Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

Tribunal

PROPOSTA DO TRIBUNAL

A proposta da CAPD de tribunal da tese estará formada por oito especialistas.

Débese proporcionar ao persoal de apoio ao programa dita proposta cos datos actualizados destas persoas para o seu traslado a Xescampus. Ademais, todos os membros propostos deberán asinar o documento de aceptación a formar parte do tribunal no que constará a súa declaración responsable de cumprir os requisitos para ser membro do tribunal.

Pódese incluír como documentación adicional para a EDIUS un escrito da CAPD de suxestión de tribunal titular.

Non poderán ser membros do tribunal o director/es, o titor/a ou calquera outro/a que incorra nas causas de abstención establecidas no artigo 23 da Lei 40/2015 do 1 de outubro. Non poderán formar parte da proposta do tribunal os coautores dos mesmos.

Na proposta de tribunal non poden constar máis de tres membros dunha mesma institución. No caso de teses que opten á Mención Internacional, na proposta do tribunal, aprobada pola CAPD, deben figurar dous expertos pertencentes a algunha institución de educación superior ou instituto de investigación non española e que non asinasen o certificado da estancia (un titular e un suplente).

No caso de teses realizadas en réxime de cotutela, estarase ao disposto no convenio asinado para o efecto.

NOMEAMENTO DO TRIBUNAL

Segundo o recollido no artigo 42, deses oito membros propostos, a Comisión Executiva da EDIUS, tras a autorización da defensa da tese, nomeará a tres titulares e tres suplentes, un por cada titular, e notificará o nomeamento a todos os interesados.

Na designación do tribunal, entre os titulares e suplentes non haberá máis de dúas persoas dunha mesma institución ou persoal asimilado desta, de modo que o tribunal que actúe na defensa non poderá estar constituído por máis dun membro da mesma institución. No caso de programas interuniversitarios non poderá actuar como tribunal máis dunha persoa da USC ou de universidades ou institucións colaboradoras no programa.

ACTO DE DEFENSA

A tese de doutoramento avaliarase no acto de defensa, que terá lugar en sesión pública, e consistirá na exposición e defensa polo doutorando/a do traballo de investigación elaborado ante os membros do tribunal.

No acto académico de defensa da tese comezará tomando a palabra o presidente/a do tribunal, quen presentará ao doutorando/a e ao resto de membros do tribunal, e establecerá como se vai a desenvolver o acto de defensa, así como o tempo do que dispón o doutorando/a para facer a presentación do seu traballo de tese. A continuación, dará a palabra ao doutorando/a para a exposición da súa tese.

ACTA E CUALIFICACIÓN DA TESE

Para todas as modalidades de defensa o tribunal terá á súa disposición unha única acta electrónica e o acceso ao formulario en liña para a votación de cum laude e premio extraordinario.

A cualificación concedida por unanimidade do tribunal poderá ser: Non apto, aprobado, notable ou sobresaliente.

O tribunal poderá outorgar a mención de cum laude se a cualificación global é de sobresaliente e se emite en tal sentido o voto segredo positivo por unanimidade.

A Universidade habilitará mediante un formulario o mecanismo necesario para a materialización da concesión final da devandita mención, se fora o caso, garantindo que o escrutinio dos votos para esta concesión se realice en sesión diferente da correspondente á de defensa da tese de doutoramento.

A acta será enviada asinada electronicamente polo secretario/a do tribunal ao correo electrónico doutoramento@usc.es no prazo de 24 horas.

Se a documentación non se pode asinar electronicamente, esta poderá asinarse fisicamente e enviarse ao SXA por correo postal certificado ou mensaxería, á dirección:

Universidade de Santiago de Compostela
Servizo de Xestión Académica – Terceiro Ciclo
Pavillón Estudantil – Campus Vida
15782 – Santiago de Compostela (A Coruña)