Ir o contido principal

GA-LINK, o rural a golpe dun clic

O equipo de GA-LINK presentouse á Terra Creative Jam con 5 membros
O equipo de GA-LINK presentouse á Terra Creative Jam con 5 membros
A terceira edición de Terra Creative Jam premia a plataforma creada por cinco estudantes do Campus Terra para dar a coñecer a oferta de actividades e eventos de territorios como Galicia

O mundo está trufado de encantos. De cousas que ver e facer. Ocorre que, con frecuencia, moitas delas pasan inadvertidas. GA-LINK, a plataforma creada por un grupo de alumnos do Campus Terra, propúxose poñer remedio a este esquecemento. Como? Levando toda a oferta de lecer, actividades e eventos aos nosos teléfonos móbiles, táblets e computadores.

GA-LINK acaba de recibir o segundo premio na terceira edición do Terra Creative Jam, o programa de xeración de ideas e proxectos para reinventar o rural. Unha iniciativa promovida polo Campus Terra e a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa incubadora Lug Open Factory.

No caso de GA-LINK, esa idea de reinventar o rural orbita ao redor do coñecemento. De achegar aos miles e miles de turistas que cada ano visitan Galicia as múltiples festas, eventos e encantos que salpican unha terra chea de historia e cultura. De amabilidade e hospitalidade.

Como explican os seus promotores, a proposta de valor da plataforma é tan simple como evocadora: «Dar a coñecer dunha maneira directa todas as actividades, produtos e todas as experiencias que ofrecen os pequenos pobos de Galicia».

E é que máis aló de crear unha axenda en tempo real para que calquera poida consultar desde o seu móbil que é o que está a suceder ao seu ao redor, GA-LINK ofrece tamén a pequenos concellos, aldeas e empresas unha plataforma na que darse a coñecer, na que promocionarse. Na que poñer no mapa, en definitiva, o moito que teñen que ofrecer.

Detrás desta orixinal idea están cinco alumnos do Campus Terra que defenderon o seu proxecto na terceira edición do Terra Creative Jam. Dese premiado quinteto, hoxe continúan no proxecto tres dos mozos, dado que dous dos seus compañeiros tiveron que dar un paso ao carón por motivos de organización.

Outros virán, que cousas verán…

Detrás de GA-LINK están actualmente tres novos estudantes do Campus Terra que, paradoxalmente, naceron fóra de Galicia. Trátase de Juan Hernández, de 21 anos e orixinario de Albacete; do cacereño Gabriel Barrigón, de 20 anos; e do murciano Abel Belhaki, tamén de 20 anos.

Os dous primeiros son estudantes do Grao de Robótica do Campus Terra, mentres que Abel cursa esta mesma carreira en Alacante, pero desde hai un tempo faino na facultade de Lugo grazas ao programa de mobilidade SICUE.

Foi precisamente esa condición de vir desde fóra de Galicia a que dalgunha forma precipitou o nacemento de GA-LINK. «Ao ser tres estudantes de fóra de Galicia, puidemos sentir dunha forma máis radical a necesidade dunha aplicación que nos facilite a estancia nun territorio completamente novo».

Esa necesidade experimentada en primeira persoa foi a que aterrou o proxecto no Terra Creative Jam. «GA-LINK orixinouse como resposta a un problema tanxible na nosa vida cotiá. Neste mundo hiperconectado, a miúdo estamos máis informados sobre o que sucede alén do planeta que na nosa propia veciñanza», subliñan os seus creadores.

A plataforma parte dunha interface moi simple e intuitiva na que calquera usuario pode consultar todos eses eventos, festas e atractivos que pode atopar preto da súa localización. Unha sorte de mapa colectivo no que profundar nas paixóns e afeccións individuais.

GA-LINK quere poñer en valor toda a ofera de lecer de Galicia
GA-LINK quere poñer en valor toda a ofera de lecer de Galicia

«Por exemplo -explican desde o equipo de GA-LINK-, alguén apaixonado polo viño é máis propenso a estar informado sobre as festas vinícolas próximas. Con todo, que sucede con aqueles que poderían compartir esa paixón, pero aínda non o saben? Precisamente, estas persoas enfrontan dificultades para decatarse das festividades relacionadas co viño na súa contorna. En resposta a esta brecha informativa, naceu a idea de desenvolver unha aplicación que presente un mapa con todas as actividades dispoñibles. Desta maneira, proporcionamos opcións a quen non teñen claro que actividade desexan realizar, fomentando a participación de novas persoas nestes eventos locais».

Desenvolvemento sostible e crecemento do rural

É ese carácter aberto, transparente e colectivo o que pode representar un revulsivo para o rural, a idea central dun programa creativo como é Terra Creative Jam. «A capacidade de GA-LINK para conectar á comunidade local con turistas potenciais e ofrecer unha visión completa das ofertas turísticas pode contribuír significativamente ao desenvolvemento sostible e ao crecemento do turismo rural na rexión», detallan.

En relación coa participación no Terra Creative Jam, os estudantes aseguran que o programa supuxo «unha proba para as nosas habilidades de colaboración e creatividade. Tamén nos permitiu descubrir o ambiente da Jam, á vez que coñecer a novas persoas, expandir os nosos contactos e aprender doutros integrantes do equipo».

Sobre os plans de futuro da plataforma, os tres estudantes que lideran o proxecto sosteñen que, a curto prazo, o obxectivo é acabar o MVP (acrónimo en inglés de produto mínimo viable). A partir de aí, confían en presentar a plataforma a investidores, pero tamén ao Goberno galego.

Con esas bazas debaixo do brazo, pasarían a potenciar a capacidade da plataforma ampliando o catálogo de pobos, eventos e lugares incluídos en GA-LINK. A longo prazo, entre os seus desexos está chegar a todas as comunidades españolas e, no horizonte final, mesmo ao estranxeiro.

Esta é a folla de roteiro de GA-LINK, o rural a golpe dun clic…

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.01.2024.