Manuel Rodríguez Guitián: «En Galicia temos moi pouca superficie ocupada por bosques»
Amieiros, teixos, árnica, espazos naturais... Conversar con Manuel Rodríguez Guitián sobre o seu labor como docente e investigador achéganos a un mundo fascinante. A un que necesita moitos máis coidados dos que a sociedade lle administra.
Hoxe, no Día Internacional dos Bosques, entrevistamos ao profesor e investigador do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, unha referente no estudo de distintas formacións arboradas , así como no campo da xestión dos espazos naturais.
A charla dá para moito. Pero quizais hoxe sexa máis pertinente que nunca este pensamento que deixa no aire: «Urxe perseverar na mensaxe de que debemos parar o ritmo de desenvolvemento tecnolóxico (o famoso “progreso”) e reflexionar, como sociedade, acerca de como imos afrontar o futuro próximo».
-Hoxe é o Día Internacional dos Bosques. Que lle suxire a vostede esta xornada? Que é o primeiro que se lle vén á cabeza?
-Pois unha evidencia preocupante: que en Galicia temos moi pouca superficie ocupada por bosques (termo que non é sinónimo de arborado) e que unha proporción moi reducida deles teñen características do que, en ecoloxía forestal, poderiamos denominar “bosques maduros”. As estatísticas dispoñibles sitúan a extensión cuberta por bosques en Galicia nun 14-20% do noso territorio, segundo as fontes, aínda que estes valores habería que sometelos a unha revisión crítica.
-Traballar con e para a natureza. Ocórrenseme poucas profesións tan bonitas analizándoo desde a distancia. E moi especialmente nun momento como este, coa cantidade de retos ambientais que afronta o planeta. Dígollo desde o punto de vista dun mozo de 17 ou 18 anos que agora mesmo, en calquera recuncho da península, estea a pensar que facer da súa vida…
-Sí, é un tema sobre o que se pode falar longo e tendido. Desde o punto de vista laboral, sen embargo, é un campo que ten unha escasa valoración por parte da poboación en xeral, en grande medida, porque os resultados que se obteñen non teñen unha tradución directa en termos económicos ou, en certos casos, levan a plantexar a necesidade de limitar o aproveitamento de determinados ambientes ecolóxicos; outra cousa é que os nosos gobernantes sexan receptivos ás conclusións e recomendacións que lles fagamos e lexislen ao respecto.
En todo caso, eu sosteño que a probabilidade de acerto nunha toma de decisión relacionada co aproveitamento dos recursos biolóxicos é moi baixa se non está convenientemente fundamentada no coñecemento dos seus constituíntes e o seu funcionamento. Isto me leva a afirmar que a investigación de campo sobre ditos aspectos é primordial, por moito que os medios de comunicación e determinados lobbys nos traten de convencer de que a tecnoloxía e a IA nos van resolver todos os nosos problemas no futuro próximo.
A IA sen coñecemento aportado polas ciencias básicas (a ecoloxía forestal pódese considerar unha delas) é un castelo de naipes. Un exemplo: os métodos de detección remota e o recoñecemento automatizado de imaxes levan sendo utilizados para facer valoracións ambientais desde hai máis de 50 anos.
Sen embargo, aínda na actualidade non permiten identificar axeitadamente a distribución de unidades ecolóxicas e do seus compoñentes biolóxicos principais (as plantas entre eles) á escala que esixe a planificación territorial detallada: segue a ser preciso o traballo no terreo de persoas expertas formadas especificamente neste eido (botánicos, enxeñeiros forestais ou de montes) para a súa determinación.
Se se teñen en conta as titulacións que se imparten na EPSE de Lugo, o Campus Terra debería de ser un centro de referencia a este respecto.
-Unha das súas últimas investigacións centrouse na caracterización xenética das poboacións de amieiros. Cales foron as conclusións deste traballo?
-A idea de facer este traballo partiu dunha reunión de colegas botánicos que estivemos traballando durante catro anos (coa pandemia da COVID de por medio) para facer unha revisión da vexetación dos territorios ibero-atlánticos, que culminou o pasado ano 2023 coa publicación dun primeiro volume dentro dunha serie de monografías editadas pola Universidade do País Vasco, de acceso libre en Internet.
Nunha das primeiras sesións de traballo deste grupo debateuse sobre os resultados dunha publicación do ano 2017 na que se facía unha revisión das especies europeas de ameneiros e se concluía que na Península ibérica existían dous grupos diferenciados xenéticamente do que, até ese momento, se denominaba Alnus glutinosa (o ameneiro que medra á beira dos nosos ríos). De aí xurdiu un protocolo de recollida de mostras vexetais de diferentes poboacións de ameneiro dentro do cuadrante NW ibérico ao que se engadiron outras de procedencias diversas.
O resultado deste traballo confirmou a orixinalidade xenética dos ameneiros do occidente da Península ibérica fronte aos do resto do continente europeo, cuestión que se ven a sumar a outras evidencias obtidas recentemente para o caso do teixo ou da árnica no sentido de que a historia xenética das poboacións ibéricas de certas especies (posiblemente moitas outras) é bastante máis complexa do que se pensaba até hai poucos anos.
Sen embargo, o caso dos ameneiros ten unha transcendencia especial, dado que se atopan afectados por unha doenza fúnxica importada de Asia (outro exemplo do mal que estamos a facer as cousas os seres humanos), que os mata pouco a pouco. Nesta situación, sabemos que esta diferente constitución xenética dos ameneiros do W ibérico debería de ser tida en conta na toma de decisións á hora de realizar plantacións ou labores de restauración ecolóxica das marxes dos nosos ríos, pois a importación de material vexetal doutras partes de Europa contribúe a que esa peculiaridade xenética desapareza máis rapidamente se cabe. Algo parecido está a pasar con outra especie emblemática do noso espazo rural: o castiñeiro europeo.
-En marzo do ano pasado, presentaron unha investigación sobre a conservación e restauración dos bosques de teixo en Europa. Estes bosques son preciosos porque a árbore é unha delicia estética, pero calquera diría que tamén son un pouco malditos por mor desa lenda negra que sostén que o teixo é unha árbore altamente velenosa. Dificulta este feito a conservación destas masas forestais? Cales foron as liñas centrais deste proxecto?
-O proxecto partiu da consideración que a lexislación europea en materia ambiental (refírome á Directiva Comunitaria DC 92/43/CEE) establece que os bosques dominados polo teixo (Taxus baccata) son ambientes ecolóxicos necesitados de protección urxente dentro do ámbito da UE, dadas as escasas representacións que existen no continente e a tendenza á diminución que se observa na súa especie arbórea característica en diversas partes do continente.
O IBADER, xunto a organismos administrativos doutros territorios da Cornixa Cantábrica presentou unha candidatura Life á UE co obxectivo de mellorar o nivel de coñecemento deste tipo de bosques no norte da Península Ibérica e propor unhas liñas de xestión que guiaran os esforzos de conservación que as diferentes CC.AA. implicadas deberían de por en práctica para garantir a persistencia futura deste tipo de bosques.
Efectivamente, nas áreas xeográficas nas que se manteñen poboacións desta especie, existe o coñecemento do seu carácter tóxico para os seres humanos (a pretendida “lenda negra” non é tal, senón verdade completa), pero non é menos certo que tamén se lle atribúe un carácter máxico e de protección. Proba delo é, por exemplo, o antigo costume de plantar teixos nas proximidades das vivendas que se observa ao longo da faixa oriental de Galicia, na que é habitual que os pés máis vellos que se coñecen desta especie estean localizados precisamente en lugares habitados ou de culto, coma igrexas ou cemiterios. Costumes coma estes dannos a entender que o teixo é un elemento valorado positivamente na cultura tradicional desta área , coma ocorre noutras moitas partes de Europa.
-Tamén traballaron en caracterizar a xenética das poboacións de árnica, un valioso activo para a industria farmacéutica. Que podemos aprender deste estudo?
-O interese desta planta, antano recollida por toda Galicia para a elaboración de remedios caseiros e para a súa venda a farmacéuticos das principais vilas do país, está medrando de maneira exponencial neste século XXI e a súa recolección e cultivo non cobren as demandas.
A perda dos hábitats nos que medra de maneira natural esta planta, debido á intensificación produtiva e aos cambios de uso, e o incremento do seu aproveitamento levou a UE a declarala en 1992 coma especie protexida, sobre a que cabería lexislar o seu aproveitamento, para que non se acaben esquilmando as poboacións naturais.
Os traballos de caracterización bioquímica e xenética que iniciamos hai anos demostraron que en Galicia existe unha variedade de árnica única en Europa, o chamado “quimiotipo ibérico” na literatura farmacolóxica, que resulta particularmente atractivo para as empresas que a comercializan porque resulta menos alerxénica que a variedade habitual no resto de Europa. Na actualidade seguimos a traballar na determinación da variabilidade xenética desta especie coa finalidade de poder dispor dun método de identificación da orixe xeográfica do material que se envía ás industrias farmacéuticas.
-Vostede colabora activamente co instituto de biodiversidade agraria e desenvolvemento rural (IBADER) da USC, cales son os obxectivos deste ente?
-Este instituto universitario ten coma cometido principal promover a investigación científico-técnica no eido rural, desde unha perspectiva holística e sustentable, a través de dúas grandes liñas: a Ambiental (centrada na caracterización da biodiversidade, a planificación e ordenación do territorio, a aplicación de sistemas de información xeográfica e o emprego de sensores remotos ao desenvolvemento rural, e a economía sustentable); e a de Agrosistemas (dirixida a avaliación dos recursos agrícolas, gandeiros e forestais, dos solos e recursos hídricos e caracterización e valorización de residuos).
-O seu traballo investigador e as propostas realizadas no ámbito da xestión dos espazos naturais foron amplamente citados. Se tivese que salientar algúns, cales son os principais desafíos que ten a sociedade sobre a mesa para afrontar a xestión deste patrimonio colectivo?
-Existe un amplo consenso na comunidade científica en que estes desafíos non son exclusivos dos Espazos Naturais, senón que están presentes en toda a nosa contorna, afectan a todo o Planeta. Pensar que cun modelo de “territorios reserva”, sometidos a unha normativa particular que acoute os aproveitamentos que os humanos fagamos do territorio para favorecer os procesos biolóxicos, xa está todo solucionado é facer gala dunha absoluta ignorancia.
Dándolle a volta ao razoamento, se no territorio que non está declarado coma protexido seguimos a por en práctica e espallar modelos (ultra)produtivos, éstes acabarán por influír negativamente nas áreas protexidas, posto que as “barreiras legais” e os límites administrativos non impiden o desenvolvemento dos procesos biolóxicos. Isto quedou claramente demostrado hai catro anos, cando se iniciou a coñecida coma “pandemia da COVID”.
Por outra parte, hoxendía tense asumida a idea, propugnada entre outros estamentos polas nosas administracións, de que os Espazos Naturais son os últimos redutos de Natureza que nos quedan, que están aí para que os humanos faltos de experiencias vitais expoñan o seu corpo a “subidóns” de adrenalina e os “selfis”. Pero se lles fixeramos unha enquisa aos visitantes destes lugares sobre que é o que aprenderon en relación aos valores naturais que aínda persisten neses espazos ou os efectos que teñen sobre o medio determinadas actividades que se permite facer neles, seguro que a inmensa maioría riscarían na casiña “non sabe/non contesta”.
Con esta filosofía, o futuro semella non ser moi prometedor. Urxe perseverar na mensaxe de que debemos parar o ritmo de desenvolvemento tecnolóxico (o famoso “progreso”) e reflexionar, como sociedade, acerca de como imos afrontar o futuro próximo.
-Somos as persoas a principal ameaza para estes espazos a día de hoxe?
-O uso non regulado dos espazos protexidos é o seu principal problema. Pero para o resto do territorio, tamén, sen lugar á dúbida, xunto coa falta de concienciación das consecuencias do noso proceder.
-En febreiro do 2022 presentaron unha investigación sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas. É moi valioso o parque desde o punto de vista da biodiversidade? Hai algo que o faga especial?
-Nese traballo, elaborado conxuntamente coa dirección do Parque, tratamos de presentar a un público amplo os valores deste Espazo Natural Protexido e os seus principais problemas de xestión. Dado o nivel de degradación ambiental que temos en Galicia, dispor de lugares dedicados principalmente ao mantemento dos procesos biolóxicos e a monitorización dos seus cambios, que son uns dos principais cometidos da Rede Española de Parques Nacionais, é particularmente importante.
Desde esta perspectiva, este parque é o único lugar de referencia que temos nunha área mariña atlántica dentro do territorio peninsular español. Non obstante, políticos e determinados sectores sociais da contorna deste espazo só ven nel un lugar de lecer ou no que aprovisionarse sen control de certos bens para comerciar con eles.
-En que proxectos está a traballar actualmente?
-Son varios pero, por desgraza, non podo dedicarlles todo o tempo que me gustaría. A curto prazo, rematar, no que queda de ano, unha revisión e actualización dos coñecemento sobre a vexetación de Galicia, proxecto no que me propuxo colaborar Javier Amigo, colega profesor da USC e vello compañeiro de fatigas nos estudos do mundo vexetal.
A medio prazo, sacar á luz información acerca das características e estado de conservación de diversos ambientes ecolóxicos pouco estudados, como varios tipos de bosques que corren perigo de desaparición no noso territorio, ou os complexos de vexetación que forman parte dos sistemas dunares de Galicia, no que estamos a traballar no marco doutro proxecto europeo Life. Tamén avanzar no coñecemento do xenoma de árnica e a posible identificación de marcadores específicos asociados aos quimiotipos xa coñecidos.
-E a última. permítame a licenza, pero dada a densidade das súas investigacións no ámbito forestal, non nos resistimos a facerlle esta pregunta: Ten algunha árbore favorita? E se é así, por que?
-En realidade todos os seres vivos parécenme fascinantes, pero quizais debido á cantidade de horas que teño pasado á súa sombra, as faias parécenme particularmente atractivas: polo ambiente sombrizo que crean, polas outras especies (animais, vexetais, fúnxicas, etc.) que habitualmente as acompañan e polo cromatismo tan espectacular que adquiren as súas copas cando chega o outono.
Lamentablemente, a deforestación causada polos nosos ancestros restrinxiu a súa presenza a uns poucos lugares das montañas do oriente de Lugo. Na nosa capital temos un pequeno conxunto delas no fondo da Praza Maior, que substitúen a antiga alameda que alí había, e algúns outros pés máis no Parque Rosalía de Castro e nas áreas verdes do Campus.