Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
Divulgación científica
Cartel do Día da Ciencia

O dereito a gozarmos da ciencia en galego 

  • Por cuarto ano a USC vaise unir o 4 de novembro ao Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2015 celebra o Ano Internacional da Luz e o Ano Internacional dos Solos, escolleuse como persoeiros a quen lles dedicar as celebracións a nivel galego, os científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota, profesor da Facultade de Física, e Isidro Parga Pondal, que é universalmente considerado como símbolo do científico galego.

    Este conxunto de iniciativas segue o camiño comezado en 2010 coa campaña en tres fases de En galego tamén se fai ciencia (organizada polas tres universidades galegas) e continuado os pasados 2011 , 2012 , 2013 e 2014 cun programa de actividades que se estendeu por centros dos campus de Santiago e Lugo, así como coa colaboración coa Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino non universitario.

    Actividades

    Biblioteca da USC, 4 de novembro

    Centro de interese sobre os dous persoeiros a que se lles dedica o Día da Ciencia en Galego. "Isidro Parga Pondal e Carlos Gómez-Reino Carnota na bUSC" recolle unha escolma da bibliografía en pdf que se pode atopar sobre o ilustre xeólogo e o profesor de Física na nosa biblioteca.

    Lugo, 4 de novembro

    Parque "Rosalía de Castro", 16:30 h

    Ruta xeolóxica "A historia que contan as pedras que pisas": un paseo polo centro de Lugo para descubrir todo o que se pode aprender sobre o noso pasado fixándonos nas pedras que nos rodean polo chan, nas paredes, na Muralla... Rematará arredor das 19 h. A asistencia é libre.
     

    Casa do Saber, 19:30 h
    Haberá dúas conferencias arredor da figura de Parga Pondal, como cidadán e como científico, a cargo de Verónica Martínez Delgado, profesora e investigadora, que falará sobre a súa faceta cívica en "Isidro Parga Pondal e a súa comunidade" e Francisco J. Leonardo Docanto, que comentará o seu labor científico en "Isidro Parga Pondal, doutor en Ciencias". Entrada libre.

    Santiago de Compostela,  7 de novembro

    Museo de Historia Natural

    “Parga Pondal no Museo de Historia Natural, o pai da xeoloxía en Galicia”. Obradoiros gratuítos con inscrición previa:

    • Nenos/as de 6 a 12 anos en horario de mañá (11-13 h), que visitarán o Museo a través das coleccións nas que Parga traballou e realizarán actividades a seu redor coas que poderán comezar a súa “Colección de pedras de Galicia” como fixo Parga no seu tempo e coñecer un pouco máis da nosa xeoloxía.
    • Adultos, en horario de tarde (17-19 h). Nel tamén se fará unha visita ao Museo a través das coleccións nas que Parga traballou e darase a coñecer a súa vida, a súa obra científica e a súa vinculación a Universidade e ao Museo.

    Lugo,  7 de novembro

    Biblioteca Intercentros, 10:30 a 19 h

    Segundo wikimaratón do Día da Ciencia en Galego

    Por segunda vez, a Galipedia, Proxéctate en Galego e a Biblioteca Intercentros organizan este evento que busca ampliar ou mellorar a información científica recollida na versión galega da Wikipedia, e nomeadamente a relacionada coas temáticas e os persoeiros homenaxeados no Día da Ciencia en Galego.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2023.