Engádelle ao teu corrector ortográfico algún dos suplementos temáticos que elaboramos para diferentes áreas temáticas e verás como mellora a calidade da corrección.
Os nosos suplementos temáticos son dicionarios personalizados centrados nunha área de especialidade, que se engaden ao corrector ortográfico xeral do teu procesador de textos.
Se os instalas no teu ordenador e os activas para revisar un texto, o corrector ortográfico recoñecerá moita máis terminoloxía técnica e deixará de sinalala como erro polo simple feito de non figurar nas listas de palabras en que busca.
Na lapela Suplementos dispoñibles podes acceder aos dicionarios que elaboramos para as áreas de economía e empresa, dereito, matemáticas, ciencias da saúde e química. No futuro iremos ampliando o número de suplementos temáticos dispoñibles.
Os suplementos temáticos funcionan en Windows, Linux e macOS (Apple).
|
|
|
|
|
|
|
|
|
No vídeo seguinte explicámosche como instalar e activar os suplementos temáticos que queiras utilizar.
Para Windows desenvolvemos instaladores que descargan automaticamente os ficheiros dos suplementos no cartafol correspondente de MSOffice e LibreOffice.
Para Linux e macOS, cadaquén ten que descargar os ficheiros ao seu computador e colocalos manualmente no cartafol do sistema en que os programas ofimáticos adoitan almacenar ese tipo de ficheiros.
Os suplementos para LibreOffice están optimizados para as versións 6.x e sucesivas. Por iso, aconsellámosche que, antes de instalalos, actualices este programa desde aquí.
Dependendo da configuración específica do teu computador e da versión que teñas instalada, é posible que despois de instalar os suplementos teñas que activalos manualmente. Para iso, sigue as instrucións desta páxina.
A colección "Suplementos temáticos para correctores" da Universidade de Santiago de Compostela difúndese mediante unha licenza de Creative Commons Atribución-Compartir igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0).
Por iso, podes descargalos libremente, compartilos e adaptalos, sempre que se lle dea o recoñecemento apropiado á USC, se forneza un vínculo á licenza e se indique se se fixeron cambios.
De remesturar, transformar ou recrear sobre o material, cómpre distribuír os resultados con esta mesma licenza CC BY-SA 4.0 orixinal.