Ir o contido principal

Últimas horas para inscribirse nas xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ no Campus de Lugo

Imaxe de arquivo dun dos actos organizados polo programa A Ponte. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo dun dos actos organizados polo programa A Ponte. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa está dirixida a estudantado de 2º de Bacharelato e de Ciclos Superiores de Formación Profesional
Lugo

O estudantado de 2º de Bacharelato e de Ciclos Superiores de Formación Profesional que desexe coñecer as distintas titulacións que ofrece a USC no Campus de Lugo terá a oportunidade de facelo nas xornadas de portas abertas ‘Coñece a USC’ que se desenvolverán do 20 ao 22 de xuño na sede universitaria luguesa. Nunha experiencia pioneira, a USC organiza esta iniciativa para que cada futuro ou futura estudante poida achegarse a coñecer de primeira man a oferta docente e de servizos do Campus Terra. A novidade con respecto a outras iniciativas do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC reside en que o estudantado pode elixir de xeito individual en que titulacións quere afondar e ademais pode facelo despois das probas ABAU, xusto no intre no que debe tomar unha decisión arredor do seu futuro.

Para participar nestas xornadas, é preciso cubrir un formulario de inscrición no que poderán seleccionar as titulacións que queren visitar. Ademais, quen se inscriba recibirá información do grao que indicase na solicitude de participación. O prazo para inscribirse nas titulacións do Campus de Lugo rematará o  19 de xuño ás 12.00 horas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2024.