Nesta acción inclúese o fomento entre o persoal investigador de actitudes que fagan ter en conta a posible aplicación comercial dos resultados dos proxectos de investigación nos que participa. Supón a concienciación, dende etapas moi incipientes dos traballos de investigación, sobre aspectos críticos como a autoría, a novidade, e a salvagarda da protección, sen interferir coa función de publicación e comunicación dos resultados.
Para facilitar o proceso de avaliación e o posterior desenvolvemento do proceso de transferencia, solicítaselle a achega dunha información mínima que permita facer unha primeira aproximación de:
- Autoría e titulares dos dereitos.
- Identificación de mercados potenciais.
- Mecanismo de protección máis adecuado.
- Patentabilidade dos resultados.
Dado que o proceso de transferencia é custoso, tanto en recursos económicos como en tempo de dedicación do persoal investigadores e do persoal técnico da AVTE, cómpre facer unha avaliación preliminar que permita seleccionar aqueles proxectos, que ben polo seu impacto social ou pola súa importancia económica, aos que cómpre dedicar recursos. Así, no proceso de avaliación trátase de obter información sobre:
- Mercados potenciais e funcionamento da súa cadea de valor.
- Grao de desenvolvemento da tecnoloxía.
- Custos e tempo do proceso de desenvolvemento ata a etapa comercial.
- Tecnoloxías competidoras no mercado ou en fase de desenvolvemento.
MOGUVAL é un modelo realizado en Excel cuxo propósito é a valoración económico-financeira de propostas de negocio baseadas en patentes ou outros resultados de investigación obtidos mediante acordos de transferencia. Está especialmente deseñado para a avaliación dos termos dos acordos de licenza asinados entre universidades (ou outros organismos públicos de investigación) e empresas, sexan estas Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) universitarias ou non. Para iso adáptase ao horizonte temporal típico dos negocios baseados en resultados de investigación incluíndo unha etapa previa á entrada no mercado (Etapa de I+D) valorada empregando a metodoloxía de Árbores de decisión (Decision Tree Analysis).
MOGUVAL foi desenvolvido por Alfonso Rodríguez Sandiás, profesor de Finanzas e membro do grupo de Valoración Financeira Aplicada da USC, e por María Jesús Rodríguez Gulías, durante a súa etapa como técnica de transferencia de tecnoloxía na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.
No capítulo 7 do libro Modelos de Análisis y Valoración de Proyectos de Inversión, publicado pola editorial Andavira, pódese atopar unha presentación de MOGUVAL.
MOGUVAL é un programa de ordenador rexistrado (N.º asento rexistral 03/2013/258).