Este campus conforma un entorno universitario especializado no eido agroalimentario desde unha perspectiva multidisciplinar que abarca os eidos medioambiental, económico, social e cultural, tanto na súa vertente docente —con titulacións de grao, máster e programas de doutoramento—, como na súa dimensión investigadora, con actividades de transferencia e difusión ao sector produtivo e á sociedade en xeral. A Universidade de Santiago de Compostela configura este campus como un entorno de coordinación con outros actores dedicados a este ámbito de especialización nun senso amplo e ábrese ao exterior a través das necesarias alianzas estratéxicas dirixidas a apoiar as potencialidades galegas neste eido.
O Campus Terra de Lugo considérase un núcleo de actividade académica e de relación coa sociedade no campo do uso sustentable da terra e dos seus recursos que se complementa coas actividades propias do conxunto das facultades e escolas que o integran (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Facultade de Veterinaria, Facultade de Ciencias, Facultade de Humanidades, Facultade de Formación do Profesorado, Facultade de Administración e Dirección de Empresas) e dos seus dous centros adscritos (Escola de Enfermería e Escola de Relacións Laborais).
O modelo docente das titulacións que se imparten no campus é intensivamente práctico e completamente coordinado cos seus respectivos sectores de aplicación. Afonda, pois, na obtención de coñecementos e competencias que favorezan a empregabilidade. Neste sentido, dáselle moita importancia ao conxunto de actividades formais e informais que se promoven desde o campus, as cales proporcionan saber e valores. Esta formación enriquécese cos centos de convenios que promoven a realización de prácticas externas. A oferta oficial de graos compleméntase coa oferta de másteres, algúns dos cales son de natureza interuniversitaria, como é o caso do Grao en Paisaxe (impartido conxuntamente coa Universidade da Coruña) ou os mestrados en Xenómica e Xenética e en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados (ambos os dous impartidos conxuntamente coa Universidade de Vigo). Ademais, a oferta docente nútrese de cursos de especialización e cursos de formación continua.
A investigación no eido agroalimentario que se desenvolve no Campus Terra de Lugo ten o seu epicentro administrativo no edificio Cactus e lévana a cabo un conxunto de investigadores e profesores que integran diversos grupos de investigación pertencentes ás distintas facultades e escolas. Gran parte destes investigadores e investigadoras conforman a Agrupación Estratéxica do Campus Terra BioReDes, Xestión e produción sostible de Bio-Recursos, a cal aspira a vertebrar unha estratexia de I+D para o sector primario de Galicia. Ademais, o Campus Terra de Lugo posúe catro plataformas tecnolóxicas: Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, Enxeñaría da Madeira Estrutural, Secuenciación e Xenómica Funcionale Sistema de Información Territorial.
A transferencia de coñecemento e tecnoloxía, a promoción da innovación (empresarial e social) e as actividades ligadas á responsabilidade social universitaria tamén son eixos fundamentais do Campus Terra de Lugo. Nesta liña, o campus impulsa cada ano distintos programas de emprendemento. Paralelamente, unha das prioridades do Campus Terra de Lugo está relacionada cos aspectos culturais e sociais do uso da terra. Neste senso, resulta capital mencionar a creación en xullo de 2016 da Cátedra do Pan e do Cereal, que alberga como obxectivos xerais a investigación, o fomento da docencia e a difusión dos coñecementos no ámbito do pan e dos cereais, tanto dende a perspectiva da historia da súa elaboración, como da mellora dos cereais que permiten a produción do pan galego, así como os procesos de panificación con metodoloxías innovadoras e alternativas para conseguir un valor engadido.