Ir o contido principal

Nieves Pérez: «É importante que a xente vexa que dende a academia se segue apostando polo rural»

Nieves Pérez é técnica superior de investigación no Campus Terra
Nieves Pérez é técnica superior de investigación no Campus Terra
Nieves Pérez Rodríguez, técnica superior de investigación no Campus Terra entre outras cousas, centra os seus estudos arredor da xestión sustentable da terra e do territorio

O esmorecemento e abandono do rural é unha lacra que Galicia leva arrastrando dende hai xa un tempo. As súas consecuencias son devastadoras a nivel económico, político e social, pero tamén ambiental. A erosión da terra, o incremento da vulnerabilidade fronte ós incendios ou a perda da biodiversidade son soamente unha pequena mostra dilo.

É por iso que figuras como os Novos Entrantes, persoas que se incorporan ao ámbito agrícola sen estaren vinculadas ao mesmo, antóllanse esencias para loitar contra a sangría demográfica que está a sufrir o noso territorio. Pero o papel que poden xogar pasa por sortear unha serie de desafíos que soamente poden ser superados grazas ó labor de persoas como Nieves Pérez Rodríguez

Técnica superior de investigación no Campus Terra e membro do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), Nieves Pérez leva anos nutrindo o seu currículo mediante a participación nun extenso número de proxectos nacionais e interrexionais, plans de ordenación municipal e plataformas, todo elo dentro do amplo campo da xestión territorial.

Hoxe botamos man da súa experta voz para que nos fale, entre outras cousas, daqueles mecanismos que están postos en marcha para facilitar o acceso á terra, da importancia de fomentar a innovación no campo e da conexión existente entre a universidade e o rural.

-A sustentabilidade é un dos retos máis apremantes aos que se enfronta a sociedade. Que papel xoga a xestión territorial na superación deste desafío? 

-A xestión territorial é fundamental. Planificar e xestionar os usos do solo, ou os recursos naturais cos que contamos contribuirá positiva ou negativamente a temas tan importantes como a seguridade alimentaria, a protección do medio ambiente, a conservación do patrimonio ou a propia calidade de vida das persoas. Por iso é importante abordala dende unha perspectiva multiescalar e multidisciplinar (dimensión ambiental, económica, sociocultural), e apoiándose nos procesos participativos para involucrar a poboación como parte activa que é desa xestión dende a fase de planificación.

-Entre outras cousas, vostede participa como investigadora no Grupo Operativo TERRACTIVA, que vén de publicar unha guía co obxectivo de facilitar o acceso á terra a novos entrantes. Que importancia teñen estes perfís no futuro do modelo agrario galego e europeo? De que ferramentas dispoñen para adquirir e explotar a terra? 

-Si, foi un proxecto moi enriquecedor. Busca desenvolver enfoques, ferramentas e recursos, para inspirar e mellorar as capacidades das entidades e profesionais que apoian ás persoas novas entrantes na súa instalación na agricultura. Nel publicamos diversos documentos, entre eles a guía “aterrando no sector agrario: como apoiar ás persoas novas entrantes no acceso á terra” (que se poderá atopar en breve na web de TERRACTIVA), dirixida  a entidades e profesionais que, en maior ou menor medida, están a acompañar e asesorar a estas persoas no inicio da súa actividade, e tamén a aqueloutras que queren comezar a prestar ese tipo de apoio. 

Este documento ten como finalidade:

  • Inspirar unha reflexión global sobre o proceso de busca, selección, negociación e formalización do acceso ás terras por parte dun novo ou nova entrante.
  • Sistematizar o tipo e o enfoque do apoio que a entidade pode dar a esas incorporacións ex novo á actividade agraria.
  • Proporcionar un modelo a partir do cal a entidade de apoio pode elaborar un manual práctico co cal dirixir a súa acción de acompañamento á persoa NE (Nova Entrante), axustándoo á súa propia situación, contexto territorial, recursos e capacidades.

Ó igual que sucede noutros sectores, os/as novas entrantes na agricultura, que nós definimos na guía como aquelas que inician por primeira vez unha actividade agrícola e/ou gandeira e que non teñen vinculación previa co sector agrario, veñen a contrarrestar, tanto en Galicia como en Europa, o esmorecemento demográfico do sector, xa que a sucesión familiar non parece que vaia asegurar as necesidades de relevo xeracional que temos na agricultura.  

Tal como sinalamos na guía, este tipo de novas incorporacións afronta dificultades propias, adicionais ás xa enfrontadas polo conxunto do sector produtor. En moitas ocasións estas persoas non contan con experiencia nin con coñecementos agrarios, non teñen conexións directas co sector, nin mesmo co rural e, frecuentemente, carecen de capital ou patrimonio suficientes para comezar unha nova actividade económica. 

Ademais, un dos maiores retos para o colectivo de NE é o acceso á terra, suficiente en cantidade e calidade. E este reto debe abordarse por fases, e a primeira é máis esencial e definir cales son as necesidades de terra para a actividade que vai desenvolver, en cantidade, en calidade, localización, necesidades de acceso a auga, etc. Algo que parece moi obvio e que as veces non se fai condicionando a viabilidade da propia iniciativa que queren desenvolver.

Tamén realizamos unha recompilación de experiencias inspiradoras, unha escolma de diferentes iniciativas, en distintos países, que buscan apoiar a novos entrantes na busca e acceso a terras para o seu proxecto.  E estase a rematar un portelo de apoio precisamente pensando nas súas necesidades para a comarca das mariñas, Cultiva nas Mariñas.

Ó respecto da importancia destes perfís, tanto a nivel europeo como galego, as estatísticas indican que o sector agrario (ó igual que sucede en outros) está envellecido, e existe en moitos casos una falta de relevo no ámbito familiar, por cuestións moi diversas. Só por aportar algún dato, segundo o ultimo censo agrario (2020), en Galicia, algo máis do 48% dos xefes de explotación estaban por riba dos 64 anos, e un 23% entre 55 e 64.

Un dos maiores retos para o colectivo de Novos Entrantes é o acceso á terra
Un dos maiores retos para o colectivo de Novos Entrantes é o acceso á terra

-Vostede tamén forma parte do grupo de investigación LaboraTe (Laboratorio do Territorio). Cales son as súas liñas de investigación actuais?

-Teño a sorte de formar parte do LaboraTe dende o ano 2009, e de traballar con investigadores de referencia en liñas como a xestión de terras, cambios de uso do solo ou a ordenación territorial: levo aprendido moito deles e con eles. 

Neste senso os meus principais campos de traballo están relacionados co desenvolvemento e a innovación en materia de tecnoloxías xeoespaciais e xestión territorial:  

  • Análise e diagnose de dinámicas e instrumentos territoriais en materia de usos da terra, propiedade e mobilidade de terras, xestión de recursos naturais e desenvolvemento rural.  
  • Construción, procesado e depuración de bases de datos xeoespaciais.  
  • Aplicación de técnicas de análise xeoespacial. 
  • Desenvolvemento de proxectos de innovación no ámbito da planificación territorial e a elaboración de informes científico-técnicos.

-Nuns días rematará o prazo para concorrer aos Premios Rafael Crecente a iniciativas innovadoras de xestión territorial, convocados pola USC a través do Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o LaboraTe. Que papel xogan este tipo de certames no fomento e promoción da innovación no ámbito da xestión territorial? 

-Eu creo que dan visibilidade a disciplinas que á xente lle costa máis relacionar coa investigación e coa innovación. Nestes premios teñen cabida moitos dos traballos que se desenvolven no Campus Terra, non só por investigadores, tamén por alumnos que plasman as súas ideas, en moitos casos novidosas, nun TFM ou TFG, poñelos en valor, darlle visibilidade, que a xente vexa que dende a academia se sigue apostando polo rural. É unha forma de valorizar a investigación en xestión territorial en sentido amplo, dende o ámbito académico, e orientada a práctica, tal como Rafa tentou facer sempre ó longo da súa traxectoria na USC.

-Vostede ten experiencia na elaboración de Plans Xerais de Ordenación Municipal. Cales son as súas funcións como enxeñeira agrónoma dentro do ámbito da planificación urbanística? 

-A propia lexislación indica que un Plan Xeral debe ser realizado por un equipo multidisciplinar, por tanto, e tendo en conta que estamos regulando as determinacións tamén do solo rústico, parece axeitado que teñan cabida os enxeñeiros agrónomos. 

Pero, concretamente no grupo de investigación, o que se buscaba era a aplicación de innovacións tecnolóxicas, metodolóxicas e conceptuais desenvoltas a través de proxectos de investigación; así facíase, por poñer un exemplo, unha delimitación de núcleo de maneira “clásica” e  outra empregando un algoritmo deseñado para realizar de maneira automática a delimitación, o que permitía comparar os resultados.

Por tanto as funcións dos enxeñeiros agrónomos ou de montes que traballabamos en planificación  no grupo, non eran soamente as de redacción do plan, senón que ían sempre buscando acadar esa compoñente investigadora, testando as ferramentas que se deseñaban por outra parte dos investigadores, máis centrada no desenvolvemento destas ferramentas. 

-Plataformas como ATERRA son unha ferramenta excepcional para impulsar novos proxectos agrogandeiros, redistribuír eficientemente a propiedade da terra e promover un uso sostible do territorio. En que se basea o funcionamento desta iniciativa que vostede axudou a poñer en marcha?

-Este tipo de plataformas, como sucede coa maioría, non funcionarán se non ten xente que as fomente e as empregue. Pero centrándonos no funcionamento da ferramenta en si, dende o grupo realizouse un esforzo por deseñar un visor onde non sexa preciso ter coñecementos de programación para crear un formulario, subir unha capa procedente dun SIX ou conectar un WMS. Estase a empregar en ATERRA pero tamén en outros proxectos, coa vantaxe de que o/a técnico/a que traballa co visor pode adaptalo as súas necesidades directamente, xerando el mesmo os formularios ou cargando as capas, cambiando as lendas, só cunha conta de administrador.

-A proliferación de incendios forestais e a xestión do territorio son dous elementos que están estreitamente ligados. Cales son as tendencias actuais para loitar contra o lume dende a perspectiva da ordenación territorial? Como podemos actuar como sociedade para atallar esta problemática?  

-Dende a perspectiva da xestión do territorio, o que se busca é reducir a intensidade e a incidencia  dos incendios, e tentar incrementar a resiliencia das aldeas. Isto, dito de maneira sinxela, non é máis (nin menos) que xestionar activamente, e cunha boa ordenación de usos, a súa contorna; algo similar ó que viñan facendo os nosos avós na xuventude.

Parece sinxelo, pero os cambios de uso producidos no solo nas ultimas décadas, o abandono, a falta de incorporacións ó sector agrario, ou a fragmentación da propiedade condicionan en moitas ocasións que isto suceda. 

Segundo as últimas estatísticas catastrais (2023), Galicia conta cunha superficie considerada rústica de algo máis de 2,82 millóns de hectáreas, distribuídas nuns 10,9 millóns de parcelas e algo máis de 1,7 millóns de titulares, das que máis dun 66 % son persoas físicas. Si cada titular xestiona ou cede (da maneira que considere) as súas terras para xestionar, imaxinade a cantidade de proxectos viables que poderían coexistir.

Un estudo recente (Corbelle-Rico et al., 2022, https://doi.org/10.1016/j.landusepol.2021.105808) estimaba que a posta en produción de terras con boa aptitude agraria (unas 500.000ha) podería supoñer unha achega anual ó PIB galego de algo máis de 400 millóns de euros.

-E xa para rematar, hai uns anos vostede traballou como mediadora e vedora en diversas campañas de vendima. Que nos pode contar sobre estas experiencias?

-Si, fai moitos anos, son deses primeiros traballos que atopas ó saír da facultade, e gardo bos recordos desas xornadas mirando si o que entraba nas adegas era Mencía ou Mouratón que querían ver si pasaba por Mencía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2024.