Ir o contido principal

Marcelino Maneiro: «Intentamos copiar o que hai na natureza»

Marcelino Maneiro é responsable do grupo de investigación Química Bioinorgánica e Supramolecular
Marcelino Maneiro é responsable do grupo de investigación Química Bioinorgánica e Supramolecular
Marcelino Maneiro, profesor de Química Inorgánica no Campus Terra, desenvolve catalizadores antioxidantes aplicables a ámbitos como o farmacéutico, o alimentario, o industrial ou o enerxético

A nosa sociedade valora a importancia que ten a investigación científica no seu desenvolvemento? Ou aínda queda moito camiño por percorrer? Co gallo do Día do Investigador Científico, unha data que busca poñer en valor o papel que xogan os investigadores no progreso da humanidade, tivemos o pracer de conversar con Marcelino Maneiro, un investigador consagrado que comezou a súa carreira nos anos 90 e foi partícipe da evolución da investigación no noso país.

Actualmente, Marcelino Maneiro é profesor titular de Química Inorgánica, docente na Facultade de Ciencias e na Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra, e responsable do grupo de investigación Química Bioinorgánica e Supramolecular (SUPRABIOIN).

A súa ampla bagaxe permítelle ter unha valiosa visión sobre o estado actual da investigación científica, a relevancia do incrementar o financiamento para reter masa gris e facilitar a colaboración entre a universidade e o tecido empresarial.

Ao longo da conversa, Maneiro, un apaixonado do deporte e das viaxes, destaca a importancia capital da investigación básica, defende a necesidade de achegar a química ás novas xeracións a través da divulgación e cóntanos as claves dunha investigación pioneira que están a levar a cabo en SUPRABIOIN: o desenvolvemento de catalizadores que teñen un efecto protector fronte a acción oxidante e que poderían ser empregados a nivel medicinal e farmacéutico, pero tamén no ámbito industrial, no sector alimentario ou na loita contra a crise climática.

Ademais, Marcelino Maneiro lémbranos que a través da ciencia non só se pode mudar o mundo... senón que tamén se pode percorrelo grazas as estadías de investigación e aos congresos onde a paixón científica e as ganas de coñecer novos lugares se dan a man. 

-Hoxe é o Día do Investigador Científico, considera que a sociedade é consciente da relevancia desta figura ou necesitamos reivindicala para entender que sen científicos afastámonos do progreso?

-Eu penso que a sociedade cada vez é mais consciente da importancia da ciencia, sobre todo dende a pandemia. Aínda así, dende o meu punto de vista, non se valora suficientemente a importancia que ten a investigación e a ciencia como piares do desenvolvemento da sociedade.

Tendo en conta, ademais, que dito desenvolvemento está pivotando en torno aos avances científicos que se están producindo actualmente.

De feito, a nivel galego, estase a expulsar a científicos novos, cunha excelente formación, que migran a outros países onde son acollidos de maneira estupenda. Esta migración de materia gris prodúcese porque aos nosos científicos novos non se lles dan nin as condicións laborais axeitadas, nin os medios suficientes. De aí que considere que a nosa sociedade non valora a investigación e a ciencia como deberíamos.

-Transferencia vs investigación básica. Con frecuencia, quen está lonxe do universo académico e científico asiste a unha sorte de dicotomía entre esas dúas liñas de traballo. Ten sentido esta dicotomía? Amosa unha visión moi utilitarista da investigación?

-Como o seu propio nome indica, a investigación básica é a base de todo. Non pode haber investigación aplicada sen unha investigación básica forte. Cando se fala de investigación básica parece que se está traballando nun aspecto máis teórico, pero non é así. Internet, por exemplo, foi froito da investigación básica.

A investigación básica, ás veces, produce directamente ferramentas e produtos. Noutras ocasións,  sen ela sería imposible desenvolver a investigación aplicada e transferila á sociedade.

No grupo de investigación SUPRABIOIN traballamos no ámbito da química e levamos a cabo investigacións básicas. Sen embargo, os produtos que nós sintetizamos, caracterizamos e dos cales estudamos as súas propiedades si poden ser, logo, transferidos e aplicados a sociedade.

Por que? Os investigadores facemos unha selección destes compostos e sabemos como se comportan, é dicir, cal é a súa resposta a diferentes estímulos. Isto permítenos coñecer como se poden aplicar.

-Máis aló deste debate, parece evidente que a relación entre os investigadores e o mundo da empresa ten traballo por diante para poñer en valor tanto as capacidades duns como as doutros, non? Cre que se están creando en España as canles e mecanismos adecuados para conectar os dous mundos?

-Creo que se está indo no camiño correcto, pero seguimos por detrás doutros países onde tanto dende a universidade como dende a empresa saben que se complementan e que o avance de moitas empresas se basea no coñecemento xerado pola universidade e a educación.

Aquí os mecanismos de colaboración entre empresas e universidade non están tan engraxados. E a responsabilidade é mutua. Fai falta facer máis pedagoxía entre uns e outros e que haxa foros nos que coincidan máis universidade e empresa. Penso que dende as institucións se están intentando dar estas ferramentas, pero os cambios non son rápidos. Hai inercias na forma de traballar, dende un lado e dende o outro, que se deben mudar.

Tamén é certo que os países onde a colaboración é eficaz, contan con departamentos de transferencia dende a universidade moi potentes. Ao fin e ao cabo, debemos ter en conta que en numerosas ocasións, os proxectos saen adiante porque se invisten recursos económicos e humanos neles. Por iso, é fundamental que haxa unha aposta por poñer en marcha departamentos de transferencia máis potentes dos que hai, que poidan canalizar tódolos campos de coñecemento e investigación que hai, por exemplo, no Campus Terra: química, informática, bioloxía... A ilo hai que sumar o feito de que en moitos países existen mecanismos automáticos de colaboración entre universidade e empresa.

Independentemente das gañas e da interese que se teña en fomentar esta colaboración, as limitacións orzamentarias impóñense. Hai países da nosa contorna que superan o investimento do 3% do PIB en investigación, en España non chegamos ao 1,5% e en Galicia estamos ao redor do 1%.

-Vostedes traballan con catalizadores que teñen o potencial de converterse en antioxidantes. Como se leva a cabo esta investigación? Cal é o percorrido destes compostos para a saúde humana? E para a alimentación?

-Intentamos copiar o que hai na natureza. O noso organismo ten encimas antioxidantes que son capaces de controlar o exceso de especies oxidantes que se poden xerar de forma natural durante o proceso respiratorio ou por causas externas, como pode ser a resposta cando sufrimos unha radiación, unha contusión ou a contaminación ambiental.

Copiamos estas encimas e desenvolvemos mediante síntese no laboratorio uns catalizadores que mimetizan a súa función. Neste traballo de investigación básica comprobamos que teñen un efecto protector fronte a unha acción oxidante externa. Trátase de compostos que actúan como catalizadores en química redox (oxidación/redución de electróns), polo que ademais de ter a potencialidade de controlar o estrés oxidativo e poder utilizarse no ámbito farmacolóxico, tamén poderán desenvolver outras catálises máis alá dese ámbito.

Un dos proxectos subvencionados polo Campus Terra no que traballamos de forma multidisciplinar con investigadores doutras áreas consistía en estudar como incluír estes compostos nun polímero que fabrican as algas, o alxinato, que tamén ten unha orixe natural. A idea era facer envases que conteñan estes compostos antioxidantes e prolonguen a vida útil dos alimentos. O que sería outro nivel de posible transferencia destes compostos.

Ademais, tamén descubrimos que estes novos materiais que conteñen os nosos compostos poden ter unha maior rixidez e ser empregados como envases, pero con outro tipo de formulacións poden presentar un aspecto máis xelatinoso, de tal maneira que se poderían converter en apósitos de feridas, xa que a actividade antioxidante dos compostos favorecería a cicatrización.

Este descubrimento amósanos que cando se busca unha determinada aplicabilidade dun composto de investigación básica, podémonos atopar con novas aplicacións que non esperabamos e que poden ser moi interesantes. Para acadar isto hai que traballar de maneira intensa, ter o radar aberto e saber interpretar correctamente un resultado que non esperabas.

Neste senso, podo recoñecer que teño moita sorte de traballar no que me gusta, o que me empurra a ter máis interese por aprender. Os investigadores científicos temos un traballo moi reconfortante.

SUPRABIOIN ten sintetizado compostos que son capaces de catalizar a produción de hidróxeno
SUPRABIOIN ten sintetizado compostos que son capaces de catalizar a produción de hidróxeno

-Os compostos que desenvolveron pódense aplicar tamén no eido industrial?

-Si. De feito, algunhas empresas xa se puxeron en contacto con nós para amosarnos o seu interese en desenvolver estes compostos non só no ámbito farmacolóxico

Isto é posible grazas a que no grupo de investigación facemos química redox (redución-oxidación), o que implica que os compostos poden ter aplicación no ámbito farmacolóxico e no alimentario, pero tamén poderían aplicarse no eido industrial e enerxético. Xa que algúns dos compostos que sintetizamos son capaces de catalizar a produción de hidróxeno a través da redución de protóns.

-Algúns dos compostos cos que traballan poden servir para reducir os niveis de dióxido de carbono? Ata que punto poderían ser un piar para afrontar a crise climática?

-Os procesos redox abranguen todo o que sexa intercambio de electróns. De tal maneira que parte dos compostos que desenvolvemos poden catalizar a oxidación de CO2 a carbonato ou conseguir que o CO2 se una a un composto orgánico para oxidalo e obter un ácido carboxílico deste composto orgánico.

Existen diversas vías para empregar o CO2, como reactivo dunha reacción. Nós buscamos optimizar esa reacción e ver se é posible captar o CO2 e reducir a súa emisión. Isto é importante porque estamos a falar dun contaminante que supón un dos grandes retos cos que nos enfrontamos na actualidade.

A sociedade na que vivimos ten un consumo enerxético enorme dende a Revolución Industrial e os niveis de CO2 actuais son os máis altos dos últimos 400.000 anos, o cal inflúe de maneira determinante no cambio climático.

-Manchester, Princeton, Irlanda… Na súa traxectoria realizou estancias en distintas institucións e grupos de investigación de varios países. Como valoraría esa experiencia? Queda con algunha lección concreta?

-Foi moi enriquecedor tanto dende o punto de vista académico e formativo, como a nivel persoal. Hai 20 ou 30 anos, cando realicei as miñas primeiras estadías, en varios destes países tiñan moitos máis medios ca nós, de tal maneira que podía empregar ferramentas e medios que aquí non tiña a miña disposición. Por sorte, hoxe en día xa non existe esa distancia, aínda que sigan tendo máis recursos económicos.

Cando estiven en Estados Unidos tiven a oportunidade de traballar con investigadores científicos de moitos países: xaponeses, rusos, turcos, neerlandeses... E iso permitiume coñecer a xente que proviña doutras culturas.

Unha das cousas que máis me impresionaron foi o estritas que eran as medidas de seguridade no laboratorio. O cal contrastaba coa situación aquí, onde aínda existían algúns laboratorios con chan de madeira e sen campás extractoras para eliminar os vapores que xorden nas reaccións. Nestes anos temos tamén temos avanzado moito neste ámbito.

-En que consiste o Proxecto Funil, un curso aberto de química en liña que puxeron en marcha?

-A través do Proxecto Funil gravamos uns vídeos de prácticas de laboratorio para ensinar como se desenvolven, porque se estudiamos a evolución da historia da química, podemos constatar que dita evolución foi toda a base de experimentación.

Durante xeracións os químicos aprenderon de forma experimental o cal contrasta co noso sistema educativo, no que temos moitas máis clases teóricas e se aprenden as reacción químicas de forma teórica.

O que buscabamos con este curso era amosar como se pode ensinar e aprender química no laboratorio. Ao fin e ao cabo, resulta moito máis sinxelo e estimulante comprender unha reacción se podes ver que se produce un cambio (muda a cor dun compoñente, xorde fume...) que se a ves escrita no taboleiro.

Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos. Os vídeos tiveron unha acollida fantástica e xa superan as 400.000 visitas, das cales, boa parte proceden doutros países como México ou Brasil, aínda que están en galego.

Ademais, temos a páxina web do noso grupo de investigación, CienciaNOSA, na que hai unha serie de actividades sobre a historia da ciencia. E presentamos as nosas investigacións nos congresos organizados por Ensinantes de Ciencia de Galicia (ENCIGA), nos que hai centos de profesores de instituto.

-No seu currículo atopamos outro proxecto aínda máis curioso que nos leva a facerlle a seguinte pregunta: Ten o IES Lucus Augusti a táboa periódica máis antiga de Galicia?

-Probablemente si. O noso grupo fixo hai anos un catálogo do material de laboratorio que había nos institutos galegos máis vellos. O Lucus Augusti, aínda que tivo diversas localizacións, é o instituto máis antigo de Galicia, con máis de 150 anos. Como consecuencia disto, ten unha serie de materiais históricos entre os que se atopa unha táboa periódica que é a máis antiga de Galicia entre as que se coñecen hoxe en día. Como o sabemos?

Aínda que non aparece o ano no que se fixo, podemos catalogala polos elementos químicos que aparecen e polos que aínda non se mostran porque non se descubriran. É unha peza que ten moito interese e que se pode ver no museo de ciencia que ten o propio instituto e que eu animaría á xente a visitar.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2024.