Desenvólvese anualmente desde o curso 2019.
Participa no sorteo entre o 14 e o 25 de outubro.
Máis información 👇🏼 👇🏼
Axúdanos a difundir a nosa mensaxe...
e gaña este pixama veterinario de #cambiaatuamirada.
Temos 4 para repartir, e que un sexa teu é moi doado. Velaquí as instrucións:
- Sigue en Instagram o perfil do Servizo de Normalización Lingüística (@linguausc).
- Comparte esta publicación de @linguausc ou algunha das súas imaxes dalgunha das seguintes formas:
- Dálle Gústame á publicación e deixa un comentario nela mencionando a outras 3 persoas.
- Comparte nunha historia de Instagram a imaxe que máis che guste da publicación de @linguausc, e menciona nela a outras 3 persoas.
Se tes curiosidade por ver todas as imaxes que xeramos para a campaña, telas ao teu dispor aquí.
- Dálle Gústame á publicación e deixa un comentario nela mencionando a outras 3 persoas.
- Cruza os dedos, busca un trevo de catro follas, ponlle pirixel a un santo... para chamar pola fortuna, porque os pixamas vanse sortear entre todas as persoas que participen.
Toda a información detallada, nas bases do sorteo.
A Facultade de Veterinaria é un centro atípico dentro da USC: o 60% do seu alumnado procede de fóra de Galicia. Nalgúns casos, debido á distancia cos seus lugares de orixe e a súa familia e amizades, padece prexuízos en relación á cidade de Lugo, á Facultade ou á cultura e lingua galegas.
Pola súa banda, o alumnado galego vese inmerso nunha maioría que non é galegofalante. En ocasións, isto provoca que se activen os seus propios prexuízos lingüísticos, e que o seu uso do galego diminúa; e noutras, coloca en situacións incómodas a aquelas e aqueles máis concienciados, que deciden usar o galego con normalidade na súa facultade.
Estas situacións vanse corrixindo co pasar dos cursos académicos, e o alumnado foráneo chega a desenvolver unha relación de apego coa cidade, forma nela unha segunda familia e, por suposto, non ten ningún problema co galego. Pero aínda así, esta campaña quere acelerar ese proceso, sementando desde o primeiro día estímulos, recursos e argumentos que
- contribúan a racionalizar entre o alumnado de fóra eses posibles prexuízos contra Lugo, o centro e a lingua e a cultura galega
- sensibilicen a ese colectivo en relación cos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras galegofalantes
- estimulen ao alumnado galego a manter o uso da lingua propia
- promovan o respecto lingüístico.
O elemento central da campaña son os testemuños de persoas que traballan ou estudan na Facultade de Veterinaria, ou que o fixeron no pasado.
Moitas chegaron de diversos puntos de España pero asentáronse aquí, como docentes da Facultade ou como veterinarias e veterinarios por Galicia adiante: cóntannos o que sabían da cidade, as súas primeiras impresións, como foron afacéndose, o que lles parece a Facultade de Veterinaria de Lugo, o que sabían do galego e como se adaptaron....
Outra xente chegou de diferentes puntos de Galicia, son galegofalantes e fican sorprendidos polo pouco que se usa o galego nas actividades docentes, comparten aulas e laboratorios co alumnado foráneo e axúdanlle á integrarse lingüisticamente na no campus e na cidade.
Elas e eles xa cambiaron a súa mirada. Escoitemos o que teñen para contarnos!
En 2022 falamos con Pierre, un investigador brasileiro, e con tres estudantes (Clara de Lleida, Marta de Segovia e Irene de Alcalá) sobre como é a experiencia de integrarse en Lugo, na Facultade e no galego. Que nos dirán?
E tamén nos xuntamos con alumnado galego. Jacobo e Andrés lembraron as súas primeiras impresións ao chegar á Facultade e ver o pouco que se usaba o galego, e contan como fan para ir achegando a el ao alumnado foráneo. Roberto e Felipe, que xa exercen profesionalmente relatan situacións en que dominar o galego como lingua profesional foi unha vantaxe competitiva, non só dentro, senón tamén fóra de Galicia.
Un pouco antes, en 2019, falamos tamén con outra xente, de fóra e mais galega, que nos deu a súa opinión...
Mario é madrileño, chegou a Galicia estudar Bioloxía e hai tres anos preparaba a súa tese de doutoramento na Fac. de Veterinaria.
Iris é de Asturias e en 2019 estaba a piques de rematar o Grao en Veterinaria.
Andrea e Susi son de Santander e Alacante, pero quedaron a traballar en Castro de Ribeiras de Lea (Lugo).
Nuria tamén é de Alacante, estudou Veterinaria en Lugo e hoxe é docente na mesma Facultade na que foi alumna.
Óscar é de Rianxo, e estudaba 4º en 2019. Sendo a Facultade de Veterinaria de Lugo a única que existe en Galicia, cóntanos como ás veces as cousas non son doadas para galegofalantes coma el.
Amais dos testemuños en vídeo, a campaña compleméntase con outras actuacións e recursos:
- Un curso básico de lingua galega, semiintensivo e adaptado ás necesidades do alumnado de 1º ano
- Un espazo web con recursos para estudar Veterinaria en galego
- Unha actuación de sensibilización e información que se desenvolve nos primeiros días do curso, e na que se empregan materiais como
- un folleto informativo sobre a campaña e os dereitos lingüísticos na USC
- cartelaría
- imaxes creadas para compartir en redes sociais ou para empregar no posadoiro (photocall)
- chapas
Podes ver e descargar os recursos gráficos empregados na campaña, aquí:
En edicións anteriores, realizouse tamén:
- Un obradoiro de xestión do multilingüismo nas aulas, dirixido ao equipo decanal, comisión de normalización lingüística, coordinadores e profesoras/es de 1º curso, alumnos titores, unidade de xestión do centro e outras persoas interesadas
- Un posadoiro ou photocall (imaxes en Facebook e Instagram)
- Unha distribución de materiais
- lapis e cadernos
- exemplares en papel do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria