Certame de presentación de propostas de tipo musical, poética ou monólogos e diálogos en lingua galega sobre temas relacionados coas matemáticas.
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas organiza a Bóla aberta de talentos en Matemáticas, cos obxectivos de fomentar a creatividade do alumnado do centro, de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como de ofrecer un tempo de lecer de tipo lúdico-cultural adaptado á idiosincrasia da facultade e na nosa lingua.
Trátase dun espazo en que os participantes poderán presentar propostas de tipo musical, poética ou monólogos e diálogos en lingua galega, centradas en temas relacionados coas matemáticas, cunha duración máxima de 5 minutos.
- As propostas musicais consisten en interpretacións dunha ou dúas cancións de estilo libre (rap, pop, lírico, rock…). Pode ser unha versión matemática dunha canción coñecida, unha interpretación dunha canción xa existente sobre matemáticas ou unha completamente orixinal do/a propoñente. Os instrumentos e/ou melodia (se esta se trae nun lapis de memoria, por exemplo), de ser o caso, deben ser proporcionados polos propios artistas. Permítese, se así se precisar, a presenza de persoas externas á Facultade, ata un máximo de 4. A Facultade pon ao seu dispor os medios técnicos (ordenador, proxector, altavoces) existentes na Aula Magna.
- As propostas poéticas consisten no recitado dun poema propio do/a artista (pode tratarse dunha versión matemática dun máis coñecido, algo totalmente seu ou un poema sobre as matemáticas non orixinal) completamente escrito en galego (ou traducido, de ser o caso) e de temática matemática libre: un percorrido por parte da Historia da Matemática, unha demostración narrada dun xeito algo diferente, unha revisión de diversos conceptos…
- O monólogo ou o diálogo (neste caso non se precisa que ambas as persoas sexan da Facultade, tan só un/ha deles/as) terá que tratar un tema relacionado coas matemáticas, será orixinal e pode enfocarse como se queira.
A organización poderá tomar as decisións que considere axeitadas para o mellor desenvolvemento do acto, o que comunicará na web da Facultade.
Onde: Aula Magna da Fac. de Matemáticas. Entrada libre ata completar o aforo
Cando: Xoves 21 de abril ás 19:30
Datas
- Onde: Aula Magna da Facultade de Matemáticas. Entrada libre ata completar o aforo.
- Cando: Xoves 21 de abril de 2022, ás 19:30
Inscrición
Para participar, cómpre inscribirse a través deste formulario electrónico ata o día 18 de abril de 2022..