Ir o contido principal

Roberto Bermúdez: «O reto da acuicultura é que sexa sostible»

Roberto Bermúdez é profesor do grao en Veterinaria do Campus Terra
Roberto Bermúdez é profesor do grao en Veterinaria do Campus Terra
Doutor en Veterinaria do Campus Terra e investigador de GAPAVET, Diplomado do European College of Aquatic Animal Health, Roberto Bermúdez Pose estuda a incidencia de distintas patoloxías en peixes como o rodaballo

Calquera camiño iníciase cun primeiro paso. E os do Campus Terra na acuicultura, un sector de importancia crítica para Galicia, estiveron protagonizados por Roberto Bermúdez Pose. A súa foi das primeiras teses doutorais defendidas na Facultade de Veterinaria relacionada con esta disciplina, e nela afondou nun ámbito tan determinante como a mixoporidosis do rodaballo, unha das enfermidades que máis afectan a un dos peixes estrela da industria acuícola galega.

Tras doutorarse en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomarse no European College of Aquatic Animal Health (EBVS), pasou por países como Australia e Italia. Pero Bermúdez, que se declara un acérrimo namorado de Galicia, sempre regresou ás aulas nas que estudou.

Agora está ao outro lado da mesa, como profesor do grao en Veterinaria e do Máster Interuniversitario en Acuicultura. Unha labor que compaxina coa súa investigación en GAPAVET, onde se centra en áreas como o estudo de diferentes enfermidades en peixes de cultivo ou o desenvolvemento de nutracéuticos.

Os venres, Roberto Bermúdez cambia a bata de laboratorio polo neopreno. Para él, non existe mellor forma de desconectar da rutina e de sentirse libre que ir a facer surf, así como perderse polo monte ou pasear pola costa da Morte, de onde é a súa familia.

Hoxe conversamos con él acerca das súas liñas de investigación actuais e o seu impacto en ámbitos como a seguridade alimentaria, a sustentabilidade da industria acuícola ou o benestar animal, entre outras moitas cousas.

-É doutor cum laude en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela, e centrou a súa tese na resposta inmunitaria e as opcións terapéuticas para facer fronte á mixosporidiosis entérica do rodaballo. Cales foron as súas principais achegas?

-Realmente o problema que nós estudamos é a mixosporidiose do rodaballo, que é unha enfermidade parasitaria. Normalmente as enfermidades parasitarias teñen unha mortalidade ou virulencia bastante limitada, quitando o piollo do salmón, que en Noruega e outros países causa serios estragos na produción acuícola.

A mixosporidiose do rodaballo empezouse a detectar no ano 1998. Viuse que a causa era un parasito que estaba todavía sen identificar, e a súa importancia revestía en que era un pouco atípico, porque aniquilaba aqueles peixes que infectaba, e infectaba a todos os peixes.

A enfermidade comezouse a chamar á síndrome da cabeza afundida, porque eses peixes deixaban de comer e adelgazaban moito. Deste xeito, os ollos do rodaballo afundíanse (enoftalmia en termos científicos), e marcábanse as prominencias e os ósos do cranio.

É un problema porque desde que saen os peixes do criadeiro ata que os levas a engorde e podes levar un rodaballo a tamaño comercial, medio quilo, pasan dous anos. É unha inversión tremenda de cartos, e aquelas empresas que eran familiares e non tiñan un soporte económico forte detrás foron ao tacho. Ti non podes perder a túa produción dun día para outro. Sobreviviron principalmente as grandes empresas, como Insuiña e Stolt Sea Farm.

-Este foi un dos seus primeiros proxectos co grupo de Anatomía Patolóxica Veterinaria (GAPAVET).

-Nós somos un grupo de patólogos veterinarios. Eu por aquela era un proxecto de patólogo veterinario: ao rematar a carreira non tiña nada claro que facer. Pero tiña claro que non quería meterme no tecido empresarial a traballar como clínico.

O acrónimo GAPAVET veu despois. Non variou o grupo, variou a temática na que traballamos. Daquela estudábanse sobre todo animais terrestres, e deuse o salto ao mundo da acuicultura.

Realmente somos un grupo bastante ligado ao que o tecido empresarial demanda. Esas cousas que se nos achacan á universidade, como que estamos desligados da realidade, no noso caso non acontece. Estamos en estreito contacto con diversas empresas e institucións do sector produtivo galego, o que nos permite coñecer a realidade do mesmo e intentar dar resposta aos problemas que van xurdindo.

-E como axudou a súa tese a conter a mixoporidosis do rodaballo?

-Na tese probamos moitas cousas. Das primeiras cousas que probamos foron os antiparasitarios. Probamos uns cantos, pero non funcionaba ningún. Igual que no piollo do salmón, un copépodo que se ancora na superficie externa do salmón, estes parasitos parecían refractarios aos tratamentos convencionais.

No caso do rodaballo, o problema era tremendamente serio, porque non coñecíamos o ciclo de vida, a taxonomía, a patoxenia deste parasito, como penetra, como se desenvolve, que lesións vai producir... Centrámonos nesa interacción entre o parasito e o rodaballo para coñecer a enfermidade e ver como atallala.

Ningún dos tratamentos que probamos serviu para frear o desenvolvemento da enfermidade. Nin nós nin ningún grupo, que nós coñezamos, acadou un tratamento efectivo fronte a este parasito.

-Entón, segue sendo unha ameaza a día de hoxe?

-É unha ameaza, pero grazas aos estudos para comprender como penetraba no hospedador e como se transmitía deseñamos unhas medidas de control e profilaxe da enfermidade. Agora segue sendo una ameaza, pero non é un problema tan grave como antes. Agora, se se detecta, sabes como actuar: bloquéase o lote para que non poida haber transmisión, nin con materiais nin auga entre diferentes lotes, ademais de tomar medidas de desinfección e control.

Os estudos que realizamos sobre a patoxenia da enfermidade resultaron fundamentais para comprender o desenvolvemento desta parasitose no rodaballo e poder deseñar e optimizar estas medidas de control para atalla a tempo.

-Tamén imparte clase no grao de Veterinaria do Campus Terra. Como é un día normal e corrente no seu traballo?

-O que máis me gusta é que non sei como vai ser o meu día. Hoxe teño clase, e iso permíteme ter certo orde na miña vida. Damos clase en varias materias troncais e optativas do grao de Veterinaria, damos clase no Máster Universitario en Acuicultura e formamos parte de diversas organizacións internacionais, como o European College of Aquatic Health (ECAAH).

Estes colleges son o noso medio de especialización superior. Unha vez que rematas a carreira non temos un MIR ou unha especialidade. Cando rematamos somos veterinarios xeneralistas. Un dos múltiples xeitos que temos para especializarnos é a través destes colleges: en cirurxía, en saúde de animais acuáticos, en diagnóstico por imaxe... Nós temos no grupo de investigación catro membros diplomados por este college, o cal non ocorre en ningunha outra facultade de España, e en Europa seguramente en poucas.

Todo isto temos que compaxinalo coas labores de investigación, a supervisión de teses doutorais e a impartición de cursos e charlas formativas. Por exemplo, a semana pasada pedíronme un webinar para outro colexio de especialización, o de patólogos en xeral (ECVP), que querían saber sobre a anatomía e a histoloxía dos peixes, o que demostra un interese crecente nesta disciplina.

O Grupo GAPAVET traballa man a man co tecido empresarial
O Grupo GAPAVET traballa man a man co tecido empresarial

-En que peixes enfoca a súa investigación actual e cales son as enfermidades ou patóxenos que máis lles afectan?

-Teño algún peixe que odio con todas as miñas forzas: as quenllas. Porque é moi difícil diagnosticalas. Traballamos con acuarios de exhibición e acuarios ornamentais, pero é a parte lúdica e exótica do noso traballo.

Normalmente traballamos co que nos demanda o tecido empresarial. Deste xeito, en Galicia os peixes máis importantes son o rodaballo e o linguado, aínda que tamén temos liñas de investigación en troitas, anguías ou en peixe cebra, por exemplo.

Ao igual que o rodaballo é o cultivo de peixe máis importante en Galicia, tamén forma parte das nosas liñas de investigación máis potentes e con máis traxectoria. Nesta especie estudamos a myxosporidiose, enfermidades bacterianas como a tenacibaculose, que produce úlceras cutáneas e imposibilita a venda dos exemplares afectados e recentemente solicitamos un proxecto para estudar a furunculose.

Esta enfermidade bacteriana é causada pola bacteria Aeromonas salmonicida subs. salmonicida, que provoca a mal chamada furuncolosis. Din que fai furúnculos, que son pelos enquistados. Pero os peixes non teñen pelo. Supoño que macroscópicamente asemella a iso, unha pel con pelos enquistados. Esta enfermidade bacteriana está distribuída mundialmente e afecta a moitas especies de peixe, principalmente salmónidos, pero tamén ao rodaballo.

Ao introducir o cultivo do linguado, como é un peixe plano, utilizáronse plantas e penso do rodaballo. Pero non teñen que ver, son xéneros diferentes. Cando se empezou co linguado o principal problema foron as malformacións: máis do 50 %. Non influía na calidade da carne, pero causa rexeitamento nos consumidores. Niso traballamos bastante, e hai unha liña que seguen continuando Ana Manuela de Azevedo e Sonia Vázquez.

Tamén traballamos con outras especies como a anguía, tratando de entender os mecanismos que están a conducir a súa desaparición dos ríos europeos; ou o peixe cebra que leva uns cantos anos despuntando como especie modelo para a investigación biomédica, non só para enfermidades animais, senón tamén aquelas que afectan a humanos, como o glioma ou os defectos conxénitos da glicosilación.

-Por que é un problema o uso de antibióticos nos peixes? Que consecuencias podería ter isto na seguridade alimentaria ou na saúde das persoas?

-O uso de antibióticos en animais é un problema pola xeración de resistencias que, ademais, son transmisibles dentro da cadea alimentaria (a través de xenes de resistencia), e repercute tamén no ser humano pola aparición de cepas resistentes a antibióticos. Por iso estanse buscando novas alternativas e buscase reducir o seu uso.

Existe un marco legal e de actuación para o uso de antibióticos en gandería, incluíndo as especies animais de acuicultura, o que limita o número de  antibióticos que se poden empregar neste eido, porque a lei non o permite. Unha vez, un membro dun tribunal dunha tese que codirixía eu,  Miguel Sotelo, xefe de Patoloxía na empresa BioMar, díxonos que estaba farto de escoitar que se estaba a abusar do uso de antibióticos en acuicultura, xa que estaban moi limitados neste senso.

Pero si é certo que debemos evitar a toda costa a aparición de resistencias antimicrobianas, e como hai antibióticos que non se poden usar, debemos buscar alternativas.

-Unha das súas liñas de investigación céntrase no potencial dos extractos de uva. Poderían as súas propiedades antimicrobianas e antioxidantes reducir ou evitar o emprego de antibióticos?

-Un proxecto moi importante e ambicioso é o proxecto europeo NeoGiANT, que coordina desde Santiago a investigadora Marta Lores Aguín. Esta xente deuse conta de que o bagazo da uva constitúe un residuo importante na produción vitícola. Utilízase para obter augardente e como compostaxe, pero a produción é limitada. Basicamente é un residuo do cal teste que desfacer, e hai que pagar por iso.

O bagazo, de xeito semellante á uva, é unha sustancia moi rica en polifenois, as moléculas que confiren ao viño ou á uva as propiedades antioxidantes, microbicidas e anticanceríxenas, entre outras. Buscouse un sistema para maximizar a extracción de polifenois do bagazo e revalorizar este residuo, convertendo un problema nunha solución, en algo valioso.

Estas cousas véndense soas, e a nivel europeo moito máis. Conseguiuse un proxecto arredor dos 9 millóns de euros, e entón aí entramos nós. Unha das actividades que se desenvolven neste proxecto é investigar, non só in vitro, senón tamén in vivo, os efectos da administración destas sustancias en diferentes especies.

Nós ímolo probar no rodaballo, na troita e tamén no peixe cebra, neste último de forma novidosa. Os experimentos con animais, e máis con animais de produción como a troita e o rodaballo, requiren moito tempo, cartos eesforzo, tanto para o deseño dos mesmos, como para realizar a toma de mostras e os diferentes análises e probas. 

A introdución do peixe cebra é para saber por onde van ir os tiros. Desenvolver un modelo experimental permite saber un pouco como se vai a comportar esta sustancia administrada por vía oral e por baños, e extrapolalo ás especies comerciais. Facelo directamente en especies comerciais sería inviable, desde o punto de vista económico e de traballo.

Para isto, adquirimos  un rack de peixe cebra, unha especie de armario onde se dispoñen un montón de acuarios pequenos, de 3 e de 8 litros, con centos de peixes cebra, para poder testar este tipo de cousas. Este proxecto permitiunos desenvolver iso, que quedará para uso doutros investigadores.

Aquí extráense polifenois do bagazo mediante diferentes métodos. Unha das primeiras cousas que hai que testar é que as substancias obtidas non teñan efectos nocivos sobre os animais vivos. Para iso sérvenos o peixe cebra. Administramos por vía oral e por vía rectal, e vimos que non había problema coa administración da sustancia pura.

No penso sempre vai estar nunha porcentaxe máis reducida que por vía oral polo que se infire que se poden incorporar doses moi altas do produto ao penso.  Despois veremos os efectos de estes extractos sobre a performance dos peixes, e dicir, cómo afectan ao seu tamaño, peso, coloración, resistencia a enfermidade, etc. Ademais,  estudaremos outros parámetros como a composición da microbiota, parámetros inmunitarios ou a bioquímica sanguínea.

-A que retos enfróntanse as empresas de acuicultura na actualidade e como pode a investigación axudarllas a superalos?

-O reto da acuicultura é que sexa sostible. Evidentemente, é unha actividade moito más sostible a priori que a pesca extractiva. Pero témonos que dar conta tamén que hai varios puntos críticos a solucionar, como a a selección de especies menos impactantes ou a alimentación.

Moitas das especies cultivadas estanse alimentando con outros peixes. A maioría de fariñas e aceites de orixe animal que se empregan na alimentación de peixes están feitas con outros peixes, como anchoveta. Son peixes que non se están extinguindo, pero si estase esgotando a súa dispoñibilidade de feito alarmante.

Tamén se están desenvolvendo liñas de investigación en substitución da proteína de orixe animal na alimentación dos peixes, como por exemplo o uso da soia. De feito, estamos inmersos noutro proxecto, un proxecto Next Generation, con outros grupos do SUG involucrados nesta iniciativa.

Neste proyecto, coordinado por José Luis Soengas, da Universidade de Vigo, trátase de utilizar descartes da pesca extractiva, como o lirio, e produtos de industrias pesqueiras, como as cabezas de atún, empregando estes produtos para substituír parcialmente as fariñas de orixe animal. Neste caso concreto, na alimentación do rodaballo.

Os antibióticos a nivel europeo non son un problema maior. Pero témonos que dar conta que os maiores produtores en acuicultura son os países asiáticos, e no uso de antibióticos non hai moita transparencia. Entón eses países si que representan un problema. Seguramente haxa que tirar cara unha lexislación global, non só de países, ademais de seguir buscando alternativas ao uso de antibióticos.

Outros dos retos aos que se enfronta a acuicultura son as enfermidades que afectan ás poboacións de peixes e mariscos, sobre todo nun escenario de globalización e de movemento constante de especies e patóxenos debido ao cambio climático. A investigación pode contribuír ao desenvolvemento de métodos de prevención, diagnóstico e tratamento máis eficaces.

-Realizou estancias de investigación en Asturias, Barcelona, Italia, Australia... Que aprendeu destas experiencias e por que decidiu permanecer no Campus Terra?

-Aprendín que hai que volver para casa. Eu son un namorado de Galicia. Encántame Lugo, é unha cidade comodísima para vivir.

Polos congresos e polas estancias coñeces diversas partes do mundo. E aínda que hai sitios realmente espectaculares, coido que aquí se vive moi ben. Podemos ter un nivel de vida bastante axeitado, e non me gustan nada as grandes cidades.

Gañei tamén unha praza na Universidade de Lleida, e renunciei por estar aquí. Tocoume unha época complicada, a época da crise, que agora comeza a mudar para os que veñen detrás. Pero o grupo de investigación que temos aquí é moi interesante, e a miña idea sempre foi ficar aquí.

-Colabora con investigadores de distintas universidades e de multitude de países, ademais de participar en proxectos europeos. Por que é importante tecer estas redes de colaboración internacionais?

-Sobre todo pola financiación. Iso é o máis importante. O acceso á financiación é cada vez máis difícil e máis limitado. Os proxectos autonómicos non me lembro cando deixaron de existir, e os proxectos nacionais son dificilmente accesibles e moi competitivos, é difícil acadar financiación.

Ir cara a financiación europea permite acceder a outras fontes de financiación e contactar con grupos de investigación internacionais. Isto sempre é enriquecedor, porque hai diferentes patoloxías, diferentes especies... E, como no caso do doutorando Xoel Souto, permítenos mandalo a Escocia a estudar novas técnicas de secuenciación ou de transcriptómica que despois podemos incorporar ao noso laboratorio e ao noso facer diario.

-Por último, como xurdiu o seu interese pola veterinaria? E cando decidiu orientar a súa actividade profesional cara a ictiopatoloxía?

-Eu nacín en Arteixo, e con 17 anos vinme para aquí. Non tiña unha vocación clara, sempre me gustaron os animais, pero tiña outras inquietudes como o debuxo e as Belas Artes ou a escritura.

Xornalismo encantábame, pero non entraba nas miñas opcións. Fisioterapia daquela estaba en auxe e non me daba a nota. A Psicoloxía entrei, pero non era moi apetecible, porque daquela había moito paro. E a Veterinaria entrei porque afortunadamente renunciou outra xente que estaba por diante de mín.

A pesar de entrar dos últimos na carreira, as notas que acadei foron bastante boas, co cal era bastante factible obter financiación a través do sistema de becas. Entón os diferentes grupos de investigación interésanse por ti, para que te incorpores nas súas liñas de traballo. Había varias opcións: cirurxía, toxicoloxía, enfermidades infecciosas... E tamén anatomía patolóxica.

Contactoume Maribel Quiroga, que fora profesora miña, e ofreceume facer unha tese sobre unha patoloxía en rodaballos. Eu respondín regular, xa que se me facía moi estraño a idea dun veterinario traballando con peixes. Lembrámolo entre risas, dicíame que era moi chulo. A verdade é que despois, cando te metes en temas de investigación, da un pouco igual as especies nas que traballas, porque soes enfocarte nunha temática moi específica.

Neste senso, temos unha optativa de Anatomía de Peixes, Anfibios, Reptís e Aves Silvestres. Eu dou a parte de peixes. Pregúntolle aos alumnos cantos están interesados nos peixes, e ningún responde. Pero cando rematan danse conta de que é unha parte interesante no mundo da veterinaria, porque non hai veterinarios formados neste eido, e os veterinarios somos responsables da saúde animal, e polo tanto tamén da saúde dos peixes.

Dígolles que non se pechen portas, e despois dun tempo e a partir desas charlas, coido que esperta certo interese neste grupo de animais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2024.