María Dolores Fernández: «A sociedade debe ter máis información do traballo que nós, as mulleres, realizamos»
Visibilizar. Cambiar. Avanzar. Hai moito que facer no mundo de hoxe no campo da igualdade. No caso das enxeñarías e as carreiras STEM, o desafío é especialmente grande. É por iso que hoxe, con motivo do 8M, decidimos falar con María Dolores Fernández Rodríguez, doutora en Enxeñería Agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela, docente e investigadora do Campus Terra e presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.
Conversamos con ela sobre os estereotipos e as trabas sociais, económicas e administrativas que supoñen un muro para elevar a cifra de mulleres enxeñeiras, sobre os retos que prantexa este momento histórico e sobre o traballo da comisión que preside.
Na entrevista hai tamén espazo para analizar o seu labor como docente e investigadora en campos como a eficiencia enerxética e a sustentabilidade de sectores como o agrícola e o gandeiro.
Dedíquenlle uns minutos, paga moito a pena…
-No 2003 converteuse en doutora en Enxeñería Agrónoma pola Universidade de Santiago de Compostela. Dúas décadas máis tarde, considera que se produciron grandes avances en materia de igualdade neste sector? Existen máis referentes femininos a día de hoxe?
-Nestes máis de 20 anos cambiaron moitas cousas en igualdade. Dende o meu punto de vista, a máis relevante é a toma de conciencia da existencia da desigualdade e a adopción de certas medidas correctoras. Pasamos de momentos nos que a igualdade se supoñía xa adquirida a unha análise moito máis profunda e avalada por cifras que nos descobren a realidade na que a desigualdade por motivos de xénero é un patrón presente na nosa sociedade e máis aínda na investigación.
O acceso a contratos de investigación é extremadamente competitivo e, ata hai ben pouco, non se consideraban permisos de maternidade ou paternidade, o cal deixaba fóra a mulleres. A cuestión é: por que non deixa fóra aos homes cando son pais? A sociedade no seu conxunto ten que cambiar.
En canto a referentes, hai un interese social moito maior e estanse a facer esforzos por visibilizar a excelentes mulleres que desenvolveron papeis esenciais na ciencia e na tecnoloxía, que agardemos sirvan para abrir camiño para as novas xeracións.
-Cando se observa a porcentaxe de alumnos e alumnas nas aulas, nas carreiras STEM aínda pódense apreciar diferenzas notables. Que medidas poden tomarse para atraer máis talento femenino?
-Cando se indica que aínda se poden apreciar diferenzas notables, ese “aínda” manifesta unha falsa percepción de que imos mellorando cara a igualdade de mulleres e homes nas carreiras STEM.
Se ben iso é certo no caso das carreiras de ciencias e matemáticas, non é así no caso de Tecnoloxía e Enxeñaría. Nesta última, na que me podo centrar, aínda que hai un amplo abano, as cifras actuais son moi semellantes ás cifras dos anos 90, melloraron ata a crise da construción en torno ao 2010 e aínda non recuperaron os valores anteriores.
Penso que as medidas deben ir acompañadas da visibilización do traballo das mulleres nas carreiras STEM, incluídas as enxeñarías, da súa valía, da súa solidez nestas carreiras imprescindibles. A sociedade debe ter máis información do traballo que nós, as mulleres, realizamos unido ao coñecemento das propias carreiras, que moitas veces é miúdo. Que é a enxeñaría? Quen pode responder a esa pregunta?
Só dende o coñecemento seremos libres para elixir, e nos centros de secundaria débese abordar ese traballo para lograr unha maior inclusión das mulleres en laboráis de futuro e con boas expectativas laboráis, como a enxeñaría.
-Cales son os principais desafíos aos que deben facer fronte as mulleres enxeñeiras?
-O primeiro dicir que, dende un punto de vista estritamente da labor da enxeñaría, o desafío é idéntico ao dos homes, non habendo diferenza nas habilidades para abordalos. De xeito específico, o feito de ser minoría supón xa unha desvantaxe en si, nos propios procesos democráticos ou na práctica inexistencia de imaxe social de enxeñeira, o cal pode supoñer unha traba no inicio dunha relación laboral.
De feito, moitas mulleres empregan o termo enxeñeiro para definir a súa profesión ou usan unicamente as súas iniciais para asinar. Os propios colexios profesionais empregan a palabra enxeñeiro na súa designación, en lugar de enxeñaría. Aínda está presente a actitude paternalista por unha parte de compañeiros ou superiores, que proporcionan un amparo que as mulleres deben vencer en moitos casos para avanzar nas carreiras profesionais.
Podo engadir que as labores burocráticas sen recoñecemento recaen máis frecuentemente sobre mulleres, mentres que as de representación, e por tanto con recoñecemento xa sexa social ou económico, son asumidas con máis facilidade por homes. De feito, a presenza en postos de dirección e nos máis altos das carreiras profesionais seguen estando reservados prioritariamente para os homes.
Probablemente, estas situacións propias de profesións profundamente masculinizadas, sexan derivadas da estrutura social e das institucións que nos esixe levar a carga dos coidados no ámbito doméstico ou nos desconsidera para a realización de actividades de coordinación, dirección ou mando, e incluso nos censura se demostramos ambicións que se consideran lexítimas nos homes, o cal afecta a tódalas mulleres, en tódolos sectores. Romper as barreiras que os prexuízos supoñen son o principal desafío, o cal vai da man da visibilización da labor das enxeñeiras.
-É presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñería desde o 2017. Nestes anos, que iniciativas leváronse a cabo para promover a igualdade dentro e fóra das aulas?
-A comisión de igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría é moi activa, o cal é froito do grupo que a constitúe. Dende a comisión asumimos dar visibilidade ás enxeñeiras como punto principal.
Sinalarei dúas accións principais que son o programa de obradoiros para visibilizar as enxeñeiras en centros de ESO coa designación “Protagonistas, as enxeñeiras” en colaboración co Campus Terra e co Concello de Lugo, que se iniciou no 2018 e retomamos este curso coa visita do IES Anxel Fole á Escola o pasado 6 de febreiro co gallo do Día da Muller e da nena na Ciencia no que participaron máis de 20 mulleres enxeñeiras e estudantes de enxeñaría; e os “Premios a TFG Enxeñaría e Muller Rural”, dos cales xa imos pola VIII edición e que onte entregamos a tres enxeñeiras, alumnas egresadas,para a nosa celebración do 8M. Neste caso, poñemos o foco nos proxectos e estudos que enxeñeiras realizaron para graduarse.
Ademais colaboramos con tódalas comisións de Igualdade de Xénero do Campus na conmemoración ou celebración de días tales coma o 15O, 25N, 11F, 8M, ao tempo que estamos en contacto co grupo de investigación CienciaNOSA, que dá traslado de mulleres pioneiras ás que tratamos de darlles maior proxección dentro do noso ámbito, e coa Comisión de Normalización Lingüística coa que temos organizado actividades. Todas estas actividades deron como resultado no 2019 a concesión, por parte do Concello de Lugo, do premio “Entre mulleres” para esta comisión.
-Poñendo a vista no futuro, que obxectivos marcarán a axenda da Comisión nos próximos anos?
-A nosa idea é continuar coas accións que estamos a levar a cabo: Protagonistas as enxeñeiras e Enxeñaría e Muller Rural, que son proxectos de futuro vencellados a dar protagonismo e luz ao traballo das enxeñeiras, proporcionando referencias próximas no noso ámbito.
Pretendemos seguir traballando pola igualdade, continuando coas reivindicacións xustas que fagan unha sociedade mellor e máis inclusiva, sempre abertas ás necesidades das mulleres, en particular do noso centro. Cremos que visibilizar e dar voz ás mulleres é crucial e ese o camiño que queremos seguir percorrendo.
-Polo que respecta á súa actividade docente e investigadora, e membro do grupo de investigación BioMODEM, o cal coordinou durante máis de cinco anos. Que papel xogan a sustentabilidade, a eficiencia enerxética ou a economía circular na agricultura e o desenvolvemento do mundo rural?
-Herdamos sistemas produtivos baseados na sobre-explotación de recursos naturais para a mellora da produtividade e estamos sufrindo as consecuencias que estes sistemas producen no medio.
Por tanto, estamos ante a necesidade de redefinir o modelo produtivo con dous obxectivos fundamentais. Primeiro, proporcionar retribucións xustas para o digno traballo da produción de alimentos vocación principal do medio rural, sen renunciar a prestación doutros servizos.
Segundo, e non menos importante, mellorar a sustentabilidade dos procesos produtivos, de xeito que este equilibrio permita fixar poboación ao medio rural ao tempo que se realza a figura de labregas/os socialmente. Equilibrar estes dous aspectos require un cambio do modelo produtivo que pasa necesariamente por mellorar a eficiencia enerxética no ámbito agroforestal, da racionalización de insumos, control de tensións contaminantes sen esquecer que este é o sector con maior capacidade de captura de CO2 e mellora do medio, polo que é de grande interese social os posibles servizos ecosistémicos que o sector poda ofrecer.
-A sociedade vive xornadas intensas a causa das tensións de gandeiros e agricultores en toda Europa. Como poderiamos dende o seu punto de vista atopar puntos de encontro para atenuar estas tensións?
-Dende o meu punto de vista, a normativa que establece a UE debuxa un destino moi desexable, pero non está considerando o punto de partida de moitos sistemas produtivos, nin pensa no camiño a percorrer, nin nas persoas que o teñen que facer.
Concordo nas necesarias medidas de protección do medio, pero é labor das institucións xerar modelos sostibles con técnicas factibles e incentivar a súa implementación, sempre proporcionando traballos dignos para as persoas do sector agroforestal, o cal ten que ser compatible coa necesidade de alimentos da poboación, que a nivel mundial vai en aumento. Esto require unha inversión en investigación e transferencia de gran entidade no medio agroforestal que non se vén realizando nas contías necesarias para poder cumprir coas esixencias que a propia administración impón.
-Tamén participou en diversos convenios e contratos con diferentes institución e empresas. Moitas delas, centradas no sector porcino. Como pode a investigación mellorar o benestar dos animais ou a sustentabilidade das granxas?
-Pensemos nunha granxa de cría de animais durante a primeira etapa, que en gando porcino correspondería con animais dende o nacemento ata que pesan uns 18-20 kg. Nesta etapa, o benestar depende fundamentalmente do ambiente no interior do aloxamento, é dicir, das condicións de humidade, temperatura ou concentración de gases tales como o CO2 e o NH3.
As condicións axeitadas vanse conseguir mediante o emprego de sistemas de ventilación para extraer os contaminantes que se orixinan no aloxamento e calefacción para aportar calor ás crías. Ao ser instalacións contrapostas, o coñecemento da evolución destas variables ao longo do ciclo, a interacción entre elas e da dinámica das distintas instalacións de climatización permite mellorar tanto a eficiencia enerxética evitando as perdas de sistemas tradicionais, ao tempo que se mellora o benestar animal.
Pero para isto, é preciso realizar investigación, coñecer a evolución, os efectos da variación das temperaturas exteriores, os efectos do crecemento dos animais.
-En que proxectos de investigación está traballando actualmente?
-Na actualidade, continuamos traballando para a mellora da eficiencia enerxética, do benestar animal e na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) procedentes de granxas, para o cal traballamos da man de gandeiras e gandeiros con interese en mellorar a súa produción así como con outros centros de investigación.
Estamos traballando en novas metodoloxías para a predición de concentración de gases no interior de aloxamentos para a mellora do benestar animal e na avaliación de emisións de GEI procedentes de granxas de cebo de gando porcino co obxecto de reducilas. Tamén está prevista a nosa colaboración cun grupo operativo para a determinación dos efectos do biochar sobre a emisión de GEI tanto no almacenamento como na aplicación dos xurros de gando vacún.