Ir o contido principal

Inmaculada Orjales: «Os microminerais son sempre os grandes esquecidos: son esenciais para o funcionamento normal de calquera ser vivo»

As investigacións de Inmaculada Orjales sitúanse na vangarda da saúde animal
As investigacións de Inmaculada Orjales sitúanse na vangarda da saúde animal
O traballo de investigación da doutora pola USC, Inmaculada Orjales, pon o foco sobre a importancia dos microminerais nas nosas vidas, auspiciándolles un papel protagonista nun futuro próximo

Calcio, fósforo, magnesio, sodio, potasio... O déficit ou exceso destes elementos químicos no noso corpo é, aínda que pareza raro, un tema de conversación cada vez máis frecuente no noso día a día. A popularidade da que gozan os suplementos alimenticios que conteñen estes macrominerais ou os alimentos enriquecidos cos mesmos introduciron de forma permanente estes termos no imaxinario colectivo. 

Pola contra, elementos igualmente esenciais para calquera ser vivo como os microminerais, viven á sombra dos seus “irmáns maiores”. Estes están relacionados co correcto desenvolvemento das células, coa regulación corporal, a resposta inmune e moitas outras funcións das que Inmaculada Orjales Galdo, pode falar por extenso. 

Premio extraordinario de Licenciatura en 2013, premio extraordinario de Doutoramento en 2019, Facultativa no Servicio de Medicina Interna do HVU Rof Codina e agora Profesora Axudante Doutora no departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias no Campus Terra... O currículo de Inmaculada Orjales, ata o de agora, é impresionante, pero dende logo dará moito que falar de aquí a uns anos. 

As súas investigacións sitúanse na vangarda da saúde animal, augurando resultados prometedores nun futuro próximo. O papel dos microminerais na fisiopatoloxía de enfermidades endócrinas ou os retos que supón para a gandaría en ecolóxico dar unha alimentación equilibrada e rica en microminerais aos animais de produción son algúns dos temas nos que Inmaculada Orjales centra os seus estudos, e sobre os que lle preguntamos na entrevista de hoxe...

-Parte do seu traballo como investigadora centrase na importancia dos microminerais ou oligoelementos na saúde animal. Que son exactamente estes elementos? Que función compren no organismo dun ser vivo?

-Os microminerais son elementos que forman parte da estrutura de moitas moléculas que son vitais para o funcionamento dun organismo. Son sempre os grandes esquecidos, porque se precisan en moi pequenas cantidades. Aínda así, son esenciais para o funcionamento normal de calquera ser vivo: por exemplo o selenio (Se) forma parte de encimas con elevado poder antioxidante, o ferro (Fe) é vital para a formación de glóbulos vermellos, o cobre (Cu) participa de forma activa no metabolismo enerxético, o zinc (Zn) ten importantes funcións no sistema inmunitario...

A deficiencia destes minerais esenciais, ou o exceso dos tóxicos (como o aluminio ou arsénico) están implicados na fisiopatoloxía de diversas enfermidades e polo tanto, no caso dos animais de produción, na redución do rendemento produtivo. 

Recentemente, realizamos un estudo sobre como afectan os niveis de microminerais nas patoloxías endócrinas en cans, e observamos que os cans con procesos endócrinos (sobre todo hipotiroidismo) teñen elevados niveis en sangue de arsénico, un potente disruptor hormonal, e niveis de selenio reducidos. É un campo no que aínda estamos iniciando os traballos, pero parece que os microminerais poden ter un papel moi importante na fisiopatoloxía deste tipos de enfermidades. 

-A achega de microminerais á dieta dun animal parece unha tarefa que require de gran precisión. Cada un xoga un papel moi específico e o seu nivel de eficacia é moi sensible ao nivel da dose aplicada. Cales son os métodos ou estratexias máis adecuadas para coñecer as necesidades específicas de cada animal e saber como actuar?

-Nos animais de produción, a maior parte das dietas están suplementadas cos microminerais (correctores minerais), e do mesmo xeito, na maior parte dos animais de compañía que consomen alimentos comerciais. Aínda así, ás veces é difícil manter en niveis adecuados de microminerais xa que non sempre os animais consomen dietas estandarizadas. Por exemplo, no gando vacún en pastoreo, a maior parte do aporte nutricional provén da forraxe, e os niveis de microminerais da forraxe van depender directamente dos niveis de microminerais do solo, que á súa vez depende da composición do mesmo.

Para máis complicación, os microminerais teñen interaccións entre si, polo que o exceso dun pode provocar deficiencia doutro (por exemplo, un exceso de molibdeno na dieta bloquea ao cobre). Isto fai que moitas veces manter os niveis de microminerais en valores adecuados sexa complicado. 

A medición de microminerais é un proceso complexo, que non facemos de rutina nas análises habituais. Ás veces é suficiente cunha mostra de sangue, pero outras veces necesítanse mostras de tecidos ou órganos (como por exemplo o fígado).  Aínda así, en animais en risco, con sospeita de acumulación de minerais ou pola contra con sospeita de déficit, pódense realizar estudos de medición de microminerais e valorar que é o que acontece nun animal en concreto, nun grupo de animais ou por exemplo nunha granxa. 
 

A maior parte do aporte nutricional de microminerais no gando vacún en pastoreo provén da forraxe
A maior parte do aporte nutricional de microminerais no gando vacún en pastoreo provén da forraxe

-A produción en ecolóxico está á orde do día e tórnase cada vez máis necesaria. Como se combina este tipo de produción coa aplicación de minerais na dieta dos animais?

-O certo é que dentro dos animais de produción, a produción en ecolóxico ten unhas peculiaridades que fai que estes animais teñan maior risco de deficiencias de certos microminerais, sobre todo no gando vacún de leite, aínda que tamén noutros animais. 

Isto é así porque os animais en produción ecolóxica teñen restrinxidos os suplementos minerais, e a maior parte da dieta baséase no uso de forraxe (preferentemente de auto produción). Como falabamos antes, cando unha dieta se suplementa con correctores minerais, é sinxelo manter os niveis de microminerais adecuados. Pola contra, cando dependemos do solo, todo se volve máis complicado e os factores de variación multiplícanse: o tipo de solo, a humidade, o tipo de planta, o estado de maduración da planta... 

De feito, hai uns anos realizamos estudos sobre o perfil micromineral do gando vacún de leite en produción ecolóxica, e observamos que os valores de certos minerais dos animais en produción ecolóxica eran máis baixos que en produción convencional (sobre todo iodo, selenio e cobre, pero tamén outros). A restrición do suplemento mineral nestes animais fíxonos pensar nun xeito diferente de aportalos, e traballamos sobre todo co uso de algas nas dietas, obtendo resultados prometedores. 

-Hai catro anos, vostede participou nunha investigación que exploraba a potencialidade dos microminerais como marcadores diagnósticos en cans. Que supón este avance no ámbito da saúde animal? Poderían estes resultados ser extrapolados a outras especies, como a humana? 

-Si, antes dese momento traballabamos moito cos microminerais en animais de produción, pero hai 4 anos decidimos iniciar una nova vía de traballo moi prometedora. 

Por agora temos só estudos iniciais onde vimos que se observaban asociacións entre algúns microminerais e diferentes patoloxías comúns en cans (por exemplo o cobre coas patoloxías hepáticas e oncolóxicas, o molibdeno cos procesos renais, etc.). Agora, estamos de novo traballando nesa liña intentando coñecer un pouco máis en profundidade como é esa relación. 
Estamos traballando con animais con patoloxías endócrinas, como xa expliquei antes, con resultados moi interesantes, pero tamén con animais oncolóxicos ou con síndrome de disfunción cognitiva, unha enfermidade con moitas similitudes ao Alzheimer en persoas. Cremos que os minerais poden ter un papel significativo nesta enfermidade, e que o can pode servir como modelo de estudo para persoas. 

-Actualmente, unha das súas liñas de investigación está centrada na utilización da Intelixencia Artificial (IA) no ámbito da saúde animal. Que vantaxes pode achegar o uso desta tecnoloxía no seu sector? Que prognóstico lle augura no futuro?

-É algo novidoso tamén para nós, pero neste último proxecto sobre a importancia dos minerais no síndrome de disfunción cognitiva en cans como modelo de enfermidade de Alzheimer (proxecto colaborativo do Campus Terra MIDICO) decidimos colaborar con diferentes grupos de investigación, para crear un proxecto multidisciplinar, e un deles é o Grupo de Sistemas Intelixentes da USC

Estes sistemas de Intelixencia Artificial son realmente bos en identificar patróns e mellorar a predición de biomarcadores, polo que para este proxecto pareceunos que podería ser interesante para valorar os patróns de distribución dos minerais no cerebro canino e relacionalo cos depósitos de placa amiloide así como co grado de disfunción cognitiva que presenta cada animal. É algo no que aínda estamos iniciando traballos, pero que creemos que aportará información valiosa para entender esta enfermidade. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2024.