Ir o contido principal

Cristina Fente: «Os primeiros 1.000 días son decisivos para o noso desenvolvemento e saúde a curto e longo prazo»

Cristina Fente é membro do equipo investigador tras o proxecto PRO A2, gañador do segundo premio do programa Explorer
Cristina Fente é membro do equipo investigador tras o proxecto PRO A2, gañador do segundo premio do programa Explorer
Membro do grupo de investigación detrás do proxecto PRO A2, Cristina Fente é unha das premiadas na última edición do programa Explorer do USC Lugo Space

Promover a innovación. Impulsar o emprendemento. Premiar a pulsión por avanzar cara un futuro mellor para a nosa sociedade e para as xeracións que están por vir. Estas son as premisas fundamentais que fan do programa Explorer unha iniciativa tan interesante e necesaria a día de hoxe.   

Promovido por Santander Universidades e coordinado polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE) coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemiento (AVTE) e a consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, este programa leva varios anos ofrecendo formación para transformar proxectos emprendedores en futuros negocios viables e premiando aqueles cun gran compoñente innovador.

E nesta última edición do Explorer do USC Lugo Space, foron recompensados tres proxectos destacados polo seu potencial no mercado, e hoxe poñemos en valor a proposta da que forma parte Cristina Fente Sampayo

Catedrática universitaria no Grao de Nutrición e Dietética do Campus Terra e farmacéutica comunitaria, Cristina Fente é unha das integrantes do grupo de investigación que desenvolveu o proxecto PRO A2, galardoado co segundo premio do programa Explorer.

A súa iniciativa, recoñecida polo seu carácter innovador na promoción da saúde dos lactantes, consiste na creación dunha nova fórmula infantil láctea para bebé elaborada con ingredientes funcionais, de proximidade e usando subprodutos da industria láctea, todo baixo selos de benestar animal.

Falamos con ela para rememorar a súa experiencia no programa e para que nos conte sobre a importancia de replicar as características do leite materno para desenvolver produtos de alimentación infantil e sobre o futuro deste innovador proxecto...

-Que é PRO A2? Como xermolou esta proposta e cales foron as razón que levaron ó seu equipo a poñela en marcha? 

-PRO A2 é un proxecto de negocio dirixido á fabricación dunha nova fórmula infantil na que a nutrición e a funcionalidade serán o máis semellantes posibles ao patrón ouro que é o leite materno. Para a súa formulación aprovéitanse a funcionalidade do leite materno e as cousas boas do mellor leite galego 100% A2, que procesamos minimamente e que é o ingrediente principal.

A partir de vacas felices que se alimentan da forma máis natural posible, garantindo o benestar animal e o respecto polo medio ambiente, será unha fórmula mellorada que superará os estándares esixidos pola lexislación.

Como grupo de investigación levamos moitos anos involucrados no sector lácteo galego e investigando o leite materno. Xuntar eses dous camiños era algo que tiña que acontecer máis cedo ou máis tarde.

-Este proxecto vén de gañar o segundo premio do programa Explorer do USC Lugo Space. Que os animou a participar neste programa? Con que se queda desta experiencia? 

-Pareceunos unha boa idea coma continuación do Programa "Activación á transferencia 2023" do Campus Terra co mesmo nome, que tiña coma obxectivo principal poñer en disposición de ser industrializada e comercializada unha fórmula infantil, optimizada na súa composición nutricional e funcional, baseada no leite de vaca 100% galego A2.

Esta experiencia serviunos para definir mellor o noso proxecto e quedámonos cos coñecementos dos pasos necesario para a posta en marcha dunha empresa que ten como principal obxectivo dinamizar e dar valor ao sector produtivo galego.

-Promover a saúde do lactante é un dos obxectivos principais da súa innovadora fórmula infantil. Que fai de PRO A2 un produto diferencial? Que vantaxes aporta na alimentación dos máis pequenos?

-Os primeiros 1.000 días son unha xanela de oportunidade, decisiva para o noso desenvolvemento e saúde a curto e longo prazo. Deixan unha pegada que nos segue ao longo da vida, non só na infancia. Moitos dos problemas de saúde que nos afectan comezan nestes anos cruciais, e o máis chocante é que moitos se poden previr ou minimizar se se abordan cedo. 

Desenvolvemento do cerebro e cognición; saúde mental e emocional; a regulación metabólica, a prevención da obesidade, o cancro... están en xogo. Por iso hai que aproveitar esa oportunidade vital para un futuro máis saudable. 

A lactación materna como mellor dieta durante os primeiros seis meses de vida é cientificamente indiscutible. É o mellor alimento funcional que existe e, ademais, é moi difícil imitalo. No noso grupo de investigación coñecémolo moi ben, levamos máis de 10 anos estudando a súa composición nutricional e a súa funcionalidade. Pero, en moitos casos, a lactación natural non é posible, ou non se desexa. Achegar as fórmulas infantís ao leite materno é a base da formulación destes produtos. 

Nós estudamos as fórmulas infantís que existen no mercado e por iso entendemos moitos dos problemas dixestivos, alerxias e outros problemas inmunes que teñen os nenos que se alimentan con fórmulas infantís. Coñecemos a relevancia do tipo de proteína do leite base das fórmulas para a saúde de bebés e adultos, de aí a importancia de antepoñer o uso exclusivo de ingredientes lácteos A2 na fabricación de fórmulas e engadir activos funcionais similares ós do leite materno. Todo isto, sumado ó emprego de produtos de proximidade e á simulación do leite materno de mulleres galegas cunha pauta dietética saudable son as características que converten a PROA2 nunha fórmula diferencial

-Cóntenos, cales son os seguintes pasos que seguirá PRO A2? E vostede, ten algún outro proxecto en mente que teña previsto poñer en marcha nun futuro próximo? 

-O seguinte o paso que temos en mente é a creación dunha Spin-Off dedicada á fabricación de produtos alimenticios baseados no leite A2 galego como ingrediente principal. Estamos avaliando, ademais, o impacto do consumo de leite A2 en nais lactantes, proxecto que xa conta co informe favorable do Comité de Ética de Galicia. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2024.