tema concreto do TFG debe adecuarse á oferta de liñas temáticas vixente no presente ano académico. No caso de traballos en equipo, esta posibilidade debe estar expresamente prevista na oferta de liñas temáticas. A cada estudante (ou grupo de estudantes) adxudícaselle, previa solicitude, unha liña temática e mais un/unha titor/a. Posteriormente, o/a(s) estudante(s), coa orientación do titor/a, delimita(n) o título do TFG e elabora(n) un resumo, que deben ser aprobados pola Comisión de TFG (CTFG) da Facultade de Filoloxía. A oferta de liñas temáticas e titores/as para o ano académico estará dispoñible na web da facultade.
Tal e como se indica na Memoria do título de Grao en Filoloxía Clásica, a extensión do TFG será, a modo orientativo, de entre 65.000 e 120.000 caracteres con espazos, excluídos apéndices. A modo orientador, a extensión dos TFG en equipo poderase incrementar proporcionalmente ao número de integrantes del.
O traballo deberá adoptar, de forma aproximada, a seguinte estrutura:
1.-Portada, na que deberán aparecer todos os datos identificadores do traballo: o logo da USC coa indicación da Facultade; a denominación do Grao; o título do traballo; o nome completo do/a autor/a e do/a titor/a e o curso académico correspondente.
2.-Primeira páxina, que reproduce a portada.
3.-Copia da solicitude de delimitación de título e resumo aprobado pola CTFG.
4.-Título en galego, español e inglés, resumo e palabras chave.
5.-Declaración de orixinalidade do traballo.
6.-Índice paxinado.
7.-Introdución.
8.-Contidos/Desenvolvemento.
9.- Conclusións.
10.-Bibliografía consultada.
10.-Apéndices (se os hai).
No caso de traballos en equipo, xunto co traballo escrito, os/as estudantes engadirán un comentario de ata 5 páxinas por persoa (1500 palabras) no que se indicará:
a) nome e apelidos do estudante
b) as funcións e tarefas desempeñadas no proxecto polo/a estudante
c) a experiencia e capacitación obtida
d) unha crítica construtiva respecto do proxecto traballado en equipo, indicando as posíbeis discrepancias ou propostas persoais que mellorarían dito traballo.
Dadas as peculiaridades desta materia, resulta imposible especificar unha bibliografía xeral básica para todos os TFG que se van desenvolver. En todo caso, tal e como se establece no artigo 12 da Normativa de TFG das titulacións de grao da Facultade de Filoloxía, o traballo debe incluír un apartado de bibliografía consultada.
- Ser capaz de definir os obxectivos do traballo.
- Ser capaz de deseñar e organizar as tarefas para alcanzar os obxectivos previstos e desenvolver o traballo de acordo cos mesmos.
- Saber buscar e seleccionar información relevante.
- Facer uso dos coñecementos adquiridos ao longo dos estudos que sexan pertinentes para o obxecto do traballo, e integrar con eles a nova información conseguida.
- Ser capaz de organizar a información e presentala de forma clara, sistemática e precisa, para que sexa comprendida por outras persoas.
- Saber identificar as limitacións e/ou carencias do traballo realizado e propoñer suxestións de cara ao futuro.
- Dominar a expresión oral e escrita en distintos contextos.
Tal e como xa se indicou, o TFG realizarase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a, que se encargará de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados. O labor do/a titor/a será orientar, asesorar e planificar as actividades do/a estudante, facer un seguimento do traballo e supervisar o seu progreso. En función da natureza do TFG, fixará varias sesións de titoría co fin de discutir o plan inicial de traballo, os resultados parciais das diferentes fases de elaboración e o resultado final. Se o/a estudante simultanea a realización do TFG cunha estadía de mobilidade, debe consensuar co/a titor/a a forma na que se velará polo cumprimento dos obxectivos fixados.
No momento de facer a solicitude de defensa na secretaría virtual, o estudantado deberá optar por:
1.- Avaliación do traballo polo/a titor/a
O/a Titor/a será o encargado/a da avaliación e cualificación que non poderá ser superior a 7.00. O(s)/A(s) estudante deberán defender en acto público o seu TFG perante o/a titor/a. A cualificación final estará integrada por:
a) Valoración do traballo: máximo 70% (4,9 do total de 7) Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
b) Exposición e defensa do TFG: máximo 30% (2,1 do total de 7) Avaliaranse a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e autoanálise dos obxectivos, así como a concisión a corrección no uso da lingua.
2.- Avaliación do traballo por tribunal
O(s)/A(s) estudante deberán defender en acto público o seu TFG perante o tribunal. O tribunal estará composto por tres profesores/as da USC que impartan docencia na titulación. O tribunal poderá outorgar Matrícula de Honra a aqueles TFGs cunha cualificación igual ou superior a 9. A cualificación do Tribunal estará integrada pola suma de:
a) Valoración do traballo por parte do/a Titor/a cun máximo de 7 puntos. Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
b) Valoración da exposición e defensa do contido do TFG por parte do Tribunal cun máximo de 3 puntos, tendo en conta a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e auto-análise dos obxectivos, así como a concisión e a corrección no uso da lingua.
A defensa do TFG realizarase, previa convocatoria pública, de forma pública e presencial ante o/a Titor/a ou o Tribunal, e consistirá nunha exposición e unha quenda de preguntas e respostas. Na exposición, o(s)/a(s) estudante(s) deberá(n) presentar os obxectivos, a metodoloxía, o contido e as conclusións do seu TFG, para o cal pode(n) empregar os medios que considere(n) oportunos. Seguirá unha quenda de valoracións, comentarios ou preguntas por parte do/a Titor/a ou o Tribunal.
No caso de traballos en equipo, no que atinxe ao informe e a avaliación serán sempre individuais podendo aquel referirse igualmente ao traballo conxunto. O tempo da presentación e exposición oral ante o/a titor/a ou tribunal poderá ser de ata 30 minutos e o/a titor/a ou tribunal poderá dirixir preguntas de maneira indistinta a cada un dos/as estudantes.
Orientativamente, para os TFG individuais, recoméndase que o acto de presentación e a resposta a preguntas non exceda dos 10 minutos en cada un dos dous casos e que a duración total do acto non exceda os 30 minutos. No caso de traballos en equipo, recoméndase ao tribunal considerar a oportunidade de aumentar cada un deses períodos temporais e que a duración total do acto non exceda os 60 minutos.
Na Memoria de verificación do Grao en Filoloxía Clásica atribúeselle a cada crédito un valor de 25 horas de traballo do estudante, polo que ao TFG, materia de 12 créditos, correspóndenlle 300 horas de dedicación.
O estudantado terá unha única convocatoria con dúas oportunidades de defensa por curso académico e poderá escoller calquera dos períodos habilitados para defensa do TFG: febreiro, xullo e setembro. O estudantado debe comprobar previamente que ten superados os créditos do resto das materias da titulación, agás os propios do TFG.
O calendario académico do TFG publicarase anualmente na web da Facultade de Filoloxía, dentro de información académica, TFG: https://www.usc.gal/es/centro/facultad-filologia/tfg. Recoméndase visitar dita páxina.