Ir o contido principal

Alba Díaz Geada: «É preciso coñecer a historia do noso mundo rural para abordar os problemas presentes da nosa sociedade»

Alba Díaz Geada combina docencia e investigación no Campus Terra cun contrato Ramón y Cajal
Alba Díaz Geada combina docencia e investigación no Campus Terra cun contrato Ramón y Cajal
Doutora en Historia no Campus Terra da USC, o traballo de Alba Díaz Geada no campo da docencia e investigación do pasado recente de Galicia é hoxe unha referencia

A historia é, no fondo, un cruzamento de camiños. Un universo de universos salpicado de ensinos e eleccións. Ocorre que penetrar e profundar en todo ese coñecemento móstranos o que somos. Os nosos acertos e os nosos erros. Tamén, por tanto, o que podemos ser.

Conversar con Alba Díaz Geada é unha sorte de agasallo para entender esa viaxe. Todo ese proceso. O seu currículo impresiona. Doutora en Historia e Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico no 2008, actualmente é investigadora Ramón e Cajal no Departamento de Historia do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.

O seu traballo docente e investigador céntrase hoxe en comprender a profunda transformación que experimentou unha comunidade como Galicia ao longo do último século, moi especialmente en contornas rurais. Entender o cambio, as súas consecuencias, é unha lección que non debe caer no esquecemento.

Charlar de todo iso con Alba dando un paseo á beira do Miño, unha das súas paixóns, sería un agasallo para calquera. Seguramente a mellor forma de empezar o ano...

-Licenciouse en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela no 2008 e logrou obter o Primeiro Premio Nacional á Excelencia no Rendemento Académico. Como naceu a súa vocación pola historia?

-No seu momento, valorei distintas posibilidades. Moitas das posibilidades que existían para estudar, sobre todo no campo das Artes e das Humanidades, parecíanme boas escollas posibles. Unha das cousas que a Historia ensina, xustamente, é que nunca hai un único camiño, nin está escrito de antemán, aínda que moitas veces se esquezan ou tenten borrar os camiños que non foron e puideron ser.

-Na súa tese doutoral centrouse nos cambios económicos, sociais e culturais sufridos polo rural galego durante o franquismo e a transición. A grandes liñas, cales foron as principais transformacións e como influíron no mundo que coñecemos hoxe en día?

-Non resulta sinxelo sintetizar as transformacións que se deron na sociedade rural galega, coma noutras moitas sociedades campesiñas, desas décadas. O seu calado foi tan fondo, que naquel presente se estudaba “a morte do campesiñado”. Debaixo desa sentida como extinción civilizatoria, operaba a intensificación das relacións de produción capitalistas no seo das comunidades rurais, con todo o que iso implica. Ese avance concretouse de formas distintas en cada formación social.

Na galega, supuxo toda unha serie de cambios interrelacionados, caso da transformación e crecente dependencia do modelo produtivo, a expulsión de boa parte da poboación que traballaba na terra, así como importantes mudanzas de carácter social e cultural.

Desde logo, tratouse dunha transformación que condiciona definitivamente o noso presente. Por iso, resulta crucial estudala para caracterizar os problemas actuais e pensar propostas para abordalos, desde un necesario coñecemento histórico dos mesmos.

-A súa traxectoria académica e investigadora é moi destacable: realizou estancias en centros de prestixio como a Universidade de Exeter, a Universidade de Lyon ou a Universidade de Yale. Que lle impulsou a aventurarse no estranxeiro? E por que decidiu regresar ás súas orixes?

-Na Universidade de Exeter estiven realizando unha estadía predoutoral, durante o tempo en que estaba a investigar para a tese de doutoramento. No caso das Universidades de Lyon e de Yale, tratouse dunha estadía posdoutoral que puiden realizar grazas a unha axuda pública do Goberno galego de tres anos de duración, dos que os dous primeiros debían realizarse fóra do país, e o terceiro de volta á Galiza. Coido que os máis dos traballadores e traballadoras do país, cando temos a posibilidade, escollemos ficar no país.

-Que aprendeu durante a súa experiencia internacional? Cales considera que son os puntos fortes e, á vez, as tarefas pendentes do panorama investigador español con respecto ao dos países nos que estivo?

-Cada un dos distintos sistemas universitarios que coñecín tiña características particulares e diferentes entre si. Así e todo, o que resulta moi claro é a necesidade de coidar, promover e protexer a universidade pública.

A formación regrada, en calquera das súas fases, debe ser un dereito e unha obriga de todos, e non o privilexio duns poucos. A privatización da universidade implica, entre outras cousas, que só uns poucos podan acceder e, deses poucos, os máis deban hipotecar a súa vida para recibir esa formación. Unha universidade duns poucos só defenderá, consecuentemente, os intereses dos seus donos.

-A día de hoxe, combina docencia e investigación no Campus Terra cun contrato Ramón y Cajal. Que supuxo para vostede conseguir un contrato que distingue aos mellores talentos do sistema investigador no exterior?

-As persoas que traballamos na docencia e na investigación participamos ao longo da nosa traxectoria de múltiples convocatorias de axudas e concursos de prazas, para poder seguir desenvolvendo este traballo.

É importante que se sosteña e manteña un sistema público de contratación, que permita que se leve adiante docencia e investigación ao servizo de quen o sostén. Nese sentido, ter a posibilidade de desenvolver calquera traballo de carácter público, debe ser tamén un exercizo de responsabilidade.

-A súa investigación actual céntrase na comunidade, o conflito e o cambio social da Galicia rural do século XX. A que conclusións chegou ou que avances fixo ata o de agora?

-Como comentabamos nunha pregunta anterior, a transformación que viviron moitas sociedades campesiñas contemporáneas foi un proceso histórico complexo e de fondo calado. A investigación que levamos adiante actualmente tenta continuar no seu estudo a partir de tres eixos relacionados entre si: o común, as desigualdades e as revoltas, para o rural galego do século XX.

Coidamos necesario actualizar o debate sobre a noción de comunidade e reconstruír a súa historia, para coñecer as súas formas de organización económica, cultural e política e a maneira como interactuaron comunidades históricas concretas con distintos proxectos modernizadores. Tamén, indagar nas loitas colectivas que se articularon para facer fronte ás consecuencias daquela profundización das relacións sociais capitalistas que mencionabamos anteriormente. E, en estreita interrelación, estudar as distintas desigualdades que atravesaron aquelas comunidades rurais en proceso de mudanza.

Desde a Facultade de Humanidades organizamos seminarios regulares abertos para compartir os avances investigadores que imos realizando. Nesa mesma Facultade de Humanidades, e no marco do Campus Terra, estanse a formar investigadoras e investigadores nóveis que están a realizar contribucións significativas nesta liña de traballo, sobre a historia do noso mundo rural.

Tanto é así, que varias investigadoras e investigadores se incorporaron a esta liña de traballo, acadando bolsas predoutorais para desenvolver a súa tese de doutoramento, no marco deste eixo sobre o estudo da historia do mundo rural. Ademais, investigadoras mozas téñense iniciado nesta liña de traballo, grazas ás bolsas de iniciación á investigación do Campus Terra.

-Tamén realizou unha memoria de investigación sobre o sindicalismo labrego no rural galego durante o tardofranquismo e a transición. Cal foi a súa verdadeira importancia?

-As organizacións do sindicalismo labrego no rural galego, particularmente as vinculadas ao nacionalismo de esquerda, desempeñaron un papel importante na mobilización colectiva dos últimos tempos da ditadura e nos anos de cambio de réxime político. Colaboraron moi activamente con moitas loitas labregas contra a explotación do común.

Houbo mobilizacións contra o establecemento de industrias contaminantes, a expropiación de recursos, a contaminación industrial ou as cargas fiscais inxustas, por só recordar algunhas. Durante aquela etapa, esas loitas concretas eran tamén solidarias. Non se trataba de loitar contra unha inxustiza sufrida polos veciños e veciñas dunha parroquia concreta, senón de loitar por unha transformación social e política do conxunto do país, para construír unha sociedade realmente igualitaria e democrática.

-En Galicia adóitase dicir que quen manda nas casas son, e sempre foron, elas. Que papel xogou a figura da muller?

-Esa é unha pregunta da que, como tamén acontece coas anteriores, se ten ocupado tanto a historiografía coma o conxunto das ciencias sociais na Galiza. A resposta non é doada nin curta, mais é claro que as mulleres tiveron un papel moi activo nas loitas que acabamos de mencionar.

Máis en xeral, tampouco parece haber dúbidas, por outro lado, da vixencia histórica dun sistema de opresión patriarcal do que cabería continuar estudando, xustamente, como se foi readecuando a ese proceso de intensificación das relacións sociais capitalistas que aconteceu ao longo da segunda metade do século XX.

-Observar o pasado resulta clave para entender mellor o futuro. Como ve precisamente o futuro do rural galego que, agora mesmo, enfróntase cara a cara co problema do despoboamento?

-Concordamos en que, como comentabamos antes, pensar historicamente resulta crucial para entender o noso presente. Estamos a conversar desde o Campus Terra, que nace xustamente para avanzar no coñecemento dos ámbitos vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

Sermos conscientes da historia que vincula ás persoas co seu medio é nodal para poder comprender as posibilidades e os problemas dun mundo rural que habita as consecuencias de procesos históricos previos.

Os obxectivos do Campus Terra e do traballo que se desenvolve nas súas facultades e distintos campos de coñecemento, está aliñado coas preocupacións que comparten institucións públicas de carácter nacional e internacional, que tentan promover políticas públicas para abordar cuestións coma a mencionada do despoboamento.

Esa e outras preocupacións actuais, son resultado dun proceso histórico de longo percorrido. Por iso é preciso coñecer a historia do noso mundo rural, para poder abordar os problemas presentes da nosa sociedade, que resulta da desarticulación, resistida, daquelas comunidades pasadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2024.