A política de calidade editorial, que implica equipos humanos e fluxos de traballo diferenciados, máis executados baixo unha estreita coordinación, desenvólvese nunha dobre dirección.
Por unha banda, todos os produtos editoriais son sometidos a controis de calidade conceptual e científica e, por outra, o persoal do departamento editorial, técnico e interno á organización, que garante a calidade formal do produto: corrección lingüística (ortográfica, gramatical, sintáctica), de estilo (propiedade da expresión e calidade da redacción) e ortotipográfica; funcionalidade e estética do deseño e máxima operatividade do soporte (impreso ou dixital).
Edicións USC dispón do selo USC Editora con certificación de AENOR e de IQNet) coa norma UNE-EN-ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade.
Neste marco, establécense obxectivos de calidade que son revisados anualmente e, coa implicación de todo o equipo de traballo na súa consecución, perséguese mellorar de forma continua a eficacia e eficiencia dos procesos que rexen o selo USC Editora, incrementando así a satisfacción e confianza dos nosos clientes.
En calquera das modalidades de edición, todas as obras necesitan da aprobación da Comisión Editorial Académica, integrada por dez membros pertencentes ás cinco grandes áreas do coñecemento: Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Artes e Humanidades; Ciencias; Enxeñaría e Arquitectura.
Edicións USC
Nos orixinais destinados ás diferentes series de Edicións USC (Académica, CELE. Cuadernos de Español como Lengua Extranjera, Clave, Ensaio, Manuais e Textos), a calidade conceptual e científica asegúrase a través dun proceso sistemático de avaliación por pares confidencial en ambas as direccións (autor-avaliador; avaliador-autor), segundo o establecido no Regulamento do SPIC.
Coleccións con director e/ou consello científico
No caso dos orixinais destinados a coleccións, é o director de colección e/ou os consellos científicos quen certifican a calidade dos orixinais, tras a análise, lectura, e mesmo, nalgúns casos, a solicitude de informes a especialistas.
Estas coleccións son:
- Biblioteca de Divulgación-Serie Galicia;
- Biblioteca de Divulgación-Serie Científica;
- Cadernos CIPPCE de Emerxencia Cultural;
- Clásicos do Pensamento Universal;
- Biblioteca de la Cátedra de Cultura Cubana 'Alejo Carpentier';
- Biblioteca de la Cátedra Valle-Inclán de la USC;
- Lalia-Series Maior; Limiar;
- Publicaciones de la Cátedra 'José Ángel Valente' de Poesía y Estética;
- Publicaciones del Departamento de Geometría y Topología;
- Publicacións da Cátedra Juana de Vega. Actas;
- Publicacións da Cátedra Juana de Vega.
- Cadernos de Investigación; Publicacións da Cátedra Juana de Vega. Monografías;
- Publicacións da Cátedra Juana de Vega. Faladoiros;
- Verba. Anexos.
Obras de responsabilidade científica externa
No resto dos casos, as obras editadas fóra de colección, publicacións institucionais, actas de congresos, homenaxes, etc. son de exclusiva responsabilidade conceptual e científica da institución, departamento, instituto, grupo ou proxecto de investigación que as promove e, por tanto, financia na súa totalidade.
A calidade conceptual e científica garántese mediante unha avaliación confidencial por pares “dobre cego” (autor-avaliador; avaliador-autor) que establece un triplo filtro: un avaliador interno da USC (pero externo ao equipo de Edicións USC) e dous avaliadores externos á USC.
Avaliación interna
Os avaliadores internos son nomeados pola Comisión Editorial Académica, a proposta da dirección de Edicións USC, e son profesores de prestixio da USC pertencentes a 18 áreas temáticas.
Desde a recepción do orixinal e o seu correspondente acuse automático de recibimento, o prazo para a avaliación interna do orixinal e a súa comunicación ao autor é dun mes.
O informe do avaliador interno oriéntase fundamentalmente a ditaminar se o orixinal, en función das súas características inicialmente observadas (formais, de estilo, de estrutura, de eventual oportunidade e interese e de actualización), está en condicións de pasar, ou non, á segunda fase de avaliación externa.
Segundo o resultado do ditame do avaliador interno:
- a) o orixinal pasa á fase de avaliación externa no seu estado actual;
- b) o orixinal pode pasar á fase de avaliación externa, previa a incorporación dun conxunto de modificacións e propostas de corrección, para a cal o autor dispón do prazo dun mes, contado desde a data de comunicación do ditame do avaliador interno;
- c) o orixinal non pasa á fase de avaliación externa.
Desde a aprobación do orixinal (casos a) e, eventualmente, no segundo caso, o prazo de envío da avaliación externa é de 15 días.
Avaliación externa
A fase de avaliación externa encoméndase a dous especialistas na materia específica do orixinal. Estes especialistas son propostos polo avaliador interno, que, no seu caso, debe incluír no seu formulario de avaliación, un elenco de cinco nomes, enumerados por orde de preferencia, para a súa elección por parte do equipo editorial de Edicións USC.
Estes dous especialistas someten o orixinal a unha minuciosa disección teórica, conceptual e metodolóxica de todos aqueles aspectos susceptibles de mellora, en función de criterios como adecuación ao fin proposto, orixinalidade do tratamento, actualización e oportunidade, coherencia estrutural, arquitectura epigráfica adecuada, de acordo ao formulario de avaliación do sistema.
O prazo para a avaliación externa, desde a data de aceptación do avaliador, é de tres meses.
Segundo o resultado da avaliación externa:
- a) O orixinal, a partir dunha avaliación positiva de ambos os informantes, debe incorporar todas as súas propostas de modificación e corrección.
- b) En caso dunha discrepancia manifesta na avaliación dos informantes (unha positiva e unha negativa), procederase á solicitude dun terceiro informe de avaliación (a partir do elenco de especialistas proporcionado polo avaliador interno), que, de novo, contará para a súa recepción cun prazo de tres meses contados a partir da data de aceptación.
- c) A edición do orixinal, a partir dunha avaliación negativa de ambos os informantes, desestímase.
A Comisión Editorial Académica é o órgano encargado de valorar a avaliación externa do orixinal e ditaminar en consecuencia. Unha vez recibidos os informes dos avaliadores, o prazo máximo para a súa presentación á Comisión Editorial Académica é de 3 meses, contados a partir da data de recepción do último dos dous informes.
O ditame da Comisión, xunto coa copia dos informes confidenciais dos avaliadores externos, será comunicado pola dirección de Edicións USC ao autor nun prazo máximo de 15 días tras a data de reunión da Comisión Editorial Académica.
No caso dunha avaliación positiva, o autor dispón do prazo máximo dun mes, contado desde a data de comunicación da resolución, para entregar a nova redacción do orixinal, modificada de acordo ás suxestións e indicacións dos avaliadores.
O equipo editorial de Edicións USC, que exerce a coordinación de todo o proceso, comprobará finalmente que a nova versión se axusta ao suxerido e indicado polos avaliadores e dispón dun prazo máximo de 6 meses para a edición e produción da obra.
Todos os procedementos editoriais descritos son transparentes para as partes implicadas (autores, avaliadores internos, avaliadores externos, directores de colección, membros de consellos de redacción de coleccións, editores e editores técnicos), aínda que, obviamente, confidenciais cando é necesario, pois se executan no contexto tecnolóxico da plataforma de xestión editorial Lib{USC}, desenvolvida baixo o software OMP, que, por unha banda, permite ás partes a realización en liña das tarefas e roles que lles correspondan e, por outro, rexistra e arquiva a historia editorial completa de cada orixinal (comunicacións, informes, ficheiros nas súas diferentes versións, etc.)
Consonte as disposicións legais, normativas e directivas españolas e europeas en materia de acceso aberto ao coñecemento, e coas condicións e límites que sinala a lexislación en materia de propiedade intelectual e industrial, a Universidade de Santiago de Compostela promove a libre difusión de contidos científicos en soporte dixital. Nesta liña, sométese a criterio do/os autor/es dos orixinais monográficos e dos directores de revistas decidir se as súas obras ou revistas serán editadas baixo condicións comerciais de explotación (por tanto, con acceso condicionado ao pagamento por adquisición) ou en acceso aberto libre e gratuíto.
Esta liberdade de decisión ten, en calquera caso, dúas limitacións:
- As teses de doutoramento edítanse obrigatoriamente, e por imposición legal, en acceso aberto (coas restricións debidas a patentes ou cláusulas de confidencialidade con empresas.
- Cada volume ou número das revistas que, por decisión dos seus directores, se editen comercialmente pasarán a acceso aberto no prazo de 6 meses contados a partir da súa publicación.
O copyright das obras editadas en acceso aberto é de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela, que responde da protección legal dos seus contidos. Ademais, as obras editadas por Edicións USC en acceso aberto incorporan unha licenza de Creative Commons BY-NC-ND 4.0, que especifica as condicións concretas nas que están limitados os dereitos. En consecuencia, calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación da obra non incluída na licenza de Creative Commons só poderá ser realizada con autorización expresa dos titulares, agás as excepcións previstas pola lei.
A comisión Editorial Académica está composta por
- Presidente. Gumersindo Feijoo Costa. Vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación.
- Vogais
- Juan L. Blanco Valdés. Director de Edicións USC.
- Da área de Arte e Humanidades:
- Carmen Villarino Pardo.
- Daniel Lanero Táboas.
- Da área de Ciencias:
- M.ª Teresa Flórez Arias
- Rosa M.ª Crujeiras Casais.
- Da área de Ciencias da Saúde:
- Carmen Isabel Álvarez Lorenzo.
- Eva Yebra Pimentel.
- Da área de Ciencias Sociais e Xurídicas:
- Dolores Riveiro García.
- Francisco Rodríguez Lestegás.
- Da área de Enxeñaría e Arquitectura:
- Diego Cabello Ferrer.
- Alberto Rojo Alboreca.
- Secretario. Aurelio F. Barreiro González. Técnico en publicacións de Edicións USC.