Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://pro-assets-usc.azureedge.net/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.
Divulgación científica
Cartel do Día da Ciencia

O dereito a gozarmos da ciencia en galego.

  • Por terceiro ano consecutivo, a USC vaise unir á celebración o 4 de novembro do Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2013 se centra na Arte e a Ciencia, así como na Estatística.

    En Galicia dedicámosllelo ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo.

    Este conxunto de iniciativas segue o camiño comezado en 2010 coa campaña en tres fases de En galego tamén se fai ciencia (organizada polas tres universidades galegas) e continuado os pasados 2011 e 2012 cun programa de actividades que se estendeu por centros dos campus de Santiago e Lugo, así como coa colaboración coa Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de ensino non universitario na organización e posta en marcha das súas videoconferencias con especialistas da USC como o profesor Ángel Carracedo ou investigadores/as do grupo de partículas.

    Actividades

    Bibioteca Intercentros de Lugo, 4 de novembro

    I Xincana Bibliográfica Consiste nunha competición onde cada equipo debe atopar a información que se lle require no menor tempo posible. Poden participar equipos de 3 persoas formados por membros de calquera dos colectivos da comunidade universitaria, sempre que teñan tarxeta de lector/a da biblioteca vixente para o curso 2013/14. A inscrición é de balde.

    A partir das 19:00 na Aula Universia da Biblioteca Intercentros. A duración da proba será de 1 hora.

    Biblioteca Xeral de Santiago de Compostela, do 4 ao 8 de novembro

    Isaac Díaz Pardo: arte, industria e comunicación.

    A Biblioteca de Fonseca elaborou este centro de interese e ademais abre un espazo virtual no seu blogue sobre un dos persoeiros a quen se dedica o Día da Ciencia en Galego, Isaac Díaz Pardo.

    Campus de Lugo, 6 de novembro

    Visitas guiadas a laboratorios

    Instalacións de distintos centros do Campus de Lugo abren as súas portas en horario de 10 a 11,30 horas para ofrecer un percorrido guiado polos investigadores e investigadoras que traballan neles, co fin de explicar de forma sinxela o que alí se fai.

    Pódese asistir a calquera das seguintes instalacións e demostracións:

    • Hospital Veterinario Universitario Rof Codina
    • Laboratorio de Anatomía Patolóxica (Fac. de Veterinaria)
    • Laboratorios da Fac. de Ciencias  + obradoiro de robótica
    • Condución de maquinaria con GPS + invernadoiro de prácticas (E. Politécnica Superior)
    • Taller de medicións forestais (E. Politécnica Superior)

    Por cuestións de capacidade cada un destes laboratorios e talleres pode aceptar un número limitado e distinto de visitantes. Polo tanto, os centros de ensino interesados en participaren nestas visitas deben indicarnos tanto a instalación que desexan visitar (ou varias, ordenadas segundo a súa preferencia) e o número de persoas que participarían na visita. As prazas dispoñibles asignaranse por orde de solicitude.

    Presentacións "Arte e ciencia" (Auditorio Isaac Díaz Pardo, Escola Politécnica Superior)

    Ese mesmo 6 de novembro, profesorado de distintos centros do Campus de Lugo e outros expertos van realizar de 11,45 a 13,30 horas unha serie de presentacións breves que tratarán, cun enfoque divulgativo, as temáticas e persoeiros conmemorados nesta edición do Día da Ciencia en Galego:

    • Isaac Díaz Pardo, a patria enteira na memoria (Xosé Ramón Fandiño, editor)
    • Florence Nightingale, a dama da lámpada: enfermeira, estatística e escritora (Isidoro Rodríguez, Escola Universitaria de Enfermaría)
    • A estatística: unha ferramenta para calcular a incerteza (José Mª Alonso, Fac. de Veterinaria)
    • Estética e semiótica da química: formulando con arte (Marcelino Maneiro, Fac. de Ciencias)
    • Arte e ciencia na construción (Xoán Carlos Carreira, Escola Politécnica Superior)

    No transcurso dese acto entregaranse tamén os premios da Xincana da Biblioteca Intercentros

    Facultade de Matemáticas, 5-6 de novembro

    Comparte a beleza. A beleza dos números, a beleza das palabras. Xornadas de terminoloxía matemática (5-6 novembro)

    Salón Nobre de Fonseca, 4-5-6 de novembro

    Nunha relación aberta: Arte e Ciencia 

    Persoal de diversos centros do Campus de Santiago van realizar ás 20:00 h unha serie de conferencias divulgativas sobre unha das temáticas a que se dedica o Día da Ciencia en Galego 2013:

    • Dende o ordenador ao artista. Julián Flores (Departamento de Electrónica e Computación). Luns 4 de novembro, 20:00 h
    • Sargadelos como lugar soñado: da arte á industria e viceversa. Miguel Anxo Rodríguez (Departamento de Historia da Arte). Martes 5 de novembro, 20:00 h
    • música + matemáticas = arte (conferencia e concerto). Mario Diz (director da Orquestra do Espazo de Cámara da USC). Mércores 6 de novembro, 20:00 h
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.10.2023.