
A partir do curso 2024-2025 a docencia que o profesorado da USC imparta en galego dentro dunha materia pode acadar un recoñecemento na programación académica do curso vindeiro de 0,2 horas docentes equivalentes -HDE- por cada hora lectiva.
Así se recolle (Anexo I, apartado 1.ñ) no Regulamento de planificación académica que a Universidade aprobou a finais de 2024, e neste espazo imos explicar que implica ese recoñecemento para o profesorado, que requisitos hai que cumprir para ter dereito a el e como pode facerse efectivo.
E, por se isto pode ser o pequeno empurrón que outras e outros docentes estaban agardando para incorporarse á docencia en galego, ofrecemos tamén consellos e servizos para acompañalos nese cambio.
-
Son unha forma que a Universidade estableceu para recoñecer a dedicación a determinadas actividades docentes, investigadoras ou de xestión por parte do PDI a tempo completo e do profesorado substituto a tempo parcial.
-
As HDE permiten reducir a cantidade de horas lectivas que un/unha docente debe impartir, sempre que a súa área de coñecemento poida asumir igualmente a docencia que a Universidade lle asignou na planificación docente anual.
Cada departamento ou área de coñecemento establece a forma en que estas HDE se recoñecen en función da súa encarga docente e da dispoñibilidade do seu profesorado.
No caso de que as reducións non se poidan aplicar integramente, farase unha minoración proporcional a todo o PDI da área de coñecemento que acredite HDE.
-
As HDE por docencia en galego vanse recoñecer:
- Nas materias en que se imparta en galego polo menos un grupo completo de cada tipo de docencia (expositiva, seminario ou laboratorio).
Xa que logo, as materias en que o galego só apareza nalgúns tipos de docencia, ou o faga parcialmente (grupos bilingües) non se van ter en conta para estes efectos.
- Dentro delas, recoñeceránselle ao profesorado que imparta docencia nalgún deses grupos totalmente en galego, sempre que:
- poida acreditar esa docencia con datos do Plan de Organización Docente (POD) do curso actual.
- teña unha dedicación a tempo completo ou sexa substituta/to a tempo parcial.
- Nas materias en que se imparta en galego polo menos un grupo completo de cada tipo de docencia (expositiva, seminario ou laboratorio).
-
As HDE recoñecidas por docencia en galego deben constar de oficio na ficha de cada profesora ou profesor, polo que en principio, non hai que realizar ningún trámite específico para incluílas.
Pero ao tratarse dun recoñecemento novo é aconsellable que cada docente revise as horas que se lle recoñecen para asegurarse de que a súa docencia en galego se inclúe no cómputo.
Esa revisión debe facerse no período establecido no Calendario de planificación académica anual (neste 2025, entre o 10 de marzo e o 1 de abril), que establece que "os departamentos procederán á revisión das fichas do seu profesorado e, de ser o caso, á introdución de datos".