A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela formalizaron un convenio para o desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, entre as cales figuran a promoción de proxectos de investigación destinados ao desenvolvemento das referidas medidas para o ano 2024
Obxecto e finalidade da convocatoria
1. Pola presente resolución convócanse para o exercicio 2024, en réxime de concorrencia competitiva, axudas para proxectos de investigación, destinados ao desenvolvemento de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
2. Para a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria, consideraranse proxectos de investigación dirixidos ao desenvolvemento dunha ou varias das accións seguintes (asociadas ás correspondentes medidas do documento refundido final do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero):
• Estudos sobre o impacto do acoso, as agresións e os abusos sexuais no ámbito universitario (medida 8).
• Estudo sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero (medida 100).
• Estudo sobre a situación dos menores (custodia, réxime de visitas, relacións co pai maltratador…) (medida 202).
• Investigación en violencias sexuais: estudos diagnósticos, desenvolvemento estatístico, unificación de datos e publicidade. Estudos de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais (medida 255).
• Estudo sobre as novas realidades da Trata e as respostas operativas que deben implementarse para que as actuacións policiais teñan maior facilidade á hora de intervir en espazos de alto nivel de control por parte dos proxenetas, incluídas as vivendas (medida 264).
• Sistemas de análise estatística que recolla as violencias machistas que sofren as mulleres que exercen a prostitución (medida 267).
Contía da axuda
As axudas que se concedan de conformidade con esta resolución financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 8304-4521-22900 para o exercicio 2024, cun importe máximo de ata 25.000 €. O importe individualizado de cada axuda concedida establecerase atendendo á puntuación acadada e aos criterios obxectivos de valoración, recollidos no artigo 7 desta convocatoria.
Requisitos das persoas solicitantes da axuda
Poderá solicitar estas axudas o persoal docente e investigador (PDI) a tempo completo en servizo activo na Universidade de Santiago de Compostela.
Documentación requirida
Presentada a solicitude a través do rexistro electrónico da USC e recepcionada pola Subárea de Convocatorias e RRHH de I+D enviarase á persoa solicitante un correo electrónico no que se lle solicitará os datos e os seguintes documentos complementarios precisos para avaliar a solicitude:
Descrición do proxecto, que recolla, como mínimo, os seguintes elementos
• Título
• Resumo
• Proposta científica: antecedentes e estado actual, hipótese de partida e obxectivos xerais, obxectivos específicos, método e cronograma
• Impacto esperado dos resultados
• Orzamento: incluído un desglose de todos os gastos a financiar.
• Currículo Vitae Abreviado (CVA), da persoa responsable do proxecto e dos membros do equipo de investigación
• Declaración responsable da investigadora ou investigador principal de que non percibe ou ten solicitado axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, incompatible coa axuda solicitada (incluída no formulario).
Prazo de presentación
- O prazo de presentación de solicitudes, será de dez días naturais contados dende o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no taboleiro electrónico da USC.
- Prazo aberto ata o 8 de xullo.
- As solicitudes, dirixidas á Vicerreitoría de Política Científica, presentaranse a través do rexistro electrónico da USC. Na solicitude deberá indicarse que desexa participar na convocatoria de axudas para a realización de proxectos contra a violencia de xénero 2024.
- Presentada pola persoa interesada a solicitude no rexistro electrónico da USC e recibida pola Subárea de Convocatorias e RRHH de I+D, enviaráselle á persoa solicitante un correo electrónico no que se lle solicitarán os datos e os documentos complementarios precisos para avaliar a solicitude.
Prazo de resolución
- O prazo máximo de resolución será de 1 mes dende o remate de presentación das solicitudes.
Período de execución dos proxectos
- Entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 11 de novembro de 2024.