Sabela Al-Soufi: «As macroalgas mariñas teñen un gran potencial como alimentos funcionais»
A tese que lle conferiu recentemente o grao de Doutora a Sabela Al-Soufi Novo, ‘Algas mariñas como alternativa ao uso de antibióticos en coellos’, deu moito que falar estes últimos días.
Realizada na Facultade de Veterinaria do Campus Terra e dentro do Grupo Operativo TIRAC, os prometedores achados do traballo artéllanse como auga de maio para o sector cunícola, o cal leva unha longa tempada enfrontándose a un descenso constante no consumo de carne de coello e a un incremento da mortalidade nas granxas.
En adición, a restrición do uso de antibióticos na cría destes mamíferos dificulta en gran medida manter a saúde intestinal dos cazapos, polo que a entrada en escena das algas mariñas como alternativa a este tipo de fármacos resulta realmente esperanzador.
Dadas as dimensións do estudo, o impacto positivo que pode ter en múltiples sectores produtivos e as súas potenciais aplicacións no ámbito da alimentación global, resultaba de obrigado cumprimento deternos neste tema e escoitar o que a protagonista desta investigación, Sabela Al-Soufi, podía contarnos.
Cun currículo abraiante até o de agora e ao que lle auguramos un promisorio percorrido, Sabela Al-Soufi fixo da versatilidade unha das súas mellores calidades como investigadora. Durante a súa etapa formativa, centrou os seus estudos en ámbitos tan diversos como a conservación do mexillón de río, a clínica de vacún e pequenos ruminantes ou investigación de campo sobre as problemáticas ás que se enfrontan os pastores.
Posteriormente, como xa sabemos, decidiu poñer o seu foco sobre o mundo das algas e o seu aproveitamento, un universo aínda pouco coñecido e que agocha segredos de moito valor.
Agora mesmo, cóntanos, atópase na busca de traballo no sector da gandaría en ecolóxico, o cal temos a total certeza de que non ha tardar moito en atopar...
-Recentemente, a investigación que vostede realizou no marco da súa tese de doutoramento captou a atención de diversos medios especializados, da comunidade científica e do público xeral. Cóntenos, que a levou a centrar os seus estudos nesta liña de investigación en concreto?
-Realmente cheguei a ela un pouco por casualidade. Inicialmente, os meus plans eran outros pero tiven a posibilidade de participar como apoio máis técnico no Grupo Operativo TIRAC, cuxo obxectivo era investigar técnicas innovadoras para reducir o uso de antibióticos en cunicultura, e a partir deste traballo realicei a tese neste ámbito. Sempre me interesou a produción animal, e sobre todo como facela de forma máis sostible a nivel medioambiental, e por iso me motivou o tema desta tese.
-Cales son os retos aos que se teñen que enfrontar os gandeiros do sector cunícola? Que papel poden xogar as algas na revitalización neste sector produtivo?
-Este sector enfronta numerosas dificultades na actualidade. Por unha parte, a recente restrición do uso profiláctico dos antibióticos en produción animal supón un reto á hora de manter a saúde intestinal dos cazapos no momento da pos-desteta, o cal é un período moi sensible neste tipo de produción. Neste senso, o uso de macroalgas aparece como unha ferramenta prometedora polo seu potencial prebiótico, o cal contribuiría a manter un ambiente intestinal san e fortalecido que permitise enfrontar de mellor forma as posibles enfermidades deste período.
Por outra parte, o consumo de carne de coello descende cada ano, incluso nos países con tradición cunícola como España, e por tanto o sector precisa de novas estratexias para potenciar o seu consumo, como podería ser a inclusión de macroalgas mariñas nas dietas dos coellos, o cal podería ser valorado positivamente por certa parte da poboación.
-Cada día que pasa temos máis claro o enorme potencial que teñen as algas mariñas en ámbitos como a da alimentación, tanto animal coma humana. Cales son as propiedades que fan das algas un alimento tan valioso? En que outros ámbitos poderían ter unha aplicación tan beneficiosa?
-As macroalgas mariñas presentan unha composición única e moi variada, e son ricas en numerosos compostos bioactivos. Ademais do seu potencial prebiótico, presentan propiedades antioxidantes, e tamén son fonte de numerosos elementos, como diversos macrominerais e iodo, así como de vitaminas ou proteína de moi boa calidade. Por tanto teñen un gran potencial como alimentos funcionais tanto en alimentación humana como en diversas especies animais, e de feito xa demostraron producir numerosos beneficios en gando porcino ou en vacún de leite en ecolóxico, entre outros.
-Que futuro lle augura a este recurso no desenvolvemento económico e social global?
-Penso que o mundo das algas aínda é pouco coñecido e aínda falta moito por investigar, é un grupo moi variado de especies e cada unha podería ter potencial para numerosos usos. O emprego deste recurso presenta moitos beneficios medioambientais, sempre que a súa explotación sexa de forma sostible, xa que as algas non precisan dos principais recursos que están a escasear, como auga doce ou terra fértil, e ademais actúan como un sumidoiro de carbono e como biorremediadoras do medio mariño. Por tanto, penso que o seu aproveitamento irá en aumento nas próximas décadas e sería unha fonte de sustento en numerosas zonas costeiras, de forma compatible e incluso simbiótica con outras producións mariñas.
-Galicia posúe unha longa tradición de aproveitamento de macroalgas mariñas para usos como o agropecuario, grazas en parte á gran diversidade destas presente nas nosas costas. Que papel cre que xoga e xogará Galicia na súa produción e uso?
-Galicia ten un gran potencial de produción de macroalgas mariñas, xa que é unha zona moi rica en diversidade de especies de macroalgas e que mostra altísimos crecementos destes organismos. Actualmente xa existen varias empresas dedicadas á súa recolección e cultivo, con gran presencia a nivel nacional, e que probablemente irán en aumento. Ademais, xa existen sistemas de produción que combinan o cultivo de macroalgas co de moluscos e peixes, de forma que cada grupo aproveita os descartes producidos polos outros; e penso que este tipo de sistemas combinados poderían ter unha moi boa aplicación nas nosas costas.
-Vostede realizou esta tese doutoral no Departamento de Patoloxía Animal, dentro do Grupo Operativo TIRAC. Dende a súa experiencia persoal, que nos podería contar sobre o funcionamento deste Grupo Operativo Supraautonómico?
-Penso que é unha forma moi bonita e práctica de facer investigación, xa que permite escoitar as necesidades reais do sector primario e atopar solucións para elas, colaborando á súa vez con empresas locais e coas propias produtoras. A organización do traballo quizais sexa máis complexa, ao participar tantas entidades, pero ao mesmo tempo máis enriquecedora; e tamén máis gratificante, xa que se ve de forma máis práctica a aplicación real da investigación e a súa transferencia ao sector produtivo, coas súas posibilidades e limitacións.
-Ao rematar a carreira, vostede realizou dúas estancias internacionais prácticas en Portugal, unha en Bragança e outra na AEPGA (Associação para o Estudo e Proteção do Gado Asinino), en Atenor. Con que se queda destas dúas experiencias? Cales foron os achados das súas investigacións durante estas estancias?
-Aprendín moitísimo nestas estancias, tanto a nivel profesional como persoal, e de alí lévome grandes amigas e experiencias. Coñecín un territorio moi acolledor e moi activo, con moito interese en manter as relacións en comunidade e en coidar o medio a todos os niveis. Durante eses meses realicei un pequeno proxecto no que entrevistei a moitas pastoras e pastores de pequenos ruminantes, que mantiñan os métodos tradicionais de pastoreo e tamén as diversas razas autóctonas da rexión.
Nestas entrevistas conversamos sobre as problemáticas do sector e as súas necesidades, a falta de relevo xeracional, a falta de autoestima e a dureza da profesión; mais tamén de todo o bo que ofrece, o coidado do territorio, a liberdade e a resistencia das pequenas producións. Durante este tempo colaborei tamén coa AEPGA, que traballa para recuperar a raza autóctona do Burro de Miranda e tamén no desenvolvemento rural da rexión.
-E xa para rematar. Como investigadora xove e cun futuro prometedor por diante, que consellos lle daría vostede á mocidade que queira comezar a súa andaina no mundo da investigación?
-Penso que o máis importante é tentar atopar un tema que sexa motivador para cada persoa, e tamén un grupo de persoas arredor que valoren o teu traballo e o teu tempo, xa que son moitas horas de traballo e para min o máis importante é atoparse ben nun lugar e crecer como persoa xunto coas compañeiras. Eu atopei isto e foi unha experiencia moi bonita. Tamén diría que é importante manter a paciencia xa que é un proceso longo, e sobre todo desfrutar da vida en paralelo, gardar tempo para unha mesma e para outras actividades fora do académico.