Ir o contido principal

Javier Ferreiro: «As ameazas e os problemas de conservación non saben de fronteiras»

Javier Ferreiro centra o seu traballo na xestión da biodiversidade e na conservación do patrimonio natural
Javier Ferreiro centra o seu traballo na xestión da biodiversidade e na conservación do patrimonio natural
O Doutor en Enxeñaría Forestal e investigador contratado do IBADER, Javier Ferreiro, reflexiona sobre o papel que xoga a conservación de ecosistemas na transición ecolóxica

A conservación, aínda que a súa etimoloxía e os seus termos derivados podan suxerir o contrario, é unha disciplina en constante cambio e evolución, que precisa ser renovada e reformulada a diario para poder responder ás demandas medioambientais do noso planeta, o noso único fogar.

A aplicación de novas tecnoloxías de vangarda, a estandarización da información ou a promoción das sinerxías entre as distintas ramas do coñecemento son algunhas das estratexias que nutren unha perspectiva da preservación do patrimonio natural que se quere necesaria e eficaz. Unha óptica que Javier Ferreiro da Costa coñece como a palma da súa man.

Premio Extraordinario de Doutoramento en Enxeñaría Forestal pola Universidade de Santiago de Compostela e investigador contratado do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus Terra, Javier Ferreiro goza dunha consolidada voz no mundo da xestión da biodiversidade, protección de hábitats de interese comunitario e conservación do patrimonio natural.

A súa dilatada experiencia na preparación de candidaturas e xestión técnica de proxectos do programa europeo LIFE ou a súa participación no equipo de traballo da redacción do Plan Director da Rede Natura 2000 son soamente unha pequena mostra dunha traxectoria investigadora fraguada no compromiso co planeta, coa nosa terra e co futuro.

Nesta ocasión, convidámosvos a ser testemuñas das valiosas reflexións das que Javier Ferreiro nos fai entrega na entrevista de hoxe, na que trata cuestións tan relevantes como a importancia de protexer os ecosistemas turfófilos, a necesidade de crear proxectos de carácter transnacional no ámbito de conservación medioambiental ou a situación actual de Galicia en materia de declaración de áreas protexidas.

-A conservación e preservación da biodiversidade son sen dúbida algúns dos grandes retos aos que nos enfrontamos como sociedade. Que relacións se poden establecer entre a conservación e elementos como a xestión territorial, as prácticas agropecuarias ou a gobernanza rural?

-As políticas sectoriais que se desenvolven no medio ambiente deben ter en conta os elementos clave para a conservación que están presentes no territorio, xa que son elementos que posúen un valor patrimonial (patrimonio natural), e polo tanto deben ser preservados. E de feito, na actualidade así se implementa a través da súa lexislación de aplicación, xa que cada vez máis todas as políticas sectoriais incorporan preceptos de sostibilidade e conservación no seu articulado.

Iso non implica que non existan procedementos que non sexan o suficientemente rigorosos ou que se poidan mellorar as disposicións legais. Todo é mellorable. E aínda temos un longo camiño por percorrer en materia de concienciación e sensibilización da sociedade neste eido. 

Todos entendemos que o patrimonio cultural debe ser conservado e valorizado: a ninguén lle parecería ben que na mesma Praza do Obradoiro, diante da Catedral de Santiago de Compostela, se instalase un centro comercial, ou que a Muralla de Lugo fose derribada parcialmente para facer máis prazas de aparcamento arredor do centro da cidade. 

Pois tamén os nosos ecosistemas naturais son de incalculable valor, xa que a biodiversidade constitúe o noso patrimonio natural, e polo tanto debería haber a mesma concienciación sobre transformar unha duna para plantar piñeiros, ou afectar a poboacións de mexillón de río para instalar equipamentos recreativos. E polo de agora non a hai.

-Cóntenos, cales son as novas tendencias no referente á conservación? Que papel poden chegar a xogar certas tecnoloxías en auxe, como por exemplo a intelixencia artificial, na protección dos ecosistemas?

-O certo é que o panorama xeral mudou bastante nas últimas 3 décadas en materia de medio ambiente. E isto motivou que o mundo da conservación se adaptase rapidamente, ou mesmo incluso foi moi por diante doutros sectores. Na actualidade as áreas protexidas intégranse en redes internacionais (entre as que destaca, sen dúbida pola súa importancia e alcance territorial, a Rede Natura 2000), o que provoca unha necesidade importante de intercambio de información diagnóstica dentro desas redes, e polo tanto a necesidade de estandarizar e actualizar toda a información dispoñible.

Isto motivou que a incorporación de novas tecnoloxías fose practicamente unha obriga dende o comezo do funcionamento destas redes internacionais de espazos. Hai 30 anos comezamos a empregar os Sistemas de Información Xeográfica (SIX), que posibilitaron facer análises multiparamétricas, superpoñer capas xeográficas de distintas orixes e períodos, e xerar cartografías ambientais que logo puideron ser subidas a repositorios internacionais de áreas protexidas para a súa descarga ou a visores web para consulta de toda a sociedade.

Coa chegada dos SIX chegou tamén a intelixencia artificial (a pesares de que parece algo moi recente) para a análise de sensores remotos (fotografías aéreas, imaxes satélite) mediante clasificacións automáticas, que foron mellorando a súa precisión de xeito espectacular. E dende hai uns 10 anos, a incorporación de aeronaves non tripuladas (UAVs) permitiu un avance en materia de protección e vixilancia de valores ambientais concretos, xa que permiten chegar de xeito inmediato a lugares ou situacións de moi difícil acceso, que ocasionaban un despregue de medios e tempo moi custosos.

Con todo, as clasificacións automáticas realizadas con intelixencia artificial, inda que cada vez son máis certeiras, deben ser supervisadas e adestradas polas persoas que as manexan. Aínda non atopei unha intelixencia artificial que poida competir con persoal coa debida formación científico-técnica, o coñecemento preciso e a experiencia necesaria, na identificación de hábitats de interese para a conservación sobre fotografía aérea.

En materia de traballos no medio ambiente, a intelixencia artificial pode ser de gran axuda se se adestra ben e se emprega para mellorar a precisión de determinadas tarefas, pero o seu uso non pode ser un fin mesmo, é simplemente unha ferramenta que mellora o traballo.

-Unha das súas últimas investigacións pon o foco sobre a modificación das turbeiras por mor da creación de parques eólicos nas mesmas. Que papel xogan estes ecosistemas na loita contra o cambio climático? Como podemos acadar unha transición ecolóxica sen participar no deterioro deste tipo hábitats? 

-Absolutamente non podemos falar de transición ecolóxica, nin de adaptación ou mitigación climáticas, sen protexer e conservar os ecosistemas turfófilos, isto é, as turbeiras (en todas as súas variantes) e os queirogais húmidos.

Turbeiras e queirogais húmidos posúen o maior valor de conservación da biodiversidade a nivel rexional, pero tamén a nivel estatal e europeo, xa que albergan poboacións de especies propias destes ambientes (que desaparecerían en caso de perder estes medios), xogan un importante papel de enlace na migración e intercambio xenético da biodiversidade, e ademais son reguladores principais nos ciclos hidrolóxico e de nutrientes, presentando unha elevada fraxilidade e vulnerabilidade.

Pero ademais, polo seu funcionamento natural, son os sumidoiros con maior capacidade de retención de carbono a longo prazo, e polo tanto son os nosos maiores aliados na loita climática. Falar de descarbonización, de redución de emisións, ou mesmo de cambio de modelo de transporte, pero non prestar atención á nosa mellor arma fronte ao cambio climático, resulta completamente absurdo. Xa están aí, fan o que precisamos, non hai que construílos, crealos ou xeralos. Soamente conservalos.

Por iso non entendemos a promoción desmedida de desenvolvementos eólicos que presuntamente serven para reducir emisións de carbono, pero que causan a perda e transformación das nosas mellores representacións de hábitats turfófilos, destruíndo a súa biodiversidade e perdendo a súa función como sumidoiros naturais de carbono a longo prazo. E de aí o noso artigo, xunto a unha morea de investigadores europeos na materia, denunciando este proceso.

As turbeiras e queirogais son os sumidoiros con maior capacidade de retención de carbono a longo prazo
As turbeiras e queirogais son os sumidoiros con maior capacidade de retención de carbono a longo prazo

-Dende fai algo máis de 30 anos, o programa LIFE vén sendo o único instrumento financeiro da Unión Europea dedicado exclusivamente ao medio ambiente. Vostede coñéceo de primeira man, xa que ten participado en varios proxectos deste programa. Cales foron as súas funcións dentro destes proxectos? Como mudou a realidade das diferentes localizacións sobre as que se traballou?

-O meu traballo con estes proxectos comeza dende antes do proxecto, coa preparación da candidatura, incluíndo a procura de socios, a selección de localizacións, a avaliación de alternativas, a consecución de apoios ao proxecto, e a redacción do documento. E case poderiamos dicir que está é a parte máis complexa, xa que se parte dunha idea, e logo hai que materializala, deseñala, orzamentala, e finalmente validala cunha avaliación durísima a nivel europeo.

Cada ano participan máis candidaturas, pero cada vez son concedidos un menor número de proxectos, o que incrementa a competencia ata uns niveis que non imaxinabamos hai 25 anos cando comezamos a traballar nestes proxectos.

Durante o proxecto, as miñas tarefas adoitan ser a súa xestión técnica, incluíndo a redacción de documentos científico-técnicos, o seguimento das accións de restauración, a creación e supervisión de materiais divulgativos, a organización e asistencia a eventos de intercambio, a preparación dos preceptivos informes de actividade, e o apoio ao resto de socios en todo o que precisen (xa que adoitamos ser os coordinadores dos nosos proxectos).

Como galego, traballar na restauración e mellora de ecosistemas naturais en espazos naturais protexidos de Galicia, é verdadeiramente un privilexio. E poder partillar con administracións locais, autoridades competentes, ONGs, ou mesmo con propietarios privados, é probablemente o aspecto máis positivo do meu traballo.

Estes proxectos adoitan supoñer un antes e un despois no que ao estado ambiental das localizacións se refire, e tamén na capacitación técnica e coñecemento por parte dos axentes implicados, xa que as restauracións son deseñadas por persoal coa debida preparación científico-técnica, empregando material vexetal de orixe local e compatible, evitando contaminación xenética, e por suposto rexeitando o emprego de herbicidas.

Isto motiva que os resultados acadados sexan continuados e conservados polas entidades locais e autoridades competentes incluso tempo despois de rematado o proxecto, e tamén replicados noutros ámbitos e situacións ao longo do continente europeo.

-Unha característica compartida por algúns destes proxectos é o seu carácter transnacional, que dilúe as fronteiras políticas e administrativas en prol dunha xestión da biodiversidade conxunta. Que vantaxes aporta esta perspectiva?  

-Os nosos proxectos adoitan ser transnacionais, e sempre transrexionais, porque as ameazas e os problemas de conservación non saben de fronteiras, adoitan ser comúns en territorios adxacentes.

Traballar e aprender xuntos, a prol de eliminar as ameazas e mellorar o estado de conservación dos ecosistemas naturais, permite unha maior capacidade de traballo e garantir a efectividade das actuacións desenvolvidas. ¿De qué serviría eliminar unha especie invasora na ribeira galega do río Eo, se non se traballa tamén na asturiana? Pois obviamente de nada, porque a ribeira asturiana funcionaría como foco de emisión, provocando que en breve volvese a aparecer na parte galega.

Un dos nosos últimos proxectos é co servizo de Parques Nacionais de Irlanda, xa que as semellanzas con Galicia son palpables.

-Actualmente está inmerso na xestión técnica e redacción de tres candidaturas diferentes deste programa: LIFE WILD ATLANTIC NATURE, LIFE INSULAR e LIFE GLOBAL. Que nos pode contar sobre estes proxectos?

-LIFE WILD ATLANTIC NATURE é un proxecto LIFE integrado, que vén a solucionar problemas a nivel nacional, que precisa unha gran mobilización de recursos, servizos, axentes implicados e complementariedade de fondos.

Este é un proxecto de 9 anos e máis de 20 millóns de euros, para a restauración das turbeiras de cobertor na Rede Natura 2000 de Irlanda (como Estado membro que concentra máis do 90% tras a saída do Reino Unido da Unión Europea), liderado polo seu servizo de Parques Nacionais, pero no que están implicados o resto de organismos competentes: agricultura, silvicultura, gandaría, turismo, patrimonio cultural e difusión nacional.

A nosa participación neste proxecto é aportar unha visión experta das turbeiras de cobertor do Sur de Europa, e polo tanto xerar coñecemento e intercambio de información entre todos os axentes implicados, incorporando as leccións aprendidas e coñecemento xerado ao esquema de traballo desenvolvido en Irlanda.

LIFE INSULAR é un proxecto de 5 anos, e 5 millóns de euros de orzamento, para a conservación de ecosistemas naturais en illas do Océano Atlántico, para o cal foron seleccionados espazos Natura 2000 insulares en Galicia, Canarias e Irlanda.

Este proxecto vai supor un cambio da paisaxe das illas Cíes, substituíndo plantacións forestais senescentes de eucaliptos por ecosistemas naturais insulares, e polo tanto posibilitando un beneficio ambiental moi elevado, recuperando o aspecto natural das illas, previo ás iniciativas de repoboación forestal fomentadas durante o franquismo.

En Irlanda desenvolveranse actuacións moi semellantes, para a recuperación das paisaxes dunares mediante a eliminación das vellas plantacións forestais que foron establecidas polas políticas autárquicas irlandesas de mediados de século XX.

LIFE GLOBAL posúe un orzamento de algo máis de 5 millóns de euros, e 5 anos de execución, nun interesante proxecto que posibilitará a mellora do estado de conservación de hábitats e especies prioritarios para a Unión Europea, e que son considerados “paraugas”, isto é, que posúen unha reducida área de ocupación, repercuten positivamente nos espazos Natura 2000 nos que se atopan presentes, e son característicos dos 3 escenarios de maior vulnerabilidade e fraxilidade fronte ao cambio global: a zona costeira, os humidais continentais, e as áreas de montaña.

Para tal finalidade, o proxecto desenvolverá accións a pequena escala en 5 rexións do Norte da Península Ibérica, arredor do límite conformado polas rexións Atlántica e Mediterránea: en España serán Galicia, Castela e León, Euskadi e Navarra, mentres que en Portugal será a Região Norte.

-E xa para rematar. Como é o proceso de proposta dunha nova área protexida? Ten sido testemuña dalgunha candidatura que finalmente non saíra adiante?

-O proceso de proposta dunha nova área protexida difire moito en función da tipoloxía da mesma. No caso de Espazos Naturais Protexidos terrestres (Parques, Reservas, Monumentos Naturais, Paisaxes Protexidas), son as comunidades autónomas as que teñen as competencias para a súa declaración, aínda que ás veces a idea pode xurdir da motivación dun axente ou colectivo concretos. No caso de Espazos Naturais Protexidos mariños en augas territoriais españolas, é o Ministerio en materia de medio ambiente o que ten atribuídas esas competencias.

Cabe salientar que en Galicia posuímos dúas figuras propias, os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL) e os Espazos Privados de Interese Natural (EPIN), nos que a promoción para a súa declaración, e a xestión posterior, corresponde ás administracións locais e aos propietarios privados, respectivamente, aínda que a declaración é realizada igualmente polo goberno autonómico.

No caso dos Espazos Protexidos Natura 2000, é a Unión Europea a que materializa todo o procedemento, a través das correspondentes propostas dos Estados membros, que no caso de España recórrese ás propias comunidades autónomas debido a que as competencias en materia de medio ambiente están transferidas, actuando o Ministerio como organismo de coordinación.

Pola súa banda, as Áreas Protexidas por Instrumentos Internacionais, como Humidais de Importancia Internacional, Reservas de Biosfera, ou Patrimonio Mundial, posúen unha serie de procedementos e formularios para a súa candidatura, establecidos polo convenio ou programa que os regula. Estes documentos adoitan ser dunha certa complexidade, recompilando e xerando unha gran cantidade de información ambiental científico-técnica sobre a área proposta, para demostrar que cumpre cos criterios de sustentabilidade global, participación pública, consenso social e excelencia dos valores a protexer.

En consecuencia, realizar una proposta internacional adoita ser unha tarefa reservada a equipos expertos, con persoal coa debida preparación e formación, e nesta tarefa o meu equipo de investigación posúe unha gran experiencia.

Con todo, non sempre todas as iniciativas para a declaración dunha área protexida saen adiante. A complexidade en todos estes procedementos pode levar aparellada a aparición de conflitos de intereses, desinformación mediática, ou campañas de desprestixio, que finalmente motivan que os responsables das tomas de decisións prefiran non seguir adiante con esa candidatura, e que esa idea quede gardada nun caixón.

Este tipo de decisións resultan especialmente graves tendo en conta da necesidade que temos na actualidade en Galicia de incrementar a nosa superficie protexida para cumprir os obxectivos das Estratexias Europea e Mundial de Biodiversidade cara 2030, xa que unha das principais conclusións da miña tese doutoral, lida hai dous anos, e que vén de recibir o Premio Extraordinario de Doutoramento, é que Galicia é a comunidade autónoma de España que en peor situación se atopa para cumprir os estándares internacionais en materia de declaración de áreas protexidas.

E isto é unha mágoa, tendo en conta os elevados valores albergados na biodiversidade galega, en comparación co resto da Península Ibérica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2024.