Ir o contido principal

Gemma Modia: «Contar con materia prima propia supón ter control e calidade ao 100 %»

Gemma Modia é unha das cofundadoras de Lácteos Conchy
Gemma Modia é unha das cofundadoras de Lácteos Conchy
A emprendedora e cofundadora de Lácteos Conchy, Gemma Modia, debaterá sobre a realidade das mulleres que emprenden no rural nunha das mesas redondas da Feira de Primavera de Emprendedoras

Poucas figuras sintetizan tan ben a identidade galega como as avoas. E aínda que entrar a competir nun sector dominado por grandes multinacionais da vertixe a calquera empresa, se na súa orixe atópanse a labor e dedicación dunha avoa, esta sensación é moito menor. Este é o caso de Lácteos Conchy, un proxecto de carácter familiar de Friol que produce leite cru e queixos.

«Lácteos Conchy nace polo reclamo de numerosos clientes que antigamente comían o queixo que elaboraba a nosa avoa Carmen con todo o mimo, amor e a nosa propia materia prima», rememora Gemma Modia, unha das cofundadoras da compañía.

Isto último é, precisamente, o factor diferencial da empresa lucense. Nos últimos anos houbo un auxe dos alimentos ecolóxicos. Os consumidores valoran cada vez máis os produtos naturais. De proximidade. De quilómetro cero. E Lácteos Conchy satisfai esta demanda.

«En Conchy temos uns produtos propios que as multinacionais non teñen. Para a nosa empresa que é familiar contar con materia prima propia supón ter control e calidade ao 100 %», salienta Gemma Modia, que participará proximamente na Feira de Primavera de Emprendedoras: Innovando no Rural, promovida polo Campus Terra.

A natureza como filosofía

Coa crenza de que os produtos de calidade inflúen directamente na saúde, e vendo que cada vez máis xente quería mercar leite cru e non tiña acceso a el, especialmente a mocidade das grandes cidades, en Lácteos Conchy animáronse a vender o leite da súa explotación de gandeiría. E, en 2014, decidiron montar ao carón unha pequena queixería.

«Na nosa queixería actualmente estamos inmersos na elaboración de dous tipos de queixo: o fresco, que o temos de tres tamaños, o de 500 gramos, de 1kg e o de +-1.5kg, e tamén o queixo madurado ou cremoso, que pesa arredor de 800 gramos. Tamén envasamos leite cru, que en todo o ámbito nacional soamente somos dúas granxas con rexistro», engade a emprendedora.

Pero detrás de Lácteos Conchy non só hai persoas. As outras protagonistas son as 35 vacas que viven no campo e producen diariamente uns 700 litros de leite. Leite muxido no mesmo día que venden directamente, sen ningún tratamento máis que o arrefriado. ¿O obxectivo? Manter por completo as súas encimas, as súas propiedades e, sobre todo, o seu sabor.

Lácteos Conchy produce leite cru e queixos
Lácteos Conchy produce leite cru e queixos

Ademais da pureza e o respecto polo medio ambiente, a tradición é outro dos pilares fundamentais de Lácteos Conchy. Para elaborar os centos de queixos que producen por semana seguen a técnica da avoa Carmen, un método artesán da zona de Friol.

Outra das claves do seu éxito foi, sen dúbida, a súa capacidade para cerrar por completo o ciclo de produción, encargándose tamén do envasado, o etiquetado, a comercialización e a distribución. Sen intermediarios. Un esforzo que permite controlar o produto de principio a fin. Desde a granxa ata a neveira.

Aínda que a día de hoxe reparten principalmente en Madrid e Ponferrada, Gemma Modia sinala que «nun futuro non moi afastado queremos levar ao mercado un novo tipo de queixo, e tamén queremos ampliar as dimensións da nosa queixería e leitería xa que se nos está quedando pequena para o volume de vendas e, sobre todo, polo reclamo dos nosos clientes tanto a nivel nacional como internacional».

Os retos de emprender no rural sendo muller

O emprendemento é absolutamente fundamental para revitalizar as áreas máis despoboadas. Supón unha auténtica panca para o arraigo e o desenvolvemento económico, xerando emprego e riqueza en todo o territorio. Lácteos Conchy é un exemplo claro. E este é o motivo polo cal Gemma Modia estará presente o vindeiro xoves 6 de xuño na Feira de Primavera de Emprendedoras: Innovando no Rural, que terá lugar na Praza da Mosqueira de 10:00h a 19:00h.

«No ámbito do emprendemento encontrámonos con axudas, pero cando se empeza un proxecto sempre hai máis medo e moitas necesidades», destaca a emprendedora, que intervirá ás 16:00h na mesa redonda “A realidade das mulleres que emprenden no rural”, moderada por María Anjhara, a presidenta da Asociación Empresarias de Lugo.

Unha xornada que aspira a darlle un altofalante a todas as mulleres que lideran proxectos cun impacto económico, social e medioambiental na súa contorna e, ao mesmo tempo, busca orientar a outras mulleres que desexan iniciar este camiño, facilitando o establecemento de colaboracións e a resolución de problemas.

«Unha das cousas que máis nos fai vir abaixo é toda a burocracia que existe para o simple xesto de elaborar un queixo ou envasar unha botella de leite cru», remata Gemma Modia, que falará sobre a súa experiencia e os distintos retos que tivo que superar no evento organizado polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, Woman Emprende, Mercado de la Cosecha e a Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.06.2024.