Ir o contido principal

Xoel Souto: «O doutoramento industrial une o coñecemento académico co saber ligado á experiencia na empresa»

Xoel Souto analiza as enfermidades que afectan ao rodaballo na fase de crecemento
Xoel Souto analiza as enfermidades que afectan ao rodaballo na fase de crecemento
Xoel Souto Guitián centra a súa investigación doutoral nas enfermidades que afectan ao rodaballo de acuicultura na súa fase de crecemento, da man de Insuiña e GAPAVET

Universidade. Empresa. Dous mundos distintos, pero non opostos. De feito, cando as esferas académicas e empresariais colaboran, os resultados poden ser espectaculares. Tender pontes e estreitar lazos é, por tanto, una cuestión crítica. E iso é precisamente o que fai Xoel Souto Guitián.

Graduado en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela actualmente está inmerso en dous retos: a súa tese doutoral, que realiza a cabalo entre a empresa de acuicultura Insuiña e o Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria do Campus Terra, e a residencia no European College of Aquatic Animal Health (ECAAH).

Nos seus traballos de investigación, Xoel Souto estuda de cerca as patoloxías que poden afectar ao rodaballo durante o seu crecemento. Un proxecto moi relevante non só para optimizar a xestión acuícola ou garantir a seguridade alimentaria, senón tamén para mellorar o benestar desta especie, unha das maiores producións de Galicia.

Pero o mundo que lle rodea e os animais non só lle apaixonan a nivel profesional. Cando atopa un oco libre e non se atopa inmerso nun bo libro, Xoel Souto trata de manter o contacto ca natureza.

Charlamos con el de todo isto e moito máis...

-Actualmente está facendo o doutorado en Insuiña, unha das empresas do grupo Nueva Pescanova, e no Grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET) da Universidade de Santiago. Cales son as liñas centrais da súa investigación?

-Insuiña é a empresa do grupo Nueva Pescanova que se dedica ao cultivo do rodaballo. E GAPAVET ten una ampla experiencia traballando con esta especie. A investigación que desenvolvo nestas dúas familias céntrase na saúde e no benestar do rodaballo durante a súa fase de crecemento na granxa.

-O rodaballo, ademais, é unha especie moi consolidada e un dos activos máis potentes no mundo da acuicultura.

-En España, por exemplo, as especies de acuicultura son basicamente a robaliza, a dourada, a corvina, que é máis nova, e o rodaballo. Esta é a terceira especie de peixe mariño máis producida a nivel nacional.

Coa peculiaridade de que todo vén de aquí, pois en Galicia é onde se produce o 100%. Galicia é unha superpotencia a nivel europeo e mundial na produción de mexillón e rodaballo, son dúas das especies que máis destacan.

-En que está centrado actualmente no seu traballo?

-Nas patoloxías que poden afectar ou teñen potencial de afectar á cadea produtiva nunha fase concreta. Non é o mesmo os peces pequenos que cando xa crecen. As enfermidades son distintas. Centrámonos na fase de crecemento e nas distintas patoloxías que pode haber ou que teñen potencial para causar problemas.

-E poden aparecer novas patoloxías co paso do tempo?

-Si, a acuicultura é un mundo onde teñen moita importancia as enfermidades emerxentes e, ademais, hai enfermidades reemerxentes, vellas coñecidas, que debemos vixiar. Como a enteromixosis, unha enfermidade moi importante no pasado que agora mesmo xa non supón un problema.

Sempre hai que ir atallando os problemas máis importantes e, cando os solucionas, tentas solucionar os máis pequenos. É un proceso de mellora continua, pois hai que estar atentos ás enfermidades emerxentes e, no caso do rodaballo, ás que aparecen noutras especies ou noutras zonas, porque o mundo é global e enfermidades doutros lares poden acabar chegando aquí.

–Que motiva a aparición de novas enfermidades? Cal é o papel que xogan as causas ambientais?

-En acuicultura, o medio é a auga, o que fai máis complicado o manexo. No rodaballo unha vantaxe é que se cultiva en terra, polo que a auga pode filtrarse ou tratarse, pero outras especies están en gaiolas no mar. Nunha granxa de porcos, por exemplo, montas un vallado no perímetro e para as enfermidades é máis complicado entrar. Pero en acuicultura a auga pode actuar como medio de transporte.

-Tamén é residente do programa do European College of Aquatic Animal Health (ECAAH). Que lle levou a unirse a este proxecto formativo?

-Eu son veterinario. Acabamos a carreira cunha base sólida de coñecemento en distintas especies. Pero o mundo animal ten moitas saídas profesionais, e obríganos a seguir formándonos, actualizando os coñecementos.

Unha das opcións de formación continua é a especialización. Hai varias maneiras e distintas entidades para facelo. Unha son os colleges, colexios europeos cada un centrado nunha rama de especialización: cirurxía equina, oftalmoloxía... Hai multitude de colexios onde especializarse.

A formación nestes colexios require hands on. É un traballo continuo a carón dun experto, alguén diplomado cunha especialización recoñecida. E logo hai que presentarse a un exame que avalía os coñecementos adquiridos.

En Lugo temos unha particularidade. Hai catro diplomados europeos: tres diplomadas e un diplomado. E todos forman parte de GAPAVET. A miña tese centrada na acuicultura e a relación con esta xente, que son expertos de moita importancia na acuicultura, fixo que fora moi sinxelo para mín acceder á residencia.

No programa European College of Aquatic Animal Health hai dúas opcións de residencia. A máis común é facelo en programas preestablecidos en clínicas ou hospitais veterinarios. No meu caso, en Lugo non había programa de residencia como tal, pero si puidemos habilitar un programa de residencia alternativo máis centrado no candidato en concreto. A miña tese no rodaballo supón a maior parte da residencia e complementouse con algo de formación noutras especies, para adquirir os coñecementos necesarios para a diplomatura.

-A acuicultura como actividade industrial está chamada a xogar un papel clave no futuro polo crecemento demográfico. Os caladoiros teñen un límite e a sobreexplotación dalgún é un feito. Como faremos para articular ese crecemento da acuicultura?

-En realidade, o crecemento xa é un feito. A acuicultura é unha das ramas da gandería con maior crecemento. No último informe da FAO, en 2022, a acuicultura e a pesca estaban ao 50/50. No próximo informe, a produción acuícola probablemente xa estará por riba da extractiva. Esta tamén crece, pero a acuícola crece máis. Cada vez hai máis produción acuícola, tamén pola entrada dos países asiáticos, que son moi potentes.

Nós temos que seguir con esta senda de crecemento, mellorando no posible as condicións de produción das especies que se cultivan para optimizar ao máximo o seu benestar e a súa saúde ao tempo que melloramos o rendemento produtivo.

Tamén é importante a introdución de novas especies. Hai multitude de especies que están en proceso de domesticación, como o atún ou o polbo. Unha vez conséguese, hai potencial para aumentar moito a produción acuícola, que xa crece de maneira orgánica.

-No caso do polbo, poderemos velo no futuro próximo?

-Claro. O polbo escapa un pouco do meu coñecemento, pero entendo que si. Igual que veremos o atún. Nestas especies, ao final, é cuestión dunha mellora técnica. Cando se dará? Non o sei. Algunhas antes e outras despois.

O polbo xa é posible cultivalo, xa se coñece o seu ciclo. O paso no que se está agora é conseguir producir a suficiente cantidade para que se converta nunha especia aberta ao consumo por parte da poboación, como o rodaballo, a dourada ou a robaliza.

A acuicultura produce tanto peixe hoxe como a actividade extractiva
A acuicultura produce tanto peixe hoxe como a actividade extractiva

-Ocorre que os retos para levar á industria acuícola ao seguinte nivel non son menores: impacto ambiental, seguridade alimentaria, harmonización regulatoria… Cales son, na súa opinión, os máis relevantes? E como inflúe a globalización?

-Temos a nosa pequena burbulla europea, e logo está o resto do mundo. O estamos vendo na actualidade cos agricultores. Na acuicultura é similar. A produción acuícola europea é perfectamente segura. Ten os mesmos controles que a produción de especies terrestres, e está fóra de ningún risco.

Non son experto en regulación e como varía dependendo do país, pero a solución pode vir dunha certa harmonización regulatoria ou tratar de fomentar o consumo de proximidade. En España somos unha potencia acuícola, é moi sinxelo obter pescado de acuicultura con estándares moi altos tanto sanitarios como de calidade alimentaria.

-Neste contexto, a rastrexabilidade eríxese como un aspecto crítico.

-Si, na acuicultura coma nos animais de terra hai moita rastrexabilidade. Somos capaces de seguir toda a cadea da vida dos nosos peixes. A estratexia from farm to fork  da Unión Europea implica iso, que podemos controlar todo o proceso, dende a granxa ata a mesa.

-Galicia ten una longa experiencia no mundo da acuicultura dende mediados do século XX. Queda aínda un camiño por recorrer? Onde deberíamos poñer o foco? Novas especies? Máis instalación produtivas?

-Por suposto, sempre hai unha marxe de crecemento. Xa non só á hora de ampliar as instalacións, onde importan o impacto ambiental e as regulacións. Tamén na produción. Actualmente, sempre pódense incrementar un pouco máis a optimización e as condicións das granxas. Existe unha marxe de mellora en todo o que se fai.

O mexillón, por exemplo, non é una excepción. A nivel global, practicamente todo o mexillón do mundo o produce Galicia. É un exemplo moi claro do que podemos lograr. Pero sempre é posible seguir optimizando e mellorando os procesos.

–Como chegou ata aquí? Sempre tivo clara a súa vocación ou foi descubrindo pouco a pouco a súa paixón polos peixes e a investigación?

-Eu entrei na carreira e non tiña moi claro o que quería facer. Sabía que quería ser veterinario, pero non me vía traballando con cans e gatos. Cando cheguei ao fin da carreira, en quinto, aínda non tiña idea. No TFG tiven de directora a Maribel Quiroga, unha das diplomadas europeas do ECAAH e investigadora no grupo GAPAVET. Ela introduciume neste mundo. Cheguei un pouco de casualidade, pero agora mesmo xa son un apaixonado.

-A súa modalidade de tese non é frecuente. Moitas teses limítanse á investigación pura no seno da universidade, pero vostede apostou por un tipo de tese doutoral de carácter máis industrial, de pura transferencia. Por que tomou esta decisión?

-A idea que temos normalmente da investigación e das teses é a duns científicos con batas brancas nun laboratorio. Pero é unha idea equivocada, hai moitos coñecementos xerados na investigación básica que se trasladan ao mundo real con aplicacións prácticas. Pero a veces pode existir un pequeno chanzo nesa translación dos coñecementos xerados na universidade á sociedade.

O doutorado industrial permíteme tratar con xente de ambos mundos, combinando a xeración de coñecemento na universidade con manter o foco en chegar a aplicar á realidade estes coñecementos.

En Insuiña e en xeral no mundo industrial existe un coñecemento máis práctico, non tan académico ou teórico, que é xerado pola experiencia e o hands on.

A tese industrial une o coñecemento teórico da universidade co coñecemento ligado á experiencia dos acuicultores que levan toda unha vida no sector. Eu estou encantado, é unha das mellores opcións, aínda que un pouco descoñecida. A miña beca é dunha convocatoria específica de doutorado industrial da Xunta de Galicia, e foi a primeira. Antes de 2021, non existía esta opción. E é moi importante, porque permite conectar máis facilmente a universidade coa sociedade.

-Esta foi sempre unha reivindicación histórica desde ambos lados, facilitar a conexión entre o coñecemento teórico e o mundo empresarial para axilizar a transferencia. E cando os conectas nacen proxectos de enorme valor, tanto para o ámbito social como para o académico.

-Si, que aquí sexamos capaces de mellorar as condicións de cultivo ten un impacto directo moi grande na sociedade en xeral.

-E a última, cando remate o doutorado cales son os seus plans?

-É a pregunta máis difícil. Ata agora sempre estiven no momento, sen demasiados plans a futuro. A vantaxe do doutorado industrial é que vexo os dous mundos: o da academia e o industrial. E os dous parécenme saídas moi boas. De momento non estou seguro. Sei que vou seguir no mundo dos peixes e que vou seguir formándome de maneira continua. Dentro diso, estou aberto a calquera das dúas opcións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.02.2024.