Ir o contido principal

Ángela González: «Debemos educar ás nosas mascotas desde o reforzo positivo, evitando castigos e rifas»

Ángela González é Diplomada do Colexio Europeo de Medicina Veterinaria do Comportamento - Animais de compañía
Ángela González é Diplomada do Colexio Europeo de Medicina Veterinaria do Comportamento - Animais de compañía
Profesora asociada da Facultade de Veterinaria e facultativa do HVU Rof Codina, Ángela González fai da medicina do comportamento e benestar animal o centro de gravidade da súa actividade laboral e investigadora

Os mecanismos de defensa, emocións ou patróns de actividade como a ansiedade, a agresividade, o medo ou as fobias non se circunscriben exclusivamente ao xénero humano: os animais tamén son susceptibles de sufrir as súas consecuencias.

É por iso polo que comprender o comportamento destes é unha tarefa ineludible á hora de asegurar o seu benestar e, por conseguinte, promover unha conexión sa e segura coas persoas coas que se relacionan. 

Diagnosticar os trastornos da conducta, identificar os factores que poden causalos nos nosos compañeiros de vida e deseñar tratamentos en consecuencia son algúns dos labores dos que se encarga a etoloxía clínica, unha disciplina que ten en Ángela González Martínez unha das súas mellores embaixadoras a nivel nacional.

Profesora asociada da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, Doutora en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, Diplomada do Colexio Europeo de Medicina Veterinaria do Comportamento - Animais de compañía… O impresionante currículo de Ángela González é o máis fiel reflexo dunha vocación sen límites, que se asenta na posta en valor da experiencia, a innovación e a excelencia.

Hoxe falamos un pouco con ela sobre as razóns que cruzaron o seu camiño vital coa etoloxía clínica, o seu día a día como facultativa do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina ou a importancia de fomentar unha transferencia do coñecemento dinámica e activa.

-Que a levou a especializarse en etoloxía clínica?

-Sempre me encantou o comportamento animal. De pequena adoitaba ver documentais de comportamento de animais e ler todo o que podía. Cando estaba a terminar a carreira chegou á miña vida un can, Trasno, con moitos problemas. Digamos que conseguir unha convivencia adecuada con el e mellorar o seu benestar foi un impulso cara a esta especialidade.

-Cales son as consultas máis comúns que atende no seu día a día? Que especies tratou ata o de agora?

-Xeralmente trato cans e gatos, pero tamén vexo consultas de coellos, papagaios, cobaias e outras especies. Habitualmente son consultas relacionadas con comportamentos agresivos de medo ou ansiedade

-Vostede é Diplomada Europea nesta especialidade, o que é considerado como o máximo grao de especialización que se pode alcanzar no mundo veterinario. Que pasos tivo que seguir para obter esta acreditación? Como foi a súa experiencia ao longo de todo o proceso?

-Ao principio comecei estudando por min mesma, asistindo a cursos e realizando estancias en distintos centros de prestixio. Despois, comecei a facer a residencia con Silvia García-Belenguer en Zaragoza. Foron 3 anos de estudo e de viaxes a Zaragoza e despois tívenme que someter a varios exames moi complicados. Todo isto combinándoo cun mestrado e o doutoramento.

-Trastornos como o TDAH (Trastorno de déficit de atención e hiperactividade) non só aféctannos a nós, senón que tamén poden ser padecidos polas nosas mascotas. De que forma se pode identificar este trastorno en animais domésticos? Cal é o seu tratamento?

-O TDAH está ben definido en cans. Adoita cursar con hiperactividade, problemas de atención e/o agresividade. Utilízase un tratamento combinado de pautas de comportamento e/o medicación como fluoxetina.

-A educación é, sen dúbida, fundamental para o correcto desenvolvemento das persoas e das sociedades nas que vivimos, o que inclúe aos animais de compañía. Como debemos educar aos nosos compañeiros peludos?

-Sempre con reforzo positivo, evitando castigos e rifas.

-Vostede exerce o seu labor facultativo no Hospital Universitario Veterinario Rof Codina, sendo ao mesmo tempo profesora asociada da Facultade de Veterinaria do Campus Terra. Cales son as dinámicas de xeración e transferencia de coñecemento na súa contorna máis próxima?

-Temos un Grupo Universitario de Etoloxía Clínica (GUECA) e reunímonos semanalmente para preparar charlas, congresos, facer modificacións de conduta, clases de cachorros, participar en estudos etc.

Ademais, hai un programa para alumnos colaboradores do Servizo de Etoloxía do HVURC. Nel, os alumnos veñen a consulta e a modificacións de conduta comigo.

Por outra banda, na materia de Rotatorio, os alumnos da Facultade de Veterinaria de Lugo veñen a consulta comigo e reciben un taller de 4 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2024.